Contas desmonta as políticas de violencia de xénero da Xunta: prevención "residual" e pouco persoal

Celebración da Xunta do último 25N contra a violencia de xénero coa conselleira e os máximos responsables das direccións xerais de Igualdade e de Loita contra a Violencia de Xénero CC-BY-SA Xunta

O ente fiscalizador revela que o 97% dos fondos da Xunta son para medidas de atención ás vítimas mentres que "a prevención e sensibilización foi decrecendo"

O 97% dos fondos da Xunta para políticas contra a violencia de xénero van a "actuacións de protección e atención das vítimas, fundamentalmente ao outorgamento de axudas económicas periódicas, tendo os proxectos para actuacións de prevención e sensibilización un peso residual". Así o reflicte o Consello de Contas, o ente fiscalizador das administracións galegas, nun informe específico sobre as actuacións da Xunta cos seus propios fondos en materia de prevención integran da violencia de xénero, un documento que evidencia tamén a falta de planificación, o escaso persoal e a dubidosa eficacia dalgunhas das políticas do Goberno galego.

O informe de Contas analiza as políticas de violencia de xénero da Xunta no período 2018-2022 e as súas conclusións comezan salientando que o incremento do gasto na materia por parte do Goberno galego "amosou unha evolución crecente na última década, principalmente a partir do exercicio 2018 coas transferencias dos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero", isto é, grazas a fondos estatais. Porén, a continuación Contas sinala que esa maior actividade da Xunta froito do Pacto de Estado "non se acompañou dunha adaptación do cadro de persoal", que "reduciu o número de efectivos da subdirección de 19 persoas no exercicio 2018 a 17 en 2022", recorrendo a cambio a contratación temporal de seis técnicos desde 2019.

Recomendacións do Consello de Contas á Xunta en materia de violencia de xénero CC-BY-SA Praza Pública

Canto ao gasto, Contas salienta que o 97% dos fondos propios da Xunta van para axudas a vítimas, mentres que "os proxectos para a prevención e sensibilización teñen un peso residual, aínda sendo estes os que contribúen á erradicación da violencia de xénero se se manteñen no tempo e se estenden a toda a poboación". "O importe dos proxectos para a prevención e sensibilización contra a violencia de xénero foi decrecendo paulatinamente neste período", di noutro punto o informe, que tamén sinala que as campañas publicitarias de prevención "foron diminuíndo o período de difusión da publicidade coa conseguinte redución de tempo para xerar impacto na sociedade".

Contas evidencia a confusión entre medidas xerais de igualdade home-muller e as específicas de prevención da violencia de xénero

Ademais, Contas tamén sinala que algunhas das actuacións en materia de información, prevención, sensibilización e formación no eido da violencia de xénero "refírense a medidas para o desenvolvemento de políticas de igualdade home-muller e non especificamente á prevención da violencia de xénero".

Por iso, Contas pide á Xunta "que asigne máis recursos ás actuacións de sensibilización e prevención contra a violencia de xénero, por ser estas as que contribúen á súa erradicación se se efectúan de xeito continuado e se estenden a toda a poboación". 

Pero tamén entre as axudas ás vítimas hai eivas. Contas sinala que as contías destinadas ao programa de alugueiro social para vítimas de violencia "foron incrementándose continuamente ao longo dos anos ata o momento actual (1.633%)" e que tamén teñen un bo acollemento as axudas para que os concellos contraten vítimas. Porén, Contas lamenta que "non consta unha planificación estratéxica" de ningunha desas dúas axudas "que permita avaliar a eficacia do cumprimento dos obxectivos". Nese eido, Contas recomenda ao Goberno galego "que avalíe en que medida as axudas reiteradas en sucesivos exercicios, como son as axudas ao alugueiro, contribúen á recuperación integral das vítimas de violencia de xénero".

O Observatorio Galego da Violencia de Xénero "centrouse na elaboración de protocolos" e no seu traballo "non destacan as actividades de estudo, avaliación e seguimento de políticas"

No que ten que ver coa planificación en xeral Contas salienta que Galicia "non conta cun plan estratéxico específico para a loita contra a violencia de xénero" senón que ese eido está incluído nos plans xerais para a igualdade entre homes e mulleres, que á súa vez tampouco incorporan indicadores de impacto. Contas tamén matiza que o propio Pacto de Estado "non constituíu un verdadeiro plan, senón que é un conxunto de medidas para mellorar, reforzar e ampliar as actuacións que se viñan realizando con anterioridade".

Pola súa banda, o Observatorio Galego da Violencia de Xénero, no que a Xunta deu entrada a tres vogais do movemento asociativo, "centrouse na elaboración de protocolos e guías nos ámbitos da cooperación institucional, na prevención e tratamento da violencia de xénero no ámbito educativo, e das distintas formas de violencia sexual". Porén, engade, "non destacan as actividades de estudo, avaliación e seguimento de políticas contra a violencia de xénero que se deben desenvolver en Galicia". 

O conselleiro maior de Contas, Juan Carlos Aladro, entregando este mércores varios documentos ao presidente do Parlamento de Galicia © Parlamento de Galicia

Contas tamén evidencia que algunhas actuacións e axudas a entidades sociais que traballan en materia de violencia de xénero son desenvolvidas de xeito discrecional, con convenios específicos ou contratos a dedo sen concurso público. Por iso, recomenda á Xunta"unha axeitada planificación dos procedementos de contratación e convocatoria de subvencións, con publicidade e concorrencia, fundamentalmente para as actuacións que se desenvolven de xeito reiterado en todos os exercicios".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.