O BNG reclama a posta en marcha do protocolo contra as agresións sexuais no ocio nocturno aprobado polo Parlamento en febreiro

Mobilización contra as violencias machistas da Marcha Mundial das Mulleres en Santiago no mes de xuño © Marcha Mundial das Mulleres

No primeiro trimestre do ano denunciáronse 43 agresións sexuais con penetración en Galicia, un 10,3% máis que no mesmo período do ano anterior, segundo datos do Ministerio do Interior. O BNG insta a Xunta a activar o protocolo aprobado por unanimidade no Parlamento

O Bloque Nacionalista Galego rexistra novas iniciativas no Parlamento para reclamar ao Goberno galego que se acelere a posta en marcha do protocolo de actuación en caso de agresións sexuais no ocio nocturno, aprobado por unanimidade na Cámara o pasado mes de febreiro a iniciativa do grupo nacionalista. "A Xunta informou antes do verán de que a comezos de xuño estaría xa o protocolo operativo para a súa promoción e divulgación, e nestes momentos ese protocolo segue sen ser unha realidade en activo", destaca a deputada do BNG Noa Presas.

Este verán, tanto en Galicia como no conxunto do Estado, coñecéronse presuntos casos de violacións múltiples que confirman unha preocupante tendencia de incremento neste tipo de agresións sexuais.  "A violencia sexual é unha forma de violencia machista e, polo tanto, as institucións teñen a responsabilidade de incrementar os recursos para combatela, de facelos máis eficaces, de educar á sociedade e de mellorar as ferramentas para atender ás vítimas", destaca Presas.

A deputada do BNG Noa Presas no Parlamento CC-BY-SA BNG

"Lamentablemente, no verán de 2023 coñecemos agresións sexuais múltiples a través dos medios de comunicación que nos recordan a necesidade de avanzar, como é o caso da violación de dous agresores no Porriño a unha moza no contexto dunhas festas ou a agresión sexual tamén cometida por dous mozos nas festas de Monforte en agosto", salienta a deputada nacionalista, que tamén lembra outros casos denunciados noutros lugares do Estado como Mallorca, Murcia ou Navarra.

"É necesario seguir poñendo o acento na concienciación, na educación e nunha prevención que non recaia na responsabilización das mulleres nin na limitación da súa liberdade", destaca Presas

Noa Presas razoa a necesidade de contar con este protocolo aportando os últimos datos do Ministerio do Interior, segundo os cales entre xaneiro e marzo deste ano denunciáronse en Galicia 43 agresións sexuais con penetración, un 10,3% máis que no mesmo trimestre do ano anterior. En 2022 as agresións sexuais con penetración aumentaron de xeito importante en Galicia, cun total de 95, un 17% máis que no ano 2021, segundo os datos da Policía. Esta cifra de violacións denunciadas acada un máximo na serie histórica e supera tamén o dato de 2019, último ano antes da pandemia da COVID-19. 

"É necesario seguir poñendo o acento na concienciación, na educación e nunha prevención que non recaia na responsabilización das mulleres nin na limitación da súa liberdade. Máis aínda nun contexto onde ao tempo que o feminismo e as políticas feministas avanzaron posicións vivimos tamén un avance do machismo e das posicións e organizacións políticas que cuestionan a existencia da violencia machista", advirte a deputada.

No BNG promoven "unha campaña específica sobre a violencia sexual" para espallar o seu coñecemento entre a poboación máis nova

Dende o BNG instan a Xunta a presentar este protocolo "de prevención e intervención fronte agresións sexuais" axiña e piden que no curso escolar que comeza se poña en marcha "unha campaña específica sobre a violencia sexual" con recursos no ámbito do ensino secundario e universitario para espallar o seu coñecemento entre a poboación máis nova.  

As denuncias por violencia machista aumentaron un 3% no primeiro trimestre de 2023 a respecto do mesmo período do ano anterior, con 1.747 denuncias contabilizadas polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial. En Galicia tamén medra o número de mulleres que figuran como vítimas, pois entre xaneiro e marzo contabilizáronse 1.732, fronte ás 1.616 de 2022, o que supón unha subida do 7,2%. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.