Os colectivos que acompañan ás mulleres que sofren estas violencias reclaman unha maior implicación da Administración e advirten do aumento da súa vulnerabilidade coa pandemia
No que vai de ano, 41 mulleres –dúas en Galicia– foron asasinadas por homes no Estado, segundo as estatísticas oficiais, que só teñen en conta as vítimas que faleceron a mans dunha parella ou ex parella. Os asasinatos son a última manifestación das violencias que sofren as mulleres polo feito de ser mulleres cada día. Nacións Unidas afirma que unha de cada tres mulleres no mundo padeceu violencia física ou sexual, principalmente por parte dun compañeiro sentimental. Este 25-N, día internacional da eliminación da violencia contra a muller, vén marcado polo incremento destas violencias no interior dos fogares coa pandemia da COVID-19.
″O impacto na primeira onda da pandemia foi máis ben sanitario, na segunda xa vemos un impacto económico importante e non sabemos como vai afectar o que queda por vir á saúde mental da poboación. Aquelas persoas que están expostas a unha situación de maior vulnerabilidade vense máis afectadas. Entre as propias características destas violencias sobre as mulleres inclúese un illamento provocado polo control do home que exerce violencia, que tamén implica que elas non poidan ter acceso ao mundo laboral e a todo o relacionado co eido económico. Isto vaise ver acrecentado por esta crise, estas violencias poden volverse máis virulentas polo feito de que os homes tamén están expostos á crise económica e supón unha situación de incerteza para eles″, describe Fátima López, coordinadora da comisión intersectorial de xénero do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
A falta de recursos emocionais para manexarse e a incapacidade para a resolución de conflitos son características destes agresores, que provocan ese incremento no risco de violencias sobre as mulleres, segundo explica López. ″Elas e as súas fillas e fillos están expostas a esta situación″, lembra, pois neste 2020 xa son tres os menores asasinados e 23 as persoas que ficaron orfas por estas violencias. Unha muller vítima de violencia tarda, de media, dez anos en decidir rachar con esa condición. Coa pandemia, as estratexias de saída dunha situación de violencia poden demorarse pois o económico ten moito peso nas decisións.
A pandemia vai aumentar o tempo que agardan as mulleres para dar o paso e separarse do seu agresor, que de media xa eran dez anos
″Moitas das mulleres que xa decidiran dar o paso de separarse do seu agresor sobrevivían grazas a traballos en precario, moitas veces en b. Co confinamento perderon eses traballos e, sen recursos económicos, quedaron aínda máis sometidas″, apunta Marta Rodríguez, presidenta da asociación Si, hai saída de Lugo, que tamén pon o foco no levantamento do veto ao corte na subministración básica dos fogares, que se ditara durante o estado de alarma.
″Xa non é que non haxa máis denuncias, é que moitas mulleres están a pensar en volver cos seus agresores porque é o único medio de subsistencia que teñen. Como se empodera unha vítima de violencia de xénero cando non pode escapar do seu agresor ao non ter outro xeito de darlle de comer aos seus fillos? Como se empodera unha muller cando chega a súa casa cos fillos e lle dá ao interruptor e non hai luz, ou quedou sen gas e non pode cociñar?″, salienta Rodríguez.
"Como se empodera unha vítima de violencia de xénero cando non pode escapar do seu agresor ao non ter outro xeito de darlle de comer aos seus fillos?", di Marta Rodríguez
O Consello Xeral do Poder Xudicial indica que o número de denuncias por violencia machista presentadas no primeiro semestre de 2020 ascende a 2.886, 457 menos que no mesmo período de 2019, polo que diminuíron nun 13,67%. ″Non se lle pode esixir a ninguén que tome unha decisión se lle privas do máis elemental, de aquilo que lle permite levar unha vida digna″, asevera Marta Rodríguez.
Por outra banda, segundo datos da Delegación do Goberno contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade, o teléfono de atención á muller 016 recibiu 2.049 chamadas en Galicia entre os meses de marzo e setembro. A Consellería de Emprego e Igualdade mantivo activo o servizo de asesoramento xurídico a través de internet, que recibiu un total de 25 consultas no primeiro semestre do ano, seis menos que no mesmo período de 2019.
″No trato coas mulleres nótase que están bastante peor desde que comezou a pandemia, cada vez é máis difícil que saian adiante. Pero non cabe dúbida de que cando vemos que a vida dunha muller está en perigo, non queda outra que poñer unha denuncia e loitar co veña″, engade Rosa Fontaíña, coordinadora da Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos de Vigo, que recibiu este ano o Premio Meninas outorgado pola Delegación do Goberno en Galicia.
Fontaíña destaca que ″non se pode vivir da caridade″ e que xestionar as axudas para que estas mulleres poidan saír adiante con independencia económica, tanto a Risga da Xunta como o Ingreso Mínimo Vital do Estado, pasan por un proceso burocrático que se pode alongar máis de cinco meses. ″É unha miseria humana como funciona todo. Estamos a ver como se agravan problemáticas que xa coñecíamos″.
O extremo do confinamento
Ana Saavedra, presidenta da asociación Mirabal de Betanzos, asegura que moitas mulleres están a dar o paso de separarse dos seus agresores por medo a outro confinamento. ″O maltrato físico neses meses foi terrible, foi unha situación extrema″, describe. Saavedra acompaña ás mulleres nese proceso e insiste na necesidade de que haxa unha boa coordinación para que o protocolo funcione desde o primeiro minuto no que unha vítima se decide a dar o paso de denunciar.
"O psicolóxico é o maltrato que máis marca e o do que máis tarda en recuperarse unha persoa", salienta Ana Saavedra
O maltrato é físico, psicolóxico, económico, social e familiar. ″Veñen anuladas e sometidas, o psicolóxico é o maltrato que máis marca e o do que máis tarda en recuperarse unha persoa, e non está tipificado por lei″, sinala Saavedra, que nas últimas semanas asistiu a unha muller de 83 anos, dunha poboación rural, que deu o paso para denunciar ao seu agresor ″cos dentes na man″, despois de trinta anos de maltrato: ″o seu maior medo era perder a casa e quedar na rúa, imaxina as ameazas que debeu ter recibido do seu agresor durante toda a vida″.
Responsabilidade colectiva
A psicóloga Fátima López, que participa na coordinación da quenda de urxencia que presta atención psicolóxica ás mulleres cando van denunciar á comisaría, incide en que se debe ″devolver á comunidade esa capacidade de coidado que sempre tivo e que se foi privatizando a través dos profesionais e o sistema individualista″. ″Debemos asumir a responsabilidade que temos de velar polo ben común e polo coidado das persoas máis vulnerables. Tócanos a todos e a todas″, resalta.