Pagados con fondos europeos e creados por decisión do Ministerio de Igualdade, o Goberno galego subcontratará a OHL os de Vigo, Ourense, Lugo e Ferrol e a Eulen o de Santiago
A Consellería de Política Social e Igualdade está rematando a tramitación administrativa para adxudicar a OHL e Eulen os cinco centros para vítimas de violencia sexual que se teñen que abrir antes de fin de ano en Galicia. Creados por decisión do Ministerio de Igualdade e pagados con fondos europeos -3,7 millóns ata finais de 2025-, a Xunta decidiu non asumir directamente a súa xestión senón subcontratala e o no concurso público que convocou as ofertas de OHL resultaron as mellor valoradas para os centros de Vigo, Ourense, Lugo e Ferrol mentres que Eulen acadou a maior puntuación para xestionar o centro de Santiago.
Foi en abril de 2021 cando o Consello de Ministros aprobou o plan do Ministerio de Igualdade, na altura dirixido por Irene Montero, para crear unha rede de "centros de atención integral, as 24 horas do día, para mulleres vítimas de violencias sexuais".Facíao aproveitando 66 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación, pero dado que as competencias na materia son autonómicas a daquela ministra xa avanzara que o despregamento da rede dependería dos gobernos das autonomías, que recibirían os fondos a través do Pacto de Estado contra a violencia machista.
Os centros, emprazados en hospitais do Sergas, tiñan que estar en funcionamento a finais do pasado ano, pero a UE aceptou prorrogar o prazo ata finais deste 2024
Os centros tiñan que estar en funcionamento a finais do pasado ano, pero a maioría das comunidades autónomas, incluída Galicia, demoráronse na súa tramitación e a Comisión Europea aceptou prorrogar o prazo para o uso dos seus fondos ata finais deste 2024. De feito, infoLibre vén de publicar que en toda España só hai hoxe centros abertos en cinco provincias, ningunha galega.
No caso de Galicia, o Goberno galego decidiu abrir os centros en espazos reacondicionados dos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo, no Gil Casares de Santiago, no Lucus Augusti de Lugo, no PAC de Ourense e mais no hospital Novoa Santos de Ferrol. E decidiu tamén subcontratar a súa xestión en lugar de asumila con persoal propio. Para iso convocou un concurso por algo máis de 3,7 millóns de euros ata finais de 2025, pero contemplando xa unha posible prórroga por dous anos máis cun importe total superior aos 8 millóns.
Un concurso que non limitou a entidades do terceiro sector, como fai con outras subcontratacións, senón abrindo a porta a empresas convencionais, ás que esixiu un "mínimo" de sete profesionais para cada centro: dúas persoas tituladas en Traballo Social, tres en Psicoloxía e unha en Dereito, así como unha sétima persoa para realizar labores administrativos.
O concurso convocado pola Xunta foi dividido en cinco lotes, un por cada centro. Aos cinco lotes presentaron candidaturas as empresas OHL Servicios Ingesan, Eulen Servicios Sociosanitario e Samaín Servizos á Comunidade, mentres que para os centros de Vigo, Santiago e Ferrol tamén se presentou Osventos Innovación en Servizos. E tras a valoración das súas ofertas as gañadoras foron OHL para os centros de Vigo, Ourense, Lugo e Ferrol e Eulen para o de Santiago. Unha adxudicación esta última que se producirá en plena polémica polas sucesivas contratacións da Xunta con ese grupo empresarial dirixido en Galicia pola irmá do ex-presidente Feijóo.
O proceso de adxudicación está actualmente na fase na que as empresas deben entregar á Xunta diversa documentación para proceder á formalización dos contratos co obxectivo de que os centros poidan comezar a funcionar antes de que remate este ano.