Dende o ano 2007 os xulgados galegos recibiron 76.124 denuncias por violencia de xénero, unha cifra que dende o ano 2012 vén medrando de forma continuada, ata acadar no ano 2019 un máximo de 6.551. As cifras completas do ano 2020 aínda non se coñecen (só foron publicadas as do primeiro semestre) aínda que conteñen unha distorsión importante motivada pola pandemia, o confinamento e a paralización temporal da actividade xudicial.
Dende o ano 2007 os xulgados galegos recibiron 76.124 denuncias por violencia de xénero, unha cifra que dende o ano 2012 vén medrando de forma continuada
O Consello Xeral do Poder Xudicial vén de publicar un informe de compilación estatística que recolle distintos indicadores da aplicación da Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero.
No conxunto do Estado Español foron case dous millóns (1.896.328) as denuncias presentadas dende o ano 2017 (momento en que se comezan a recoller estatísticas detalladas). Ademais, nese tempo acordáronse 375.892 ordes de protección e os distintos órganos xudiciais (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron un total de 704.749 sentenzas.
Dende o ano 2005 incoáronse en Galicia un total de 23.401 ordes de protección por violencia machista, das que foron adoptadas 15.554 e 7.727 foron denegadas
Dende o ano 2005 incoáronse en Galicia un total de 23.401 ordes de protección por violencia machista, das que foron adoptadas 15.554 e 7.727 foron denegadas. Isto representa un 66,5% de ordes adoptadas, unha porcentaxe moi semellante á media española (67,3%), que varía moito por territorios, entre o 55% de Madrid e o 85% da Rioxa.
Nestas ordes de protección solicitadas en Galicia, o 81,5% das vítimas eran mulleres españolas e o 19,4% eran estranxeiras. O 84,7% dos homes denunciados tiñan nacionalidade española e unicamente o 15,3% eran estranxeiros
En conxunto, segundo as estatísticas achegadas polo Podel Xudicial, 8 de cada 10 vítimas da violencia de xénero en Galicia teñen nacionalidade española (79,1%), unha porcentaxe superior á media do Estado (65,8%)
Nas ordes de protección solicitadas en Galicia, o 81,5% das vítimas eran mulleres españolas e o 19,4% eran estranxeiras. O 84,7% dos homes denunciados tiñan nacionalidade española e o 15,3% eran estranxeiros
Os xulgados galegos ditaron neste tempo algo máis de 16.000 sentenzas en asuntos de violencia de xénero un 68% delas condenatorias (5.623 con conformidade e 5.538 sen ela), cun total de 5.247 sentenzas absolutorias, case un terzo do total. A porcentaxe de sentenzas absolutorias no conxunto de España, con todo, foi moi superior (46,8%).
A porcentaxe de condenatorias en asuntos de violencia contra a muller no conxunto do Estado (unha media do 53% dende o 2006) é lixeiramente inferior á dos asuntos de violencia domestica pero moi inferior ao do resto de asuntos, por riba do 80%.
Os xulgados galegos ditaron neste tempo algo máis de 16.000 sentenzas en asuntos de violencia de xénero un 68% delas condenatorias
Outro aspecto interesante presente no informe é a análise do número de denuncias en función da idade media, do nivel de renda ou da taxa de paro de cada partido xudicial. Nas zonas con maior porcentaxe de poboación nova (zonas urbanas na súa maior parte) hai moitas máis denuncias por violencia de xénero, ata chegar ás 45 denuncias por cada 1000 habitantes nas grandes cidades, o triple que nas áreas máis rurais e envellecidas.
O mesmo sucede nos partidos xudiciais con maior poder adquisitivo (nomeadamente zonas urbanas) e tamén nas zonas cunha maior taxa de paro, áreas que tamén rexistran unha maior proporción de denuncias por habitante.
Neste senso, os partidos xudiciais de Vigo e A Coruña suman o 26,5% da poboación de Galicia, pero máis do 37% das denuncias por violencia de xénero. Dáse a circunstancia, ademais, de que as dúas urbes contan dende o ano 2007 cos únicos xulgados específicos de violencia contra a muller, dos que carece o resto do país. En xeral, as estatísticas galegas amosan grandes diferenzas entre o número de denuncias por violencia de xénero que chegan aos xulgados das cidades e os que se presentan nas vilas pequenas e zonas rurais.
As estatísticas galegas amosan grandes diferenzas entre o número de denuncias por violencia de xénero que chegan aos xulgados das cidades e os que se presentan nas vilas pequenas e zonas rurais
En Vigo e Ourense no 2018 houbo máis de 3,5 denuncias por cada mil habitantes e na Coruña e Lugo a cifra roldou as 3 denuncias. Ribeira, Cambados, Monforte e Redondela superaron as 2,5 denuncias por cada mil habitantes e Pontevedra achegouse a esa cifra. Pola contra, en dez partidos xudiciais (A Estrada, Tui, Mondoñedo, Padrón, Ordes, Corcubión, Arzúa, A Fonsagrada, Celanova e Bande) o número de denuncias non chegou a 1 por cada mil persoas. E Sarria, Ortigueira, Negreira, Chantada e Xinzo de Limia superaron por pouco esa cifra.