A muller de 44 anos asasinada en Oia o pasado sábado presuntamente pola súa ex-parella presentara unha denuncia por violencia machista o 5 de abril e se estaban practicando as "dilixencias previas ordinarias" mentres estaba en vigor a orde de afastamento de 300 metros, que non fora vulnerada, segundo os datos oficiais
A muller asasinada o pasado sábado cando ía coller o seu coche tras rematar a súa quenda de traballo no camping 'O Muíño' de Mougás (Oia) estaba á espera da celebración dun xuízo por violencia machista. Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) precisaron este luns que non se celebrou un xuízo rápido, como trasladou o domingo a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e que estaban en marcha as "dilixencias previas ordinarias" tras a denuncia presentada pola vítima hai dous meses.
A denuncia de Ana Vanessa Serén chegou o 5 de abril ao Xulgado de Violencia sobre a muller de Vigo, desde onde se ordenou a detención do presunto asasino para tomarlle declaración. Este xulgado acordou a posta en liberdade do detido e ditou as ordes de protección da vítima que seguían vixentes no momento do crime: a prohibición de achegarse á vítima a menos de 300 metros e de comunicarse con ela por calquera vía. Non se empregaron dispositivos de control telemático neste caso, fontes de Xustiza confirman que nin o Ministerio Fiscal, nin a acusación particular, nin a defensa solicitaron a pulseira de xeolocalización controlada polo programa Cometa.
O caso pasou ao Xulgado número 1 de Tui, ao que lle correspondían as dilixencias do caso pola ubicación do domicilio da vítima, que xa enviara a documentación necesaria ao Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) para que se realizase o informe preciso. Nas vindeiras semanas o caso chegaría ao xulgado penal de Pontevedra, que sería o encargado de ditar sentenza.
A vítima, de 44 anos, presentara unha denuncia por violencia machista relatando dous episodios violentos sobre os que xa presentara o correspondente parte médico. Documentación que chegou ao xuíz instrutor de Tui e foi remitida ao Imelga en menos de 24 horas, segundo fontes consultadas por este xornal. O informe do Imelga que estaba pendente é necesario para trasladar o caso ao xulgado penal de Pontevedra.
Larriba asegura que "non houbo ningún quebrantamento por parte do agresor" das medidas de protección ditadas polo xulgado
O presunto asasino non poderá ser xulgado ao quitarse a vida o mesmo sábado coa arma "sen rexistrar" coa que supostamente matou a súa ex-parella. Maica Larriba detallou o domingo que a Garda Civil, corpo ao que pertencía o presunto asasino, efectuou "56 intervencións policiais de protección" nos dous meses que decorreron desde que se presentou a denuncia en Vigo e este luns explicou que "esas 56 actuacións foron actuacións propias do protocolo de protección dunha vítima".
"Trátase de comunicacións, entrevistas, chamadas telefónicas... dentro dos protocolos establecidos por violencia de xénero", agregou a subdelegada do Goberno en Pontevedra, quen aclarou que "non houbo ningún quebrantamento por parte do agresor" das medidas de protección ditadas polo xulgado. "Pero isto é independente, sempre que hai un caso de violencia de xénero os responsables da custodia da vítima contactan con ela para ver como van as cousas e se tivo sospeita dalgún quebrantamento, aínda que non é o caso", manifestou na concentración en repulsa do crime en Pontevedra.
Este caso de violencia machista estaba "rexistrado como de risco medio" no sistema Viogén do Ministerio do Interior e o axente da Garda Civil presunto autor do crime empregou unha arma "que non figura en ningún rexistro nin das forzas e corpos de seguridade de España nin de Portugal". Segundo a información oficial, o suposto asasino tiña retirado o permiso de armas.
Besteiro reivindicou a loita contra a violencia machista como unha "cuestión de Estado" e trasladou o respaldo do Goberno "para seguir pondo todos os recursos que sexan necesarios"
Por outra banda, a letrada da vítima solicitou o pasdo 23 de maio que a súa representada puidese acceder ao domicilio do presunto asasino para recoller as súas pertenzas. Un permiso que foi concedido polo xulgado de Tui, indicando que a muller íria acompañada por axentes das forzas e corpos de seguridade para garantir a súa seguridade. Segundo puido saber este xornal, non consta no xulgado se a muller chegou a acudir á vivenda.
O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou este luns a loita contra a violencia machista como unha "cuestión de Estado" e insistiu o asasinato de Ana Vanessa Serén "é un novo fracaso como sociedade". Besteiro trasladou ao conxunto das mulleres de Galicia, e en especial a aquelas que sofren calquera tipo de violencia, o respaldo do Goberno "para seguir pondo todos os recursos que sexan necesarios para erradicar esta violencia que nos golpea cunha frecuencia insoportable".
Neste momento hai 4.339 casos activos de violencia de xénero en Galicia no Sistema Viogén do Ministerio do Interior. O crime de Oia xa foi confirmado pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero como feminicidio, polo que é o segundo asasinato machista en Galicia no que vai de ano despois do feminicidio que acabou coa vida de Beatriz Lijó en Baiona en febreiro. Con este feminicidio son 21 as mulleres asasinadas por violencia machista no Estado español en 2023, 1.025 desde que comezaron os rexistros en 2003 no Estado e 68 en Galicia, segundo os datos oficiais.
O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero (e no enderezo 016-online@igualdad.gob.es), en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano. Se se trata dunha emerxencia hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización.