Unha vítima ao día nos centros de crise de violencia sexual en Galicia

A conselleira de Política Social e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero visitando un centro de crise CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Tras un ano de silencio a Xunta revela ao Parlamento as primeiras cifras, incompletas, sobre o funcionamento dos cinco centros impulsados polo Estado cuxa xestión o Goberno galego privatizou

O 31 de decembro de 2024, ao límite dun prazo que xa fora prorrogado, entraron en servizo en Galicia cinco centros de crise para vítimas de violencia sexual, abertos 24 horas en centros sanitarios de Ferrol, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo. Impulsados polo Goberno de España con fondos europeos, a súa xestión quedou en mans das comunidades autónomas e a Xunta decidiu privatizala a OHL e Eulen.

Agora, tras rexeitar informar sobre o seu funcionamento ata que rematase o seu primeiro ano en servizo, o Goberno galego vén de facilitar ao Parlamento as primeiras cifras de uso, incompletas, que revelan que durante 2025 os cinco centros atenderon 381 vítimas, algo máis de unha ao día, e que o 57% chegaron derivadas doutros recursos como centros de información á muller ou servizos sociais, mentres que o 40% foi por iniciativa propia ou de familiares ou persoas achegadas. 

O Goberno de España distribuíu fondos europeos ás comunidades para que abrisen cando menos un centro de crise para vítimas de violencia sexual por provincia, pero en Galicia a Xunta decidiu abrir un máis, de xeito que na provincia da Coruña hainos en Santiago e Ferrol, pero non na cidade da Coruña, o que provocou críticas da súa alcaldesa. Están todos en lugares habilitados específicamente nos principais hospitais de cada cidade, agás o de Ourense que se emprazou no centro de especialidades.

O 57% das vítimas chegaron aos centros de crise enviadas por outros recursos como centros de información á muller ou servizos sociais municipais e no 74% dos casos o contacto inicial foi telefónico

Segundo asegurou este xoves no Parlamento o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, os centros galegos son os únicos que contan con atención presencial as 24 horas do día, mentres no resto do Estado pola noite só disporían dun teléfono de garda "tendo que esperar a vítima a que o profesional ou a profesional acuda ao centro". Barba tamén se queixou de que o protocolo de actuación dos centros foi configurado "exclusivamente pola Xunta, sen axuda" do Goberno de España, e considerou "conveniente" que o elaborase para todo o estado.

No remate da súa intervención no Parlamento, que a consellería non divulgou en nota de prensa como adoita facer con outras comparecencias similares, Barba leu ás carreiras algunhas das cifras de uso dos centros, datos que foi ofrecendo de xeito non sistemático e que se reproducen, cando é posible, nos gráficos que acompañan esta información. Se o 26 de xaneiro o propio presidente Rueda avanzaba como grandes cifras que en 2025 foran atendidas "máis de 350 vítimas", agora Barba concreta o número en 381. E matiza que o centro atende casos de violencia sexual de mulleres maiores de 15 anos "tanto recente como pasada", de xeito que en 2025 o 60% das agresións producíranse máis dun ano antes.

Segundo as súas cifras, un total de 730 persoas contactaron cos centros de crise e foron atendidas 381 vítimas e 113 persoas achegadas ás vítimas. O modo de contacto inicial foi no 74% dos casos telefónico, e posteriormente cada persoa recibiu distintos tipos de atencións, polo que o total de intervencións realizadas foi de 4.347. Vigo concentrou a maior parte tanto das vítimas, "un terzo de toda Galicia", como das a intervencións, "unha cuarta parte". 

Os cinco centros contan con atención presencial permanente as 24 horas do día e no primeiro ano en funcionamento o 60% dos casos atendidos foran por agresións máis dun ano antes

Canto ao tipo de intervencións, "a atención psicolóxica representa máis da metade das intervencións realizadas", co 51,5%, seguida de intervencións sociais, cun 20%, e atención xurídica, cun 13%. Barba sinalou que os "acompañamentos das vítimas", malia seren "minoritarios cuantitativamente" son "importantes cualitativamente", pero non ofreceu cifras.

O director xeral tamén indicou que as agresións adoitan producirse en contextos próximos á vítima, principalmente na vivenda da propia vítima ou do seu agresor, e que a maioría, 53%, se producen en ámbitos urbanos.

Canto ao xeito de chegar aos centros, "catro de cada dez foron por iniciativa propia ou das familias ou persoas achegadas" mentres "o 57% foi por derivación doutros recursos", de xeito que o 38% chegou a través dos centros de información á muller (CIM) ou servizos sociais municipais, o que para o director xeral sinala a "boa colaboración entre institucións".

Por idades, o director xeral indicou que o 27% das mulleres tiñan entre 21 e 30 anos, o 20% entre 31 e 40 anos e o 15% entre 41 e 50 anos, sen detallar máis rangos de idade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.