A opaca Fundación Gaiás xa financia o 100% do programa da Cidade da Cultura

Vista do Gaiás e do espazo que ocuparían os edificios pendentes CC-BY-SA Merixo

O 29 de decembro de 2008 o Goberno de coalición de PSdeG e BNG escenificaba o centro da súa estratexia para a inconclusa Cidade da Cultura. Ao contrario do que agardaba parte da base social de socialistas e nacionalistas, o Executivo que presidía Emilio Pérez Touriño non optara por desbotar política ou fisicamente o complexo que Manuel Fraga presentara como o seu "soño". Ao contrario, apostara por seguir adiante con el, aínda que reorientando parcialmente os seus contidos e compartindo a súa xestión cun ente mixto de capital maioritariamente privado que anunciou naquela xornada a pé de obra, a Fundación Gaiás, presentada como a vía para liberar parcialmente dos custos do proxecto á Administración e, sobre todo, para que a Cidade da Cultura xerase fondos de seu. Case seis anos despois a Fundación Gaiás, cada vez máis descapitalizada en canto a cartos e persoas que a dirixan, xa financia o 100% do Plan de Acción Cultural dos edificios deseñados por Peter Einsenman. 

Boa parte das quince empresas que apoiaron a Fundación no seu nacemento son fiel reflexo da realidade económica do país nos últimos anos, feito que contribúe a agudizar a opacidade que, como informou Praza Pública, vén caracterizando á fundación. O que queda das caixas galegas agora é un banco propiedade dun grupo venezolano, Unión Fenosa pasou a ser un brazo de Gas Natural e o estaleiro Hijos de Barreras é a filial ibérica da mexicana Pemex. A Fundación Barrié, auspiciada polo Banco Pastor, agora depende do Banco Popular eo Grupo Nosa Terra, propietario de Povisa, pasa por apuros económico. Pola súa banda o Banco Gallego foi mercado polo Sabadell e quen en 2008 era o seu presidente, Juan Manuel Urgoiti, deixou de dirixir a Fundación Gaiás a pasada primavera, tras desligarse da entidade bancaria.

A Fundación Gaiás esgotou xa practicamente a metade do seu patrimonio fundacional e a Fundación Cidade da Cultura non pon cartos para o plan cultural dende 2012

Malia este confuso panorama dende que a Cidade da Cultura abriu as súas portas en 2011 a Fundación Gaiás converteuse no fornecedor principal de cartos para a programación de actividades. Segundo os datos que constan no rexistro de convenios da Xunta nestes catro anos achegou un total de 10,8 millóns de euros para financiar este programa, mentres que a Fundación Pública Cidade da Cultura, responsable da xestión do complexo, puxo 2,54 millóns de euros, concentrados nos anos 2011 e 2012. Así as cousas, nun cuatrienio a Fundación Gaiás esgotou xa practicamente a metade do seu patrimonio fundacional, constituído por 23 millóns de euros dos que 11,7 eran privados e 11,3, públicos.

Nesta conxuntura, que a Fundación Gaiás exerza de peto da Xunta para pagar os actos da Cidade da Cultura afástaa notablemente da finalidade coa que foi fundada. Segundo consta nos seus estatutos, os seus obxectos fundacionais son a "promoción, programación, xestión e explotación de actividades culturais, así como a xestión das infraestruturas relacionadas co Centro de Arte Internacional, Museo de Nenos/as e co Centro de Recursos Obradoiro, de titularidade da Fundación Cidade da Cultura". Isto é completamente imposible na actualidade, toda vez que os usos dos edificios construídos foron reformulados e a construción de dous deles -os agora denominados Teatro Obradoiro e Centro de Arte Internacional- está paralizada. Ademade, esta Fundación tampouco cumpre co seu segundo obxectivo: "a xestión das actividades complementarias ou a produción de bens susceptibles de contraprestación que sexan ofertados aos cidadáns nos centros integrantes do complexo", isto é, a xeración de ingresos.

Sen control nin información da Xunta

A Xunta, que non controla a Fundación Gaiás, non especifica nos seus orzamentos se conta ou non coas súas achegas nin informa de se as empresas inflúen na programación

Mentres, nunha resposta parlamentaria ao PSdeG, o Goberno galego admite que a Fundación Gaiás financia "o cen por cen do programa cultural da Cidade da Cultura" o control público desta entidade é nulo, así como a información que o Executivo autonómico ou as empresas que o conforman publican sobre ela. Así, por exemplo, nos Orzamentos da Fundación Pública Cidade da Cultura para 2015 consta que prevé uns ingresos por visitas, eventos ou alugueres duns 740.000 euros e cifra en 2,05 millóns os "asociados aos convenios con patrocinadores e colaboradores". Para 2014 o cálculo desta segunda partida era de 1,7 millóns e a Fundación Gaiás achegou 1,8, sen que a Xunta explicase se estes fondos son os mesmos ou se trata de acordos con outras entidades.

Asemade, a Fundación Cidade da Cultura estimou no seu orzamento para o ano que remata uns "gastos de programación" de 1,9 millóns de euros, pero non especificou se estes eran cartos procedentes do convenio coa Fundación Gaiás ou da propia Xunta. Tampouco consta documento ningún no que recolla a influencia que as empresas da Fundación Gaiás exercen ou poden exercer á hora de determinar os contidos da programación que financian.

Empresarios e cargos políticos, no nacemento da fundación en 2008 © Vieiros
Feijóo con Urgoiti, ex presidente do Banco Gallego e da Fundación Gaiás Dominio Público Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.