O Gaiás, 300 millóns despois: de contedor sen contido de Fraga a difuso parque tecnolóxico de Feijóo

Biblioteca da Cidade da Cultura CC-BY-SA Merixo

Dúas décadas despois do seu lanzamento, e tras gastar xa a Xunta na súa construción uns 300 millóns de euros, o triplo do previsto inicialmente, a Cidade da Cultura, o proxecto faraónico que Manuel Fraga definiu como o seu "soño", deseñado polo arquitecto Peter Eisenman, segue sen ter definido por completo o seu contido. Esta semana, tras anos de bandazos e indefinicións dos sucesivos gobernos galegos, Alberto Núñez Feijóo anunciou dúas novidades. Por unha banda, e malia prometer en 2013 non seguir construíndo o complexo, agora erguerá nel un novo edificio de oficinas para as universidades galegas por uns 17 millóns de euros. Ao tempo, cederá un dos principais espazos do complexo á multinacional Indra para que instale un centro de tecnoloxías socio-sanitarias no mesmo edificio no que xa conviven áreas de coworking con dependencias administrativas.

Cen millóns de euros era o que o Goberno galego presidido daquela por Manuel Fraga prevía gastar na Cidade da Cultura de Galicia cando, en 1999, iniciou a planificación dun complexo impulsado á calor doutros grandes proxectos urbanístico-culturais como o museo Guggenheim de Bilbao ou a Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia. O proxecto comandado polo daquela conselleiro de Cultura, Jesús Pérez Varela, botou a andar sen moitos máis contidos definidos que os nomes dos edificios e ía estar rematado na contorna do ano 2005. No entanto, cando o Consello de Contas examinou o estado do proxecto á altura do ano 2004 detectou desviacións temporais de máis de media década e un sobrecusto medio próximo ao 200% que nalgunhas áreas das obras chegaban a aproximarse ao 500%.

Membros da comisión da Cidade da Cultura, de visita nas obras Gaiás © Parlamento de Galicia

O Consello de Contas detectou en 2004 desviacións de máis de media década nas obras e un sobrecusto medio próximo ao 200%

Aínda que se refería ao 2004 aquel demoledor informe de fiscalización non viu a luz ata 2007, cando en Galicia xa gobernaba o Executivo de coalición de PSdeG e BNG, inmerso nun proceso de "redefinición" do que boa parte da esquerda galega dera en cualificar como "mausoleo" de Fraga, unha vez desbotado paralizar para sempre as obras. Aquel informe aseguraba que a Administración galega "abdicara das súas responsabilidades na xestión prudente e planificada dos fondos públicos" nun marco de "indefinición xeral do proxecto" e descontrol de contratos e gastos.

A fiscalización de Contas deu lugar a unha comisión de investigación parlamentaria que tornou en escaparate de irregularidades. Dende o subministro de pedra procedente da canteira dun alcalde do PP que foi insuficiente e obrigou a importar material do Brasil ata a colocación como director económico da Fundación Cidade da Cultura dun cuñado de Mariano Rajoy que non foi quen de aclarar como dera chegado ao posto. As sospeitas políticas, de sindicatos como a CIG, do Tribunal de Cuentas e mesmo da Policía chegaron aos tribunais por varias vías, se ben as últimas dilixencias quedaron arquivadas no ano 2010 coa constatación de irregularidades, pero sen apreciar delitos.

Unha década de mudanzas

De xeito paralelo ás pescudas sobre as irregulares na concepción e contratación do edificio transcorreron as sucesivas redefinicións do proxecto e múltiples propostas de contidos máis ou menos concretos para os edificios diversos. Así, a reflexión promovida polo Goberno bipartito reformulara o Teatro da Música e o Edificio de Novas Tecnoloxías pasara a ser Centro de Arte Internacional. Tras o retorno do PP ao poder no ano 2009 o novo Executivo freou en boa medida os cambios da antiga Consellería de Cultura e abriu os primeiros edificios no ano 2011. Un ano despois, en 2012, a Xunta presentou un plan estratéxico para definir os contidos e o futuro do complexo, documento que o Goberno galego asegurou que elaborara durante dous anos e que contiña parágrafos plaxiados. Naquel ano, ademais, o PP reprochou a PSdeG e BNG que non "parasen" a construción do complexo.

