A presidenta do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), Ángeles Carmona, participou este martes na xornada Violencias machistas: análises e retos organizada polo Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. Unha sesión coordinada por Carme Adán e Paz Filgueira na que Carmona destacou que "as denuncias que se presentan en Galicia cada ano no ámbito da violencia contra a muller tiveron unha evolución exponencial á alza", pois no último ano medraron un 7%, o que indica que "se denuncia máis".
Estes datos amosan, segundo a súa análise, como "un delito que estaba silenciado, que estaba tolerado pola sociedade e que, en moitas ocasións, a sociedade vía como un problema de parella, se converteu nun problema da sociedade, nunha cuestión de Estado, nun delito público e perseguible de oficio". "Se seguimos traballando, se non damos pasos atrás, conseguiremos o obxectivo que queremos: que non haxa ningún caso de violencia machista", sentenciou.
A presidenta do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do CGPJ reclama pór en marcha unha especialidade xudicial propia para estas violencias e, mentres tanto, pide que a formación en igualdade para todos os axentes xudiciais sexa obrigatoria
Ata que punto afectou a ‘parálise’ na renovación do CGPJ ao desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero nestes anos?
Non ten afectado en absoluto porque eu, como presidenta do Observatorio, comparecín nas dúas comisións –tanto no Congreso como no Senado– de seguimento do Pacto de Estado. Non deixamos nunca de traballar implementando todas as medidas que propuxemos no Consello, sobre todo no que se refire á formación de xuíces. Unicamente, si que houbo unha medida –que era moi importante para nós– que é a da especialidade propia de violencia xénero para a carreira xudicial, que non puidemos implementar na súa totalidade porque como consecuencia da modificación lexislativa que restaba algunhas competencias ao CGPJ non puidemos modificar o regulamento e, polo tanto, non puidemos pór en marcha esta especialidade propia. Aínda que xa está aprobado o proxecto e espero que o próximo Consello o faga inmediatamente porque penso que é moi bo para evitar a mobilidade nos xulgados de violencia sobre a muller e que todos os xuíces que teñen esa competencia conten con esa especialidade propia. Agora están absolutamente formados, mais é importante que haxa un grupo de xuíces implicados e que sempre teñan como destino eses xulgados de violencia sobre a muller.
"É importante que haxa un grupo de xuíces implicados e que sempre teñan como destino eses xulgados de violencia sobre a muller"
Na última reunión do Observatorio abordaron como importante levar a formación específica en violencias machistas tamén aos xuíces e xuízas dos xulgados do Penal.
Si, non só pedimos que se sigan especializando nos xulgados do Penal posto que son os xulgados que ditan a maioría das sentenzas en violencia sobre a muller, senón que tamén queremos que sexa obrigatoria a formación para os xuíces que están nas localidades máis pequenas en xulgados que atenden violencia de xénero e outras competencias. Agora todos os xuíces teñen a oportunidade de facer o curso formación especializado, pero non é obrigatorio; por iso pedimos que o sexa mentres se pon en marcha a especialización. E seguimos insistindo en que haxa en todas as provincias un xulgado do Penal especializado en violencia sobre a muller, para que os funcionarios estean formados e para que a coordinación co resto de institucións sexa máis doada.
De coordinación e comunicación entre institucións estase a falar moito a respecto dos chamados ‘agresores reincidentes’.
Isto está contemplado no Pacto de Estado, hai unha medida que establece que sempre haxa unha consecuencia penal para o quebrantador, para o maltratador reincidente que quebranta unha orde de protección. Nese sentido, nós temos pedido algunha reforma lexislativa para que o delito de quebrantamento tamén implique unha pena de afastamento obrigatoria. En todo caso, o dos agresores reincidentes é algo que nos preocupa enormemente. A reincidencia é a circunstancia agravante que máis se impón nas resolucións xudiciais e, polo tanto, estes maltratadores persistentes son moi comúns.
Abordouse na reunión do Observatorio, e ademais a Fiscalía estaba de acordo, o feito de poder informar as mulleres que denuncian que ese maltratador xa tivera denuncias por parte doutras mulleres, aínda que non chegase a ter unha sentenza condenatoria e, polo tanto, o proceso non derivase nun antecedente penal para el. Trátase de, polo menos, poder explicar as mulleres porque o seu caso pode ter máis risco. Fundamentalmente para poder adoptar medidas policiais e tamén de autoprotección da propia vítima, para que sexa consciente do perigo. Todos os pasos que se poidan dar para que a muller estea informada do risco que corre con ese maltratador será para ben, para que poida autoprotexerse.
"Esta ferramenta está a resultar moi eficaz, non tivemos que lamentar ningún asasinato cunha pulseira imposta"
Dúas mulleres vítimas de violencia machista explicaron recentemente a Praza.gal como é estar no sistema de control das ordes de afastamento e trasladaban que as ordes de protección “non serven” se non van acompañadas desta xeolocalización permanente. Unha das cuestións sobre a mesa para abordar a reincidencia é fomentar este sistema, que ten que pasar para que suceda?
