Os informes forenses sobre violencia de xénero sofren demoras de ata 14 meses en Galicia

Cidade da Xustiza de Vigo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Galicia é o territorio no que os informes de valoración forense integral, imprescindibles para apoiar as sentenzas dos xulgados de violencia de xénero, sofren máis atraso, unha media de 9,5 meses, que se eleva a 14 na provincia de Pontevedra

Galicia é a comunidade autónoma na que os informes de valoración forense integral, imprescindibles para apoiar as sentenzas dos xulgados de violencia de xénero, sofren máis atraso, unha media de 9,5 meses, que se eleva a 14 meses no caso da provincia de Pontevedra. Así o advirte a Fiscalía Xeral do Estado na súa Memoria correspondente ao pasado ano, e publicada esta semana.

A valoración integral forense é un informe pericial elaborado polas Unidades de Valoración Forense Integral (UVIF), un equipo multidisciplinar de profesionais da medicina, a psicoloxía e o traballo social. Estas unidades deben analizar de xeito global a pegada da violencia de xénero nas vítimas e a súa contorna. 

Na súa Memoria, a Fiscalía Xeral do Estado alerta de "problemas estruturais" nestas unidades que xa foran denunciados en anos anteriores, comezando pola súa ausencia nalgúns lugares, a falta de persoal ou a ausencia de equipos de guardia para valoracións urxentes, o que está a provocar excesivos tempos de resposta. 

Extracto do informe da Fiscalía no que alerta das demoras nos informes de valoración forense en Galicia ©

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, considera "inxustificable" que as vítimas de violencia de xénero "padezan demoras nas sentenzas nos seus procesos xudiciais por mor da tardanza do IMELGA en emitir as valoracións forenses integrais"

En Galicia a responsabilidade corresponde ao Instituto Galego de Medicina Legal (IMELGA) dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. E sobre a Xunta puxo o foco este venres o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que considera "inxustificable" que as mulleres vítimas de violencia de xénero da provincia de Pontevedra "padezan demoras nas sentenzas nos seus procesos xudiciais por mor da tardanza do IMELGA en emitir as valoracións forenses integrais".

Para Losada os datos son "unha mostra de abandono das vítimas de violencia de xénero, que precisan dun acompañamento continuo durante o procedemento que comeza o mesmo día en que presentan a denuncia e remata coa sentenza xudicial firme"

Para Losada, "non se trata só de mellorar a calidade na prestación dun servizo público básico, como é a administración de xustiza" senón que os datos son "unha mostra de abandono das vítimas de violencia de xénero, que precisan dun acompañamento continuo durante o procedemento que comeza o mesmo día en que presentan a denuncia e remata coa sentenza xudicial firme". 

“Todas as Administracións temos que ser inconformistas, detectar os fallos e corrixilos e está moi claro que no eido dos informes forenses, a Xunta de Galicia ten moita marxe de mellora nesta provincia”, engade o subdelegado do Goberno en Pontevedra.

A Memoria do Imelga detalla que durante o ano 2024 un total de 310 mulleres de Galicia necesitaron desta avaliación integral

A Memoria do Imelga detalla que durante o ano 2024 un total de 310 mulleres de Galicia necesitaron desta avaliación integral, 100 delas na Coruña, a subdirección que levou a cabo un maior número destes informes periciais, seguida de Vigo (67) e Ourense (56).

Na súa Memoria anual a Fiscalía conclúe que "resulta urxente unha actuación decidida das administracións públicas para crear e dotar a estas unidades do persoal suficiente, garantir a súa presenza nas quendas de garda, consolidar equipos multidisciplinares estables e asegurar que os informes se emitan coa celeridade e calidade técnica que esixe a gravidade dos delitos que se abordan e a necesidade de protección efectiva ás vítimas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.