As protestas forzan a Xunta a corrixir o erro que deixara sen emprego a 34 investigadores de alto nivel

José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades © Xunta

A presión dos 34 investigadores e investigadoras de alto nivel que foran prexudicados polo atraso da Xunta na publicación dunha convocatoria tivo resultados. O Goberno galego anunciou na mañá deste luns que prorrogará os seus contratos ata o 15 de outubro, buscando evitar o baleiro xerado polo erro anterior, que deixou sen emprego a estes investigadores e investigadoras posdoutorais adscritos ás tres universidades galegas.

O Goberno galego anunciou na mañá deste luns que prorrogará os seus contratos ata o 15 de outubro

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, espera que os novos contratos estean xa asinados esta mesma semana. Ademais, anunciou que nas vindeiras convocatorias os procesos de avaliación se adiantarán para evitar situacións como a xerada nesta ocasión. O Goberno galego ofrece solucións, ademais, para as persoas que se atopaban en situación de baixa por maternidade ou paternidade, comprometéndose a financiar as extensións dos seus contratos "ata que remate o período da seguinte promoción", para que deste xeito "poidan presentarse no ano 2020 nas mesmas condicións que o resto".

O pasado venres as tres universidades galegas presentaran unha solicitude formal para que o Goberno galego atopase unha fórmula para financiar os contratos destes 34 investigadores e investigadoras ata que rematase a avaliación da súa traxectoria na Modalidade A deste programa de captación e retención de talento.

Os investigadores e investigadoras afectadas, que nos últimos días denunciaron a situación creada por un erro burocrático da Consellería de Educación, celebraron o anuncio da Xunta de Galicia, que recolle a maior parte das esixencias e suxestións que realizaran nos últimos días. Porén, queren agardar a que o anuncio realizado este luns se faga efectivo nun documento oficial e na propia sinatura dos contratos. Ademais, pregúntanse "se era tan sinxelo de resolver, por que non se fixo antes". Na xuntanza que mantiveran o pasado luns, os representantes da Consellería negáranse a aplicar esta solución.

Pregúntanse "se era tan sinxelo de resolver, por que non se fixo antes"

O persoal investigador sinala que o Goberno galego se viu forzado a tomar esta decisión por mor da presión exercida a través dos medios de comunicación e critican que tivesen que chegar a facer iso para que a Xunta adoptase unha solución que entenden "lóxica" e que axuda a evitar que o talento científico marche de Galicia. Finalmente, lembran tamén a incerteza creada neles pola falta de previsión do Goberno galego e pregúntanse de que forma se vai compensar, ou de que xeito se solucionarán casos particulares coma os de aqueles que xa solicitaran a prestación por desemprego.

 

Un problema xerado pola falta de previsión da Xunta 

O programa I2C da Xunta é unha das iniciativas de referencia para a captación e retención de talento científico en Galicia. Cun orzamento de 8,5 millóns de euros, ofrece a posibilidade de que as universidades galegas contraten persoal investigador de alto nivel, na súa etapa posdoutoral, despois de que pasaran durante dous anos por centros de investigación de prestixio noutros países. Despois de tres anos (Modalidade A), os investigadores e investigadoras teñen a posibilidade de renovar a súa vinculación coas universidades galegas durante outros dous anos (Modalidade B), un proceso para o que a Xunta debe publicar unha convocatoria competitiva. 

Sinalan que o Goberno galego se viu forzado a tomar esta decisión por mor da presión exercida a través dos medios de comunicación

A nova convocatoria deste programa apareceu publicada no DOG do 13 de xuño e prevé a sinatura de 21 novos contratos da Modalidade B o 1 de decembro de 2019. Isto supuña que no mellor dos casos este persoal investigador ía ficar cinco meses no paro. Esta situación prexudicaba ademais aos seus departamentos, centros de investigación e facultades, e aos proxectos nos que estivesen traballando nestes momentos, coa previsión de seguir facéndoo. Tampouco podían dar clase durante o primeiro semestre do vindeiro curso nos graos e máster aos que estivesen adscritos. Os e as investigadoras afectadas sinalaran que "esta situación non é nova, xa que se repite ano tras ano" pero que desta vez a Xunta batera "o seu propio récord de lentitude na avaliación de solicitudes", deixando pasar cando menos 171 días entre a publicación da convocatoria no DOG e a sinatura dos contratos da Modalidade B.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.