A Cámara admite a trámite unha reforma da lei contra a violencia machista que inclúa os conceptos da "violencia de xénero dixital"
A "sextorsión" (ou "sexting"), o "ciberbulling", o "grooming" ou o "ciberacoso e abuso sexual a menores de idade" son formas de "violencia machista dixital" que o Parlamento de Galicia aprobou este martes por unanimidade engadir á Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero a proposta do Partido Popular.
"Trátase dunha nova forma de violencia de xénero que está afectando fundamentalmente ás mulleres máis novas; os datos amosan que o ciberacoso ten unha incidencia maior na adolescencia e por tanto convértese na idade de maior vulnerabilidade", expón o grupo parlamentar 'popular' na súa proposta de reforma lexislativa.
"É fundamental sensibilizar a xente máis nova dos perigos destas prácticas", di Paula Prado
"Esta iniciativa lexislativa ten un triplo obxectivo: resulta fundamental describir as condutas delitivas, sensibilizar a xente máis nova dos perigos destas prácticas e poñer en marcha políticas públicas e medidas de prevención para evitar que estas se produzan", sostivo a viceportavoz do PP na Cámara galega, Paula Prado.
Estas conductas son violencia de xénero dixital "con independencia" de que o agresor garde ou non relación conxugal ou de parella coa vítima
"Resulta necesario definir o concepto de ciberdelincuencia e, de forma específica, a que se exerce sobre a muller xa que nos últimos tempos aumentou o control da vítima a través das redes sociais, dos dispositvos dixitais e fundamentalmente do teléfono móbil", salienta a proposta que inicia agora o seu trámite parlamentar, da mesma maneira que está en trámite a modificación desta lei para a inclusión da violencia vicaria "dentro do concepto de violencia de xénero", por unha iniciativa impulsada polo BNG.
Enténdese como "violencia de xénero dixital", segundo a proposta que se estudará no Parlamento galego, "aquelas conductas de violencia de xénero que se exercen a través das novas tecnoloxías, do correo electrónico, internet, sistemas de mensaxería dixital ou das redes sociais".
"É importante que teñamos unha visión sen paternalismos para abordar esta realidade, poñendo o foco en quen é o agresor", salienta Olalla Rodil
Cun matiz importante neste caso, pois considérase que estas conductas son violencia de xénero dixital "con independencia de que o agresor garde ou non relación conxugal, de parella, ou análoga de afectividade no presente ou no pasado, ou a de parentesco coa vítima; de forma sostida e repetida no tempo, coa única finalidade de discriminación, dominación, control e intromisión sen consentimento na privacidade da vítima".
Da mesma maneira, o texto estipula que "terán a consideración de actos de violencia dixital contra a muller os exercidos por homes do seu contorno familiar, social, profesional ou académico". Iso si, fican fóra desta denominación "as ferramentas de control parental que cumpran coa lexislación vixente destinadas á protección e seguridade das persoas menores de idade".
Noa Díaz solicita incluír protocolos para "identificar esas novas figuras de ciberacoso e previr a súa aparición"
A viceportavoz parlamentar do BNG, Olalla Rodil, saudou a proposta porque –dixo– "actualiza á realidade actual" a lei galega de violencia de xénero. "É importante que teñamos unha visión sen paternalismos para abordar esta realidade, poñendo o foco en quen é o agresor e non en quen ten que identificar esta violencia", recomendou, após debullar que desde que se aprobou esta lei en 2007 as redes sociais "convertéronse en axentes de socialización" de moita relevancia.
Pola súa banda, a deputada do PSdeG Noa Díaz destacou que cómpre acompañar esta lei de "plans ambiciosos de sensibilización e información para identificar esas novas figuras de ciberacoso e previr a súa aparición, así como para ofrecer recomendacións e recursos para obter a axuda precisa". A socialista considera "indispensable dispor de profesionais en todos os ámbitos, capaces de intervir da maneira máis axeitada ante este tipo de casos, e pautas de intervención con protocolos rigorosos".
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, sinala que esta reforma "non ten un impacto directo" no orzamento do seu departamento
Para a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta esta modificación normativa "viría a positivizar nunha norma autonómica con rango de lei a violencia de xénero dixital como unha forma específica de violencia de xénero, dando así resposta a unha realidade social derivada do auxe das novas tecnoloxías e o emprego dos medios dixitais como unha forma específica de atentar contra a dignidade e a seguridade das mulleres".
Así mesmo, no preceptivo informe de impacto orzamentario, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, trasladou á Mesa do Parlamento que esta reforma "non ten un impacto directo" no presuposto do seu departamento "posto que a violencia de xénero dixital xa vén sendo tratada na práctica como unha forma específica de manifestación de violencia de xénero, prestándolle ás vítimas deste tipo de violencia a asistencia e apoio necesarios".