Un 3% máis denuncias por violencia machista no primeiro trimestre de 2023 con respecto ás contabilizadas no comezo de 2022, que pechou cun récord de denuncias nesta materia
A tendencia á alza das denuncias por violencia machista continúa no primeiro trimestre de 2023 con 1.747 denuncias presentadas, un 3% máis que no mesmo período do ano anterior, cando se presentaron 1.695. Desde 2020 contabilízanse menos denuncias nos primeiros tres meses do ano, aumentando nos seguintes trimestres e, como sucedeu no peche do ano 2022, acadando cifras máximas cun total de 7.029 denuncias nun ano en Galicia.
Os datos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) sinalan que en Galicia tamén medra o número de mulleres que figuran como vítimas, pois entre xaneiro e marzo contabilizáronse 1.732, fronte ás 1.616 de 2022, o que supón unha subida do 7,2%. Con todo, a taxa de violencia de xénero –mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres– sitúase en 12,4 en Galicia, moi por debaixo da media estatal, que é de 18,4.
Os distintos órganos xudiciais –xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais– ditaron no primeiro trimestre do ano 498 sentenzas en procesos de violencia de xénero. Un 80% foron condenatorias (398). Ademais, entre xaneiro e marzo os xulgados de menores axuizaron a dúas persoas por delitos relacionados con violencias sobre a muller.
A presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, Ángeles Carmona, salienta o "aumento significativo das denuncias"
A presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, Ángeles Carmona, salienta o "aumento significativo das denuncias" e sinala que "significa que as mulleres están a confiar nas institucións e están dando ese paso tan difícil como é denunciar ao seu maltratador, e tamén significa que as institucións están colaborando para que o proceso chegue ao seu fin".
Así mesmo, Carmona fai fincapé nese "aumento significativo das condenas" que supón que un 80% sexan condenatorias porque, di, manda unha "importante mensaxe" aos homes que exercen violencias sobre as mulleres de que "non hai impunidade".
Por outra banda, no primeiro trimestre deste ano solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 495 ordes e medidas de protección da vítima, un 9,5% máis que no mesmo período de 2022, cando se demandaron 452. Os resultados foron de concesión das mesmas en 342 casos (o 69% do total). Nos xulgados de garda sen competencia en violencia sobre a muller solicitáronse 122 ordes de protección, das que se acordaron 83.
"Hai un aumento significativo das ordes cautelares que se adoptan nos órganos xudiciais e un 70% das solicitadas son concedidas", destaca Ángeles Carmona, que relaciona estes datos coas "preparación" e "sensibilidade" das e dos profesionais da carreira xudicial con estes casos. No asasinato machista de Ana Vanessa Serén, cometido en Oia (Pontevedra) o pasado 3 de xuño, a vítima estaba á espera de xuízo e tiña concedida unha orde de afastamento de 300 metros do seu agresor e a prohibición de comunicación por todas as vías.
En canto ás medidas civís ditadas polos xulgados de violencia sobre a muller para protexer aos fillos e fillas das vítimas, que evidencian as modificacións legais introducidas na Lei Orgánica de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, reflicten que entre xaneiro e marzo os órganos xudiciais galegos adoptaron 61 medidas consistentes na suspensión do réxime de visitas, un 22% máis que no mesmo período do ano pasado, cando se adoptaron 50 solicitudes para paralizar as visitas. Rexistráronse 23 menores tutelados vítimas de violencia de xénero neste primeiro trimestre, dous menos que nas mesmas datas de 2022.