O berro de 'o violador es ti' chegou a Galicia. A Coruña e Pontevedra e na noite deste luns Compostela acolleron as accións colectivas que reproducen a performance iniciada hai unhas semanas en Chile polo colectivo 'Las Tesis' e que xa se estendeu por todo o planeta, de México a Turquía, e de Nova York a París. 'Un violador no teu camiño' denuncia a violencia estrutural (visible e non visible) que sofren as mulleres a cargo do patriarcado, presente na sociedade e tamén nas institucións e fai fincapé en que a culpa da violación nunca reside na vítima ("a culpa non era miña, nin de onde estaba nin de como vestía") e si no violador e no sistema que ampara estas accións.
"Estamos coa adrenalina subida. Este é un canto colectivo que nos axuda a todas a estar máis fortes e a sentirnos parte dunha referencia común"
Ao redor de 300 mulleres participaron na Praza do Obradoiro nunha das postas en escena máis espectaculares desta intervención feminista, despois de días de ensaios, coordinados pola actriz e creadora escénica Marta Pérez. O resultado foi todo un éxito: "Estamos coa adrenalina subida. Este é un canto colectivo que nos axuda a todas a estar máis fortes e a sentirnos parte dunha referencia común", di Pilar Estévez (Plataforma Feminista Galega), que subliña a forza crecente do movemento feminista en Compostela e en toda Galicia, froito "da semente que dende hai anos está creando o 8M e outras mobilizacións".
"Queríamos facer a letra o máis achegada a nós. Dentro do movemento feminista houbo un debate moi positivo sobre o texto"
O texto foi traducido ao galego e algúns dos seus elementos foron modificados, mudando 'pacos' por 'machos' ou 'o presidente' por 'a Igrexa' e cambiando tamén a estrofa final sacada do 'Himno dos Carabineros' chileno por unha referencia máis recoñecible na nosa contorna: "non somos presas para manadas/ somos mulleres empoderadas/ as violadas non están soas/ tocan a unha e saímos todas". "Queríamos facer a letra o máis achegada a nós. Dentro do movemento feminista houbo un debate moi positivo sobre o texto, e ao final saíu a decisión de incluír a mención á Igrexa, ou de facer referencia ás manadas e a esa mensaxe de que 'se tocan a unha, saímos todas'", explica neste senso Pilar Estévez.
Xusto cando rematou a interpretación do texto un berro rompeu o solemne silencio da noite compostelá cando un home espetou "ahora a casa, que hay que hacer la cena". O agresor, que foi convidado a marchar, foi identificado como militante de Novas Xeracións. A organización xuvenil do PP comunicou que o home presentou a súa baixa este martes, quedando desligado da entidade. Foi simplemente unha anécdota, pero que amosa a hostilidade que esta performance e, en xeral, o feminismo esperta nos sectores máis machistas da sociedade.
Nos vindeiros días están convocadas performances en Vigo, Ferrol e Padrón
Non será esta a derradeira acción colectiva de 'Un violador no teu camiño' en Galicia. Nos vindeiros días están convocadas performances en Vigo, Ferrol e Padrón.
- Vigo: Sábado 14 ás 12 horas fronte ao Mercado do Calvario (ensaio: xoves 12 ás 19 horas na Casa das mulleres)
- Ferrol: Mércores 11 ás 20 horas no Cantón de Molíns
- Padrón: Domingo 15 ás 12 horas nas rúas Real e Tetuán (ensaio: sábado 14 ás 18 horas)
Velaquí unha mostra das accións realizadas na Coruña e Pontevedra o pasado venres