En abril de 2021 o Consello de Ministros deu o visto e prace ao plan do Ministerio de Igualdade, na altura dirixido por Irene Montero, para crear unha rede de "centros de atención integral, as 24 horas do día, para mulleres vítimas de violencias sexuais". Aproveitando 66 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación, o Goberno de España lanzaba así un plan encadrado nos preceptos da nova lei de liberdade sexual e tamén en compromisos internacionais contra a violencia machista, caso do Convenio de Istambul, que o Estado tiña asinados e aínda non cumpría.
A creación destes centros de crise foi aprobada en 2021 polo Ministerio de Igualdade, que os financia. En 2023 accedeu a xestionar coa UE unha prórroga no prazo de apertura ata finais de 2024 por petición das autonomías xa que a maioría, entre elas Galicia, aínda non os abriran
Dado que estas competencias son autonómicas, a daquela ministra xa avanzara que o despregamento da rede dependería dos gobernos das autonomías, que recibirían os fondos para facelo a través do Pacto de Estado contra a violencia machista. Así, a principios de 2022 a Xunta xa calculaba que abriría catro centros, un por provincia. Tras diversos avatares, a apertura destes centros -que finalmente serán cinco- está na súa recta final e o Goberno galego xa ratifica que terán xestión privada mediante un primeiro contrato de algo máis de 3,7 millóns de euros ata finais de 2025, que a propia Xunta xa abre a porta a prorrogar polo límites legal de dous anos máis cun importe total superior aos 7 millóns.
Hai xa algo máis dun ano, a principios de xuño de 2023, a daquela Secretaría Xeral de Igualdade lanzou os trámites para contratar a xestión destes centros. Pero en novembro dese ano "decidiu non adxudicar o contrato ao non existir nin estar dispoñibles os centros nos que debería prestarse o servizo". Fíxoo pouco despois de que a Comisión Europea aceptase prorrogar o prazo para abrilos un ano máis, ata finais de 2024, tras "unha petición en cadea que fixeron as comunidades autónomas", porque só tres cumprían, e que o Ministerio negociou coas autoridades da UE.
A Xunta freou o primeiro contrato porque cando o ía adxudicar, os centros aínda "non existían". Olalla Rodil (BNG) insta o Goberno galego a parar o segundo, ao que destina algo máis de 3 millóns, e "garantir a xestión pública" no canto de teimar no "afán privatizador" do servizo
Esa renuncia ao primeiro contrato está reflectida na documentación que acompaña ao segundo, que a Xunta lanzou a finais do pasado xuño e que agora o BNG pon no albo ao consideralo unha boa mostra do "afán privatizador" do PP, en verbas da súa voceira de Política Social e Igualdade, Olalla Rodil. "Lonxe de recapacitar" tras a primeira contratación interrompida, "volven á carga" e o Bloque reclama que volvan "paralizar" e "garanta a xestión pública destes centros de crise a través do persoal da Consellería de Sanidade" xa que foi este departamento "quen asumiu a creación estes centros" a través dun convenio con Igualdade.
"É a través da sanidade pública galega como deben garantirse este recurso de atención integral para as vítimas de violencia machista", subliña Rodil. Caso contrario, persoal contratado polas empresas privadas que obteñan a adxudicación -o contrato está dividido en cinco lotes, un por centro- será o que atenda as vítimas en espazos públicos de hospitais do Sergas, xa que os centros estarán no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no Gil Casares de Santiago, no Lucus Augusti de Lugo, no PAC de Ourense e mais no hospital Novoa Santos de Ferrol.
Atendendo á documentación do contrato, as empresas e entidades interesadas na adxudicación -ao contrario que outros contratos vencellados á política social, non está limitado a entidades do terceiro sector- terán que ofrecer un "mínimo" de sete profesionais para cada centro. Son dúas persoas tituladas en Traballo Social, tres en Psicoloxía e unha en Dereito, así como unha sétima persoa para realizar labores administrativos.
Os centros están previstos en Vigo, Santiago, Lugo, Ourense e Ferrol con cadanseus cadros de sete profesionais entre Traballo Social, Psicoloxía, Dereito e administración. A Xunta ofrece ás empresas interesadas un beneficio de algo máis de 173.300 euros
A Xunta conta con estes perfís profesionais en varios dos seus departamentos, tal e como consta nas relacións de postos de traballo das diferentes consellerías. Non obstante, xustificou formalmente a xestión privada sinalando que "a Secretaría Xeral da Igualdade [actualmente está dividida en dous departamentos] non conta cos medios especializados" para realizar o labor, "polo que resulta necesaria a súa contratación externa".
A xuízo de Rodil, estas condicións auguran ademais un novo espazo de "precariedade" laboral. "Cada centro estará atendido as 24 horas do día os sete días da semana e durante todo o ano con sete persoas", o cal considera "un despropósito". "O PP -abonda a deputada- está cruzando todas as liñas en materia de igualdade esta lexislatura, primeiro suprimindo Secretaría Xeral de Igualdade, fulminando o carácter transversal deste departamento e agora abríndolle a porta a empresas multiservizos" para asumir estes labores, acusa.
Segundo consta nos pregos do contrato, a Xunta ofrece un beneficio industrial do 6% ás empresas adxudicatarias. Isto equivalería, calcula, unha ganancia de 34.669,22 por cada un dos centros, isto é, un total de 173.346,08 euros. A pasada semana a conselleira de Política Social, Fabiola García, que nesta lexislatura ten tamén baixo a súa competencia as competencias de Igualdade, dixo estimar que os novos centros "estarán en funcionamento no último trimestre do ano".