O feminismo galego quere seguir nas rúas este 25N, a pesar da pandemia, para visibilizar a violencia machista

Cartel dos actos do 25N en Compostela © PFG

"A pesar das especiais circunstancias consideramos imprescindible seguir presentes nas rúas contra o terrorismo machista", di a PFG

Este mércores é 25 de novembro, Día internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, unha xornada de loita contra a violencia de xénero que este ano tamén será atípica pola situación de pandemia e polas restricións en vigor. A pesar diso, o movemento feminista galego está a organizar numerosas convocatorias para lembrar que, con COVID ou sen ela, a violencia machista continúa e que nestes momentos algunha destas situacións mesmo se agravou, como xa sucedeu durante o confinamento que tivo lugar a pasada primavera, un momento no que as chamadas ao teléfono 016 de violencia de xénero tamén se dispararon.

As denuncias por violencia machista levan anos en ascenso en Galicia. De feito, o número de casos activos de violencia de xénero en Galicia aumentou un 15% nos últimos dous anos e, de igual xeito, os delitos contra a liberdade sexual duplicáronse en Galicia nos últimos tres anos. O pasado ano as mobilizacións feministas do 25N puxeron o foco na "violencia xudicial", nas eivas existentes nos tribunais e nas leis e na falta de medios por parte do sistema xudicial.

Pídese non acudir ás concentracións "en caso de presentar calquera síntoma". Ademais, será "obrigatorio levar máscaras e gardar a distancia de seguridade para garantir o coidado de todas"

Nestas circunstancias, a Plataforma Feminista Galega destaca que "a pesar das especiais circunstancias consideramos imprescindible seguir presentes nas rúas contra o terrorismo machista", para visibilizar este problema e porque "combater a violencia machista tamén é unha prioridade para a saúde de todas", lembra a Marcha Mundial das Mulleres. "Negámonos a que a reivindicación e visibilización da violencia machista neste día fique confinada en 2020", di a MMM.

Cartel difundido polo feminismo vigués © feminismos unitariovigo

Por este motivo levaranse a cabo unha serie de mobilizacións públicas, coas necesarias medidas de seguridade para evitar contaxios. A Plataforma Feminista Galega pide, en primeiro lugar, non acudir ás concentracións "en caso de presentar calquera síntoma". Ademais, será "obrigatorio levar máscaras e gardar a distancia de seguridade para garantir o coidado de todas". Así mesmo, en varias das convocatorias pídese acudir "sen bandeiras nin faixas", aínda que "cada muller pode traer o seu cartaz de casa para estarmos todas representadas".

"Parece que damos pasos atrás nos avances que conseguira o feminismo organizado de converter a violencia machista nun asunto visíbel e público para volver a relegala novamente a esfera íntima", alerta a MMM

A Marcha Mundial das Mulleres alerta de que coa crise sanitaria da covid-19 "chegou a escusa que moitas institucións e sectores estaban agardando, para devolver á esfera íntima e doméstica ás mulleres". "A decisión de pechar os centros de ensino, escolas infantís, centros de día e centros de atención á diversidade, sen adoptar medidas de carácter público dirixidas a garantir os coidados de menores e persoas dependentes, supuxo que as mulleres asalariadas optasen por reducir as súas xornadas (mesmo na súa totalidade) para poder ficar a cargo da familia, ficando sen ingresos durante meses", salienta.

A Marcha alerta de que coa pandemia "chegou a escusa que moitos sectores estaban agardando, para devolver á esfera íntima e doméstica ás mulleres"

A MMM subliña que "o confinamento obrigou a moitas mulleres a convivir co seu agresor, sobreexpoñéndoas a unha violencia extrema". "Parece que damos pasos atrás nos avances que conseguira o feminismo organizado de converter a violencia machista nun asunto visíbel e público cun debate aberto na sociedade para volver a relegala novamente a esfera íntima", di.

Así mesmo, en Vigo as xornadas "Falemos de trata", organizadas por Accem, buscan visibilizar a trata sexual como violencia de xénero, como de feito xa está recollido na lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que tipifica a trata con fins de explotación sexual como violencia machista.

Convocatorias

  • Vigo. 20 horas. Rúa Colón. Concentración convocada por Feminismo Unitario Vigo; lema: "Loita feminista contra o terrorismo machista". 19 horas. Manifestación dende Vía Norte convocada pola Marcha Mundial das Mulleres
  • A Coruña. 20 horas. Obelisco. Convocan: Plataforma Feminista Galega e Marcha Mundial das Mulleres
  • Compostela. 20 horas. Praza do Obradoiro. Convoca: Asemblea Aberta Feminista Compostela. Lema: "Contra pandemia machsita vacina feminista".
  • Ourense. 19 horas. Manifestación dende a Subdelegación do Goberno
  • Lugo. 20 horas. Concentración diante do Concello
  • Ferrol. 19 horas. Concentración na Praza Amada García
  • Vilagarcía de Arousa. 20:30. Concentración na Praza de Galicia
  • As Pontes. 19.30 horas. Concentración na Praza do Hospital
  • A Estrada. 20 horas. Concentración diante do Concello
  • Vilaboa. 20 horas. Concentración diante do Concello
  • Barreiros. 20 horas. Concentración diante do Concello
  • Miño. 20.30 horas. Concentración na Praza do Parchís
  • Lalín. 20.30 horas. Concentración no KM0
  • Vedra. 20.30 horas. Concentración no velódromo municipal.
  • Catoira. 20 horas. Concentración no adro.
  • Marín. 20.30 horas. Cazolada dende as fiestras e balcóns
  • Carballo. 19.30 horas. Cazolada dende as fiestras e balcóns
Cartel da concentración convocada este 25N na Coruña © PFG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.