0 Gardados para despois

A Xunta adxudica o novo edificio do Gaiás a unha das empresas que ía construír o Teatro suprimido

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


No verán de 2005, tras perder as eleccións autonómicas, a Xunta xa en funcións de Manuel Fraga, con Feijóo como vicepresidente, adxudicou por 82,5 millóns de euros o que ía ser o Teatro da Cidade da Cultura a unha unión temporal de empresas (UTE) formada polas construtoras Necso (filial de Acciona), Copasa e OHL. Cando a estrutura do edificio estaba a medio levantar, en 2013 o Goberno de Feijóo decidiu que non se remataría e negociou coas construtoras un acordo nunca desvelado co que supostamente non tivo que indemnizalas por parar os traballos. Agora unha daquelas empresas, Acciona, será, en sociedade coa construtora San José, a que execute por 14,7 millóns de euros o novo Edificio Fontán anunciado o pasado maio por Feijóo como sede para as tres universidades galegas e que se levantará no mesmo emprazamento que ía ocupar o Teatro.

Acciona, a cuxa filial Necso outorgara o contrato anterior o Goberno de Fraga tras perder as autonómicas de 2005, será agora xunto con San José a encargada de levantar o Edificio Fontán por 14,7 millóns

Cando en 2013 Feijóo recolleu unha proposta do BNG e ordenou paralizar os traballos aínda non rematados da Cidade da Cultura, cuxa construción xa consumiu máis de 300 millóns de euros, o triplo do previsto inicialmente, aínda estaban sen concluír dous dos seis edificios do complexo. O Teatro estaba ao 17% da súa execución, adxudicada por 82,5 millóns, mentres que só chegara ao 8% o veciño edificio de novas tecnoloxías (despois renomeado), adxudicado tamén polo Goberno de Fraga en funcións por 35 millóns a outra UTE tamén liderada por Necso e con Copasa nese caso como única socia.

Un ano despois Feijóo ofreceu ás empresas a posibilidade de propoñer outros usos a eses espazos e facerse cargo da súa xestión a cambio de non ter que indemnizalas por parar as obras que tiñan adxudicadas cunha contía que segundo dixo ascendería a uns “cinco millóns de euros”. Malia que finalmente as empresas non aceptaron o ofrecemento da Xunta, esta mantivo todo este tempo que se chegou a unha “rescisión por mutuo acordo” daqueles contratos polo que as construtoras renunciaron ao que xa tiñan adxudicado a cambio de nada.

Vista do Gaiás, cos diversos usos que a Xunta asignou aos edificios dende o inicio do proxecto

Aqueles dous espazos sen rematar comezaran a ser acondicionados en parte como parque e auditorio ao aire libre cando o pasado maio Feijóo anunciou que parte da estrutura xa levantada do Teatro ía ser aproveitada para un novo edificio de oficinas que albergará entre outras cousas unha sede conxunta das tres universidades galegas. A obra licitouse en xullo por 17 millóns de euros e este xoves vén de ser adxudicada a Acciona e San José por 14,7 millóns de euros, a segunda oferta máis barata nun proceso no que tamén se tiveron en conta outros factores. No concurso recibíronse outras seis ofertas: das unións temporais de empresas (UTE) formadas por OHL-Arias, Copasa-Taboada y Ramos, Dragados-Petrolam, Ferrovial-OCA-Vázquez y Reino, e das firmas a título individual Copcisa e Puentes y Calzadas.

Tras o cambio no Goberno central Feijóo pasou a pedir a súa colaboración económica co novo edificio, a cuxa construción transvasou fondos destinados previamente a I+D das universidades

Uns días antes da licitación do contrato, unha vez mudado o Goberno central tras a moción de censura de Pedro Sánchez contra Mariano Rajoy, Feijóo pediu ao novo Executivo que o axude a pagar o novo edificio, cuestión que non mencionara cando aínda exercía o anterior goberno popular. E uns días despois da licitación a Xunta comezou a transvasar fondos inicialmente destinados a I+D+i das universidades á construción do edificio.

O Edificio Fontán e o auditorio ao aire libre que se está a construír en parte dos cimentos do teatro nunca rematado

Recreación do Edificio Fontán do Gaiás

Edificio Fontán e, ao fondo, o edificio dos servizos informáticos da Xunta

Vista do auditorio ao aire libre e o futuro Edificio Fontán do Gaiás, coa biblioteca á dereita

Recreación do Edificio Fontán do Gaiás

Edificio Fontán da Cidade da Cultura

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.