Aumenta en Galicia un 3,4% o número de mulleres que denuncian ser vítima de violencia machista

Concentración en Vigo polos asasinatos de dúas menores en Tenerife por violencia vicaria © Feminismo Unitario Vigo

En Galicia 1.434 mulleres denunciaron ser vítimas de violencia de xénero nos xulgados no primeiro trimestre de 2021, e aumentaron as denuncias un 1,6%

Nos primeiros tres meses do ano, 1.434 mulleres denunciaron ser vítimas de violencia de xénero en Galicia. Son un 3,4% máis que no mesmo trimestre do ano pasado, no que se rexistraron 1.387 mulleres, segundo os datos que vén de publicar o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial.

En concreto, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) traslada que os xulgados galegos recibiron no primeiro trimestre do ano 1.434 denuncias por violencia de xénero, un 1,6% máis que no mesmo período do ano 2020, cando se presentaron 1.412. A gran maioría das denuncias –un total de 1.136– chegaron ás sedes xudiciais a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Nestes casos un 6.9% das vítimas se acolleron á dispensa para non declarar, é dicir, fixérono 99 mulleres fronte ás 122 do mesmo período de 2020, un 18,9% menos.

Marcha contra a violencia de xénero, organizada por estudantado (foto de arquivo) © Compostela en Negro

En todo o Estado rexistráronse 35.001 denuncias por violencia machista nos primeiros tres meses de 2021

Os datos están influenciados pola crise derivada da COVID-19, a pesar de que os xulgados de violencia sobre a muller foron declarados como actividade esencial e non chegaron a paralizarse nin a suspender prazos, incluso durante o confinamento do ano pasado. 

Neste sentido, as estatísticas xerais do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero recollen que entre o 1 de xaneiro e o 31 de maio deste ano rexistráronse 35.001 denuncias por violencia machista en todo o Estado –un 3,2% menos que o ano anterior– e se contabilizaron 34.350 vítimas –un 1,4% menos–.

Nótase menos a baixada nas ordes de protección solicitadas nos xulgados de violencia sobre a muller e nos de garda, apenas un 1% menos que hai un ano, sendo 10.506 en 2021. O descenso –un 10,3%– si que é significativo se só se teñen en conta as peticións dirixidas aos xulgados de violencia. Os datos galegos indican que no primeiro trimestre do ano solicitáronse 371 ordes de protección nos órganos xudiciais, fronte ás 529 de 2020, o que supón un descenso do 29,9%. Das 371 adoptáronse 232, o 62,53%.

A presidenta do Observatorio contra a Violencia de Xénero di que a diminución de denuncias ″non supón un descenso real da violencia machista″

A presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, Ángeles Carmona, alerta de que a diminución, entre xaneiro e marzo deste ano, do número de denuncias, de vítimas e de ordes de protección ″non supón un descenso real da violencia machista no noso país″.

Ángeles Carmona incide en que ″eses números son aínda reflexo do efecto causado pola crise sanitaria neste ámbito, onde as restricións á mobilidade supuxeron un escollo máis para as vítimas á hora de dar o paso e denunciar″. De feito, os datos reflicten que desde que se decretou o estado de alarma, o 14 de marzo de 2020, produciuse un descenso máis ou menos acusado, pero constante, deses indicadores.

Acción feminista en Viana do Bolo levada a cabo polo 8-M, en 2020 © Feminismos Viana

Galicia sitúase como a cuarta comunidade coa taxa máis baixa de violencia machista

Galicia é a cuarta comunidade coa taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, con 10,3 persoas, fronte ás 14,2 de media estatal. O 84,18 % das persoas axuizadas na comunidade galega por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo deste ano foron condenadas. Este dato sitúa a Galica por debaixo da media estatal, que foi do 86,72 %. 

18 mulleres e tres menores

Na presentación dos datos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, Ángeles Carmona fixo fincapé en que desde o levantamento do estado de alarma, o pasado 9 de maio, foron asasinadas 10 mulleres e un menor. En total, desde desde principios de 2021, a violencia machista acabou coa vida de 21 persoas, 18 mulleres e tres menores.

Carmona referiuse tamén á violencia vicaria a raíz do asasinato, presuntamente polo seu pai, de dúas menores en Tenerife: ″Trátase da manifestación máis cruel e desapiadada da violencia machista, que o maltratador exerce sobre os fillos e fillas das vítimas, en moitos casos tamén fillos seus, para causar a maior dor que se pode inflixir a unha nai".

*Nunha primeira versión deste artigo facilitouse por parte do servizo de comunicación do TSXG a información de que o aumento de mulleres que denunciaran ser vítimas de violencia de xénero en Galicia era do 18,2%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.