A Xunta recorreu ante o Supremo unha sentenza que a obrigaba a ese desembolso pero a consultora Deloitte considera “probable a súa desestimación”
Hai un ano a Audiencia Provincial da Coruña condenou á Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, a pagar á construtora FCC 2,5 millóns de euros en sobrecustos pola execución do Museo do complexo e outro medio millón como xuros de demora. A Cidade da Cultura recorreu esa sentenza ante o Tribunal Supremo pero a consultora encargada de auditar as súas contas xa dá por perdidos eses cartos e o recurso, “sendo probable, polos escasos asuntos que se deliberan, a súa desestimación”, di.
A Fundación Cidade da Cultura vén de facer pública a auditoría anual das súas contas correspondente a 2017, elaborada pola consultora Deloitte e na que se reflicte que esa contía a pagar a FCC xa foi incorporada como parte do custo do edificio, asumindo como “probable” que o recurso ante o Supremo non prosperará. Quedaría así ratificada unha sentenza da Audiencia da Coruña que admitía a demanda da construtora asumindo que o proxecto do edificio tiña “erros”, “carecía da necesaria definición” e “non estaba suficientemente desenvolvido e esta función foina asumindo FCC”.
A Audiencia da Coruña dixo que o proxecto do Museo tiña “erros”, "carecía da necesaria definición” e “non estaba suficientemente desenvolvido”, eivas que tivo que asumir a construtora
FCC, antes controlada polas Koplowitz e agora por Carlos Slim, foi a adxudicataria en 2004 do maior edificio do complexo impulsado por Manuel Fraga, que hoxe alberga o Museo de Galicia. A obra entregouna en 2012, logo de tres modificados, e iniciou unha negociación coa Fundación Cidade da Cultura para a determinación da liquidación final do contrato por sobrecustos en diversos traballos. Nun deles, pola colocación da pedra na fachada e na cuberta, a Audiencia da Coruña estableceu que “se produciron atrasos non imputables á construtora, toda vez que a súa única causa foi a falta de subministro de pedra, sendo esa unha obriga que competía á Fundación”. Esa falta de subministro debeuse á incapacidade da canteira elixida pola Xunta, propiedade do daquela alcalde do PP en Ortigueira, Antonio Campo Fernández, que o ano pasado entrou en concurso.
En total, a construción ata agora dos catro edificios xa rematados da Cidade da Cultura supuxo máis de 300 millóns de euros, máis do dobre do previsto inicialmente para os seis edificios que ía ter o complexo. Cando en 2004 o Consello de Contas analizou o estado do proxecto constatou que xa daquela se rexistrara uns sobrecustos medios próximos ao 200% que nalgunhas áreas das obras chegaban a aproximarse ao 500%. Ademais, malia a súa promesa de non seguir construíndoo, o actual Goberno galego vén de adxudicar a execución nel dun novo edificio de oficinas para as universidades por preto de 15 millóns de euros máis que aproveitará as estruturas a medio levantar do que ía ser o Teatro nunca rematado. Adxudicouno a unha das empresas que ía construír o edificio anterior e para pagalo vén de desviar fondos inicialmente previstos para I+D das universidades.