A Xunta apela á "discreción" para non informar das negociacións sobre a parálise do Gaiás

Vista da Cidade da Cultura CC-BY-SA Merixo

O pasado 26 de marzo o Parlamento galego dáballe luz verde a unha proposta cuxa aprobación foi unha sorpresa mesmo para quen a propuña. O BNG reclamaba que a Cámara galega sentenciase definitivamente os dous edificios da Cidade da Cultura que aínda non foron construídos, o Centro de Música e Artes Escénicas e o Centro de Arte Internacional, e a posición inicial do PP semellaba que todo seguiría o guión previsto. O seu voceiro no debate, Agustín Baamonde, realizou unha acendida defensa do proxecto que  Manuel Fraga definira como o seu "soño" pero, unha orde de última hora de Alberto Núñez Feijóo, levou os 41 deputados conservadores a premer o botón do "si" e aceptar a iniciativa nacionalista, que tivo tamén o voto afirmativo de AGE e a abstención do PSdeG. Dous meses despois, a Xunta apela á "discreción" para cumprir o acordo".

A moción aprobada en marzo era clara: "o Parlamento insta a Xunta a iniciar de inmediato os trámites necesarios para proceder á paralización definitiva dos dous edificios pendentes de construír" no complexo do monte Gaiás, os cales estaba previsto reanudar en 2014. Hai poucas datas, a través da deputada Ana Pontón, o BNG preguntou por escrito sobre "as actuacións e o prazo previsto pola Xunta" para o "cumprimento do acordo", así como sobre a marcha das "negociacións iniciadas coas empresas adxudicatarias en relación co seu custo", isto é, sobre as compensacións que recibirán por non facer as obras contratadas. E o Executivo non ofrece moitos datos amparándose na devandita discreción.

"O proceso prevese dilatado no tempo e debe ser levado coa máxima discreción", argumenta a Xunta para non ofrecer datos das negociacións

"Dende o preciso momento en que se aprobou" a moción, di a Consellería de Cultura e Educación, o Goberno "comezou a dar os pasos necesarios para que o proceso de negociación coas empresas" permita "proceder á máis pronta resolución dos contratos co mínimo custo para as arcas públicas galegas". Pero este proceso "prevese dilatado no tempo e debe ser levado coa máxima discreción", de aí que a impulsora da iniciativa non poida recibir información ao respecto, aínda que si unha gabanza sobre o "exercicio de responsabilidade" que supón a parálise, "en consonancia co actual contexto económico, afondándose deste xeito na liña política de xestión dos edificios do complexo baixo o principio de austeridade".

Neste contexto, o Executivo si aproveita, non obstante, para afirmar que "continuará desenvolvendo nos edificios en funcionamento unha extensa programación que contribúa a asentar unha oferta cultural innovadora e que lle permita exercer de plataforma para a creación e a proxección exterior da cultura galega". A Consellería obvia, así e todo, que manter aberto o Gaiás custa arredor de 9.000 euros ao día, nun contexto no que os edificios deseñados por Peter Einseman consomen, vía Fundación Cidade da Cultura, 10,4 millóns de euros dos Orzamentos Xerais de 2013, o que equivale a 16 de cada 100 euros do orzamento cultural da Administración autonómica.

Espazo que ocuparían os edificios pendentes CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.