O Ministerio do Interior sinala que en 2020 aumentaron os delitos sexuais vinculados coa tecnoloxía con vítimas menores de 16 anos, mentres que unha enquisa de Igualdade deste ano revela que case a metade das mulleres entre 16 e 24 anos foi intimidada, acosada ou agredida nas redes sociais
A Eurocámara recoñeceu en setembro do ano 2021 as violencias machistas como un eurodelito xunto a outros que é preciso combater polos Estados membros da Unión Europea (UE) como o tráfico de persoas, drogas e armas, a ciberdelincuencia e o terrorismo. "Calcúlase que o 22% das mulleres en Europa sufriron violencia física ou sexual por parte de cónxuxes antigos ou actuais, e que o 43% sufriu violencia psicolóxica por parte da súa parella a pesar de que a maioría dos casos non se denuncian", así se recolle no 'Informe sobre as violencias sexuais 2021' elaborado pola Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta, que salienta o "aumento espectacular da violencia de xénero tanto en redes sociais como na internet en xeral".
O acoso en liña é unha das principais cuestións sobre ás que a UE insiste en que é preciso lexislar. Un acoso crecente entre a mocidade que queda retratado no estudo 'Mujeres jóvenes y acoso en redes sociales', publicado en marzo deste ano polo Instituto de las Mujeres, dependente do Ministerio de Igualdad. Pois sinala que o 45,7% das mulleres entre 16 e 24 anos sentiuse –algunha vez– ofendida, humillada, intimidada, acosada e/ou agredida empregando as redes sociais.
"É acoso no momento que lle dis que non, que non queres falar con esa persoa, que lle pides que deixe de mandarche mensaxes e por exemplo segue mandándochos ou crea outra conta para facelo, iso é acoso porque xa lle dixeches que non e é que non. E no tema do bullying se te insultan sen razón é acoso". Esta enquisa encargada polo Instituto de las Mujeres á empresa 40dB baséase en seis entrevistas en profundidade a mulleres de entre 16 e 24 anos, que lles serviron para elaborar o cuestionario da enquisa que responderon mil mulleres nunha primeira fase, das que 715 contaron despois a súa experiencia a respecto do acoso nas redes.
No 79,9% dos casos indican que a situación de acoso tivo lugar no Instagram
Un 66,3% afirma ter sido vítima de acoso afectivo-sexual a través das redes e asegura que está “normalizado", polo que o acaban considerando acoso só cando se reitera no tempo. De feito, no estudo conclúen que a maioría das mulleres non o conta na súa contorna ata que o considera grave, polo que xa leva tempo sendo acosada ou ese acoso traspasou o eido dixital. Por outra banda, o 33,7% das enquisadas sufriu ciberbullying, identificado como o que sucede no entorno escolar, independentemente de se o acosador é unha persoa coñecida ou descoñecida para a vítima.
O feito de que cada vez a rapazada comece empregar antes as redes sociais xoga un papel importante, pois o acoso trasládase á pantalla con moita facilidade; tal e como se comprobou coa pandemia da COVID-19. As mulleres enquisadas comezaron consumindo contidos de YouTube (un 63,8% afirma utilizar esta rede social antes dos 12 anos), pero a rede que máis presenza ten para elas é Instagram. De feito, no 79,9% dos casos indican que a situación de acoso tivo lugar no Instagram e nun 48,3% a través de WhatsApp.
O 46% das rapazas di que resolveu soa a situación por vergoña, non preocupar á familia ou sentir que era a súa culpa
A respecto da motivación da situación de acoso experimentada, o 50,3% responde que tiña un compoñente sexual ou se buscaba unha relación íntima por parte da outra persoa. O 38% das enquisadas sinala que se tratou de feitos leves pero continuados. Tanto é así, que o 6,1% das rapazas que participan no estudo estaban a vivir unha situación de acoso online no momento de contestar. Isto provoca enfado, impotencia e asco para o 59,3% delas; ademais de sentirse inseguras, ameazadas e asustadas (57,2%).
Máis da metade das rapazas asegura que experimentou estas dúas circunstancias: "recibín mensaxes insistentemente, buscando quedar ou intimar, incluso cando non contestei ou rexeitei á persoa" e "recibín comentarios ou fotos sexualmente explícitos non solicitados". Para a metade delas son circunstancias que se prolongaron menos dun mes, pero non ten por que ser así: o 12,3% manifesta que a situación superou os seis meses de duración.