Autoridades na inauguración do Gaiás, en xaneiro de 2011 © Xoán Crespo

As construtoras Acciona, Copasa e OHL supostamente renunciaron a ser indemnizadas por non construír os edificios pendentes, cuxas adxudicacións decidiu o Goberno de Fraga en funcións, con Feijóo como vicepresidente

Con ese plan supostamente en vigor foi cando en febreiro de 2013, por sorpresa, o PP apoiou no Parlamento de Galicia unha moción do BNG que pedía a “paralización definitiva dos dous edificios pendentes de construír”, o Teatro e o Centro de Arte, cuxo remate consumiría outros 170 millóns de euros a maiores dos 300 que xa se gastaran ata daquela. Un ano despois o Goberno galego rescindiu o contrato “de mutuo acordo” coas empresas ás que lle adxudicara a súa construción, Acciona, Copasa e OHL, que supostamente renunciaron a ser indemnizadas por uns contratos que lles foran adxudicados en 2005 polo goberno de Fraga, con Feijóo como vicepresidente e conselleiro, en funcións tras perder as autonómicas de aquel ano.

Mentres isto sucedía a Cidade da Cultura comezou a acoller unha programación estable de actividades culturais, moitas delas afastadas da liña habitual de actuación da propia Xunta polo seu ton e contidos e financiadas en boa medida pola opaca Fundación Gaiás. Ciclos como Atardeceres no Gaiás ou Nexos e actividades puntuais como A Cidade Imaxinaria deron ao complexo as súas primeiras imaxes de afluencia numerosa de público, en moitos casos en espazos do exterior dos propios edificios. Unha das incógnitas que abre a nova xeira tecnolóxica do Gaiás anunciada por Feijóo é o xeito en que poderán convivir, por exemplo, actividades universitarias ou de investigación con concertos e outras actividades nos grandes espazos abertos do recinto.

Situación dos edificios

A Cidade da Cultura pensada por Eisenman ía ter seis grandes edificios, dos que dous, o Teatro e o Centro de Arte, non se chegaron a facer. Esta é a situación actual do complexo:

Vista do Gaiás, cos diversos usos que a Xunta asignou aos edificios dende o inicio do proxecto CC-BY-SA Praza.gal sobre imaxe tirada de Google Maps

No espazo do inacabado teatro a Xunta promove agora un edificio universitario de 17 millóns de euros e noutra parte, un auditorio ao aire libre

Teatro Cando se paralizou en 2013 xa se levantaran algunhas estruturas que agora serán empregadas para construír un edificio de oficinas para as universidades galegas e outros organismos de nova creación, de cuxo deseño e adecuación ao proxecto de Eisenman nada se sabe, que Feijóo valorou en 17 millóns de euros. O presidente xustificou, sen ensinar ningún documento ou proxecto, que facer ese novo edificio noutro sitio custaría 30 millóns mentres que derrubar as estruturas xa levantas do inacabado Teatro custaría 7 millóns. Outra parte do espazo que ía ocupar o Teatro é un gran oco no que a Xunta está a construír un auditorio ao aire libre por 1,8 millóns de euros.

Centro de Arte: Tamén paralizado en 2013 cando non se executara máis que o oco para os cimentos. Ese espazo foi convertido en lago artificial e axardinado.

Museo: É o único edificio rematado cuxo uso actual se corresponde dalgún xeito co previsto inicialmente, pero non conta con colección permanente senón que por el van pasando sucesivas exposicións temporais. O proxecto do edificio, segundo certificou unha sentenza, tiña “erros” e “carecía da necesaria definición”, o que implicou sobrecustos.

Biblioteca e Arquivo de Galicia: Inicialmente estaba previsto un edificio para a Biblioteca e outro para o Arquivo, pero a reformulación de espazos fixo que este último se integrase no primeiro edificio.

O que ía ser o edificio do Arquivo está hoxe destinado a incubadoras de empresas e espazos de coworking; nun dos seus espazos privilexiados instalarase Indra

Centro de Emprendemento: O que ía ser o edificio do Arquivo está hoxe destinado a incubadoras de empresas e espazos de coworking con actividades non en todos os casos relacionadas co mundo cultural. Tamén ten alí a súa sede a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Dentro dese mesmo volume, pero cun acceso diferenciado e cun emprazamento privilexiado cara á praza central do complexo, está a Sala Eisenman, un amplo espazo acristalado que durante varios anos albergou unha mostra explicativa sobre o proceso de deseño e construción da propia Cidade da Cultura, con maquetas da mesma agora trasladadas ao Museo. Esa Sala Eisenman vai ser agora cedida á multinacional Indra para que instale alí un centro de tecnoloxías socio-sanitarias.

Centro de Innovación: O edificio que ía albergar os servizos centrais administrativos do complexo cultural acabou sendo na súa maioría un espazo sobrante que acolle hoxe os sistemas informáticos centrais da Xunta.

Bosque do Gaiás: A contorna dos edificios da Cidade da Cultura está a ser urbanizada e axardinada en sucesivas fases de cuxa falta de planificación económica dá conta unha modificación orzamentaria á que tivo que recorrer o Goberno galego o ano pasado para dedicar a ese cometido cartos que inicialmente ían destinados a repoboacións forestais.

Espazo que ía ocupar o nunca construído Teatro da Ópera, pouco antes da súa paralización CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.