Tinder fala galego: "Moldea como nos conectamos cos demais"

A aplicación Tinder incorpora o galego © Tinder

A aplicación de citas máis descargada do mundo incorpora o galego e o eúscaro co obxectivo de que máis persoas poidan navegar e interactuar coa 'app' na súa lingua materna

Tinder, a aplicación de citas máis descargada do mundo, incorpora o galego e o eúscaro co obxectivo de que máis persoas poidan navegar e interactuar coa app na súa lingua materna. O catalán xa formaba parte do seu catálogo de linguas. "O idioma é algo profundamente persoal: moldea como nos expresamos, como nos conectamos cos demais e como nos sentimos recoñecidos", valoran dende a empresa. 

Un novo paso na súa "misión global de facer que as conexións significativas sexan accesibles para todos". "Esta actualización supón un fito clave no compromiso da app por fomentar a inclusión e apoderar a autoexpresión sen fronteiras", defenden. 

Catalán, euskera e galego xa están dispoñibles na aplicación © Tinder

"Ao sumar o galego a Tinder axudamos a que máis usuarios poidan vivir a experiencia das citas dunha maneira auténtica e na súa propia voz", manifesta Kenny Mayo Imery, senior manager de globalización e crecemento internacional en Tinder.

Tinder conta agora con 60 idiomas

A plataforma para coñecer xente de Tinder, presente en máis de 190 países, conta agora con 60 idiomas ao incorporar once novas linguas. "Con esta última ampliación, os usuarios poderán utilizar Tinder en albanés, azerí, eúscaro, bosníaco, birmano, galego, xeorxiano, jemer, lao, macedonio e suahili". 

"Tinder reafirma a súa aposta pola inclusión e a equidade lingüística, destacando a importancia de que cada persoa poida sentirse representada na plataforma", salientan no comunicado publicado este martes. Para cambiar as preferencias de idioma da app hai que acudir á configuración do dispositivo no que estea instalada. 

A 'app' Tinder nun teléfono móbil © cedida/Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.