"Non se lle dá importancia cando falamos coas nosas amigas, sempre dicimos: 'ai, que chapas, que pesado', ou o tomas a risa, e non sabes que pode chegar a moito máis e que pode ser perigoso". Cando sinalamos que moitos destes comportamentos de acoso e intimidación están "normalizados" é, en parte, porque o 56,3% das rapazas que recibiron fotos e/ou comentarios sexualmente explícitos non solicitados afirma que non lle deu importancia. En xeral, o 46% delas traslada que resolveu soa a situación por vergoña, non preocupar á familia ou sentir que era a súa culpa.
Despois da situación de acoso, un terzo delas evita camiñar soa pola noite e volve acompañada a casa de noite
Todo isto que recolle o estudo publicado polo Instituto de las Mujeres transcende no tempo en condutas como cambiar a un perfil privado nas redes sociais e deixar de interactuar con persoas descoñecidas na rede. Porén, non só hai cambios na vida online, un terzo delas evita camiñar soa pola noite e volve acompañada a casa de noite. Así mesmo, un 27,4% non volveu ter citas con descoñecidos. "Decateime de que me estaba afectando cando vou pola rúa e non me sinto segura. Cando pensaba que ía vir e me ía facer algo. Eu pensaba que me estaba obsesionando en que ía aparecer onde estaba", di unha das testemuñas recollidas.
Os datos deste estudo contrastan cos publicados polo Ministerio do Interior a respecto dos delitos sexuais, que revelan que en 2021 en Galicia houbo 707 casos de delitos contra a liberdade e indemnidade sexual, sendo agresións sexuais con penetración en 81 dos casos. Estas cifras supoñen un incremento dun 29,3% a respecto do dato total de 2020, con 547 casos. Aínda que, como se comentou antes, 2020 é un ano marcado pola pandemia e o confinamento no que medraron as situacións de acoso e agresión online, que son denunciadas en menor medida.
Entre 2014 e 2020 incrementáronse os delitos sexuais un 88,8% no Estado
O 'Informe sobre as violencias sexuais 2021' da Secretaría Xeral da Igualdade salienta que entre 2014 e 2020 incrementáronse os delitos sexuais un 88,8% no Estado. Un crecemento que se explica en boa medida pola proliferación dos abusos sexuais. "Cabe destacar a gran poporción das vitimizacións de menores por estes feitos. Na actualidade representan o 49,1% do total", indica o documento, que tamén recolle que no caso das violacións "hai unha clara predominancia" de vítimas mulleres, a maioría de entre 18 e 30 anos de idade e de nacionalidade española.
Pola contra, o informe manifesta que "o perfil predominante do detido e investigado por un delito contra a liberdade e indemnidade sexual é o de home, español, dentro do grupo de idade de 41 a 64 anos e por causa relacionada con abuso sexual". Ademais, saliéntase que nos casos de abuso sexual a menores a relación é nula ou descoñecida na franxa de 14 a 17 anos, fronte á violencia familiar predominante no grupo de 0 a 13 anos de idade.
Obsérvase como "preocupante" a ciberdelincuencia sexual, pois as vítimas son menores no 72,6% dos casos coñecidos. No informe sinálase que cos datos do Ministerio de Interior e a memoria da Fiscalía Xeral do Estado vése un incremento dos delitos sexuais ligados á tecnoloxía en menores de 16 anos durante o ano 2020. Mentres que o perfil do ciberdelicuente sexual é un home de nacionalidade española de 41 a 64 anos, que ten algunha relación con delitos de pornografía infantil.
Nunha enquisa de Igualdade en Galicia "por enriba do 80%" das respostas consideran que "o machismo imperante na sociedade" é un desencadenante da violencia sexual
Nunha enquisa telefónica realizada durante o mes de xuño do pasado ano a 3.874 persoas residentes en Galicia maiores de 18 anos, sendo o 58,4% dos enquisados residentes no rural e o 41,6% en áreas urbanas, a Secretaría Xeral da Igualdade indica que "por enriba do 80%" das respostas consideran que "o machismo imperante na sociedade" é un desencadenante da violencia sexual.
Neste sentido, da enquisa extraen que "os homes tenden a identificar en maior proporción como desencadeamentos problemas relacionados coa personalidade do agresor, como o 'abuso de alcohol ou drogas', 'problemas psicolóxicos ou mentais do suxeito', ou a 'falta de autocontrol", mentres que "as mulleres mencionan con máis frecuencia o 'aumento do consumo de pornografía' como posible causa".
O 62,8% dos galegos e galegas enquisados considera a maiores que as vítimas de violencias sexuais 'son tratadas inxustamente e a súa credibilidade vese cuestionada dalgún xeito', da mesma maneira que o 61,8% entenden que as mulleres 'non están suficientemente protexidas pola lexislación actual'. No Parlamento está en marcha unha reforma da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero para incluír o concepto de "violencia de xénero dixital".