A Audiencia Provincial a Coruña condenou a sete meses de cárcere a un acusado como autor dun delito de coaccións de xénero a súa ex-parella, pero absolveuno de raptala, maltratala ou obrigala a prostituirse porque "tivo a posibilidade de fuxir" e non o fixo.
A Audiencia condena o acusado a sete meses por coaccións, pero absólveo dos malos tratos, extorsión, detención ilegal e lesións que lle imputaba a Fiscalía
O caso remóntase a novembro de 2017 en Lugo cando, segundo explica a sentenza, o condenado acudiu a un local onde a súa ex-parella exercía a prostitución e aproveitou que a muller fumaba no exterior para “agarrala, levala a empuxóns e arrastrada ata a parte traseira” do seu vehículo. Foi trasladada ata Betanzos e a consecuencia dos feitos que sufriu, a afectada tivo que recibir atención médica e estivo durante un día incapacitada para o exercicio das súas ocupacións habituais, segundo relatan os maxistrados.
A moza, logo de varios días, apareceu en Santiago e denunciou que fora secuestrada, maltratada e obrigada a prostituírse pola que daquela era a súa parella, ademais de advertir de que fora liberada logo de que os medios de comunicación difundisen imaxes sobre o rapto.
Agora, a sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña decidiu absolver o condenado dos delitos de malos tratos, extorsión, detención ilegal e lesións que lle imputaba a Fiscalía e polos que se enfrontaba a máis de 30 anos de cadea.
A sentenza considera que non se probou que a muller exercese a prostitución obrigada polo condenado, nin que este “se lucrase diso ou a sometese a malos tratos físicos ou psicolóxicos”.
O tribunal advirte de que o suposto rapto que o fiscal lle imputaba ao sospeitoso tivo lugar “nunha vivenda próxima a diferentes edificios públicos” e que a muller “conservou e usou o seu teléfono móbil”, ademais de ter contacto “con terceiras persoas ás que puido pedir axuda”. Ademais, os xuíces tamén destacan que a denunciante estivo “soa na casa” e entenden que "tivo a posibilidade de fuxir" do lugar no que supostamente estaba retida.
Os maxistrados entende que a denunciante estivo "soa na casa" e "tivo a posibilidade de fuxir" pero non o fixo
"Nada consta sobre as lesións que necesariamente deberían de causar os diferentes actos de violencia realizados sobre a muller”, din os xuíces nun ditame que asegura que o relato da afectada "presenta lagoas sobre aspectos concretos dos feitos, incoherencias ao describir a súa aparente situación e explicar o seu comportamento ou aspectos moi difíciles de crer”.