Efectivamente, nos últimos anos aumentou exponencialmente o número de dispositivos electrónicos que se poñen nos casos de violencia de xénero. Hoxe temos o récord en España, máis de 3.370 pulseiras que están agora mesmo activadas con vixilancia vía satélite todos os días durante todo o día a través do centro de control Cometa e, por suposto, da actuación das forzas e corpos de seguridade do Estado. Esta ferramenta está a resultar moi eficaz, non tivemos que lamentar ningún asasinato cunha pulseira imposta. Nós estamos a fomentala desde o punto de vista da formación, non só na carreira xudicial senón en todos os operadores xurídicos, para que pidan esta pulseira. Nas enquisas de satisfacción das usuarias normalmente indican que se senten máis seguras, pero é verdade que nalgunhas ocasións o maltratador rompe a distancia para comprobar se funciona e isto xera unha revitimización da muller, con esa sensación de inseguridade.
Con todo, existe un delito de manipulación do dispositivo no caso de que o maltratador intente quitalo ou non cargue a batería do dispositivo que leva, polo que cometería outro delito máis grave que é o de quebrantamento da medida cautelar. Debemos seguir impulsando este sistema de control, que está a ser imitado por outros países como Francia, que veu aprender como o estabamos utilizando e xa o está a usar. Creo que é moi interesante porque xera máis seguridade para as vítimas e tamén facilita o labor da Policía no control das ordes de afastamento.
"Reclamamos un informe de perigosidade, de valoración do risco forense, no mesmo momento da denuncia da muller e da súa primeira declaración ante o xulgado, para que sexa explorada inmediatamente"
Estas mulleres o que reclaman é máis consecuencias para os agresores cando vulneren as medidas de protección.
Cando se producen quebrantamentos que xeran unha situación de risco para a integridade física e psíquica da muller que leva ese dispositivo, normalmente o que acostuma a acontecer é que o Ministerio Fiscal pide a prisión preventiva. Un maltratador sobre o que xa se impuxo unha orde de protección e, polo tanto, hai indicios de que cometeu un delito sobre esa muller e aínda por riba non obedece a orde xudicial o que fai é elevar a súa perigosidade como delincuente. Outra opción é aumentar a distancia á que non pode achegarse á vítima, normalmente se poñen 500 metros e o habitual é incrementar ata os mil, para que o maltratador deixe de achegarse; o seguinte paso xa sería a prisión preventiva ata a espera de sentenza.
Na liña de evitar a revitimización están as unidades de valoración forense integrais que contan con forenses, psicólogos e traballadores sociais que atenden as vítimas das violencias machistas.
Si, e están a funcionar moi ben, pero aínda non existen en territorios moi pequenos e todo o proceso tarda moito máis. Reclamamos que existan en todos os territorios, non só nas capitais de provincia, e que ademais fagan un informe de perigosidade, de valoración do risco forense no mesmo momento da denuncia da muller e da súa primeira declaración ante o xulgado, para que sexa explorada inmediatamente. Así teríamos unha valoración do risco policial e esta forense, co fin de dotar ao órgano xudicial de todas as ferramentas para adoptar as medidas cautelares necesarias para protexer a esa vítima e aos seus fillos e fillas. De feito, na última reforma da lei de protección á infancia e á adolescencia xa é obrigatorio que se suspenda o réxime de visitas co proxenitor cando existe unha orde de protección sobre a muller, para evitar que o maltratador teña acceso ás crianzas de maneira cautelar. Isto está a supoñer un avance importante porque se incrementaron un 500% as medidas civís que se adoptan polos órganos xudiciais para protexer aos menores.
"Desde o Observatorio consideramos que a proposición de lei que se coñeceu hai unhas semanas e que corrixe o efecto negativo da redución das condenas é correcta e ten que aplicarse"
A catedrática de Dereito Penal da Universidade da Coruña Patricia Faraldo, que tamén participou nas xornadas do Consello da Cultura, explicou en Praza.gal que a lei de liberdade sexual “nunca pretendeu castigar máis” e que establece un rango de penas similar ao do marco europeo. Seguen a producirse estas reducións de penas catro meses despois, como ve a situación?
No informe que fixemos desde o CGPJ do anteproxecto de lei advertimos de que a penalidade en determinados casos era inferior na reforma lexislativa e que ía provocar automaticamente, como consecuencia da aplicación do principio constitucional de aplicación da lei penal máis favorable, rebaixas de condenas. E isto está a producir unha alarma social moi importante. É verdade que o espírito da lei é protector, e contén unha maioría de artigos con avances de tipo penal moi importante, como a extensión dos dispositivos electrónicos de control tamén para os casos de violencia sexual.
Pero tamén é certo que o Tribunal Supremo estableceu en dez sentenzas un criterio sobre o que, nalgúns casos do que antes era agresión sexual, que se quedan fóra do rango de penas, deben reducirse as condenas. Se ben pode ser verdade que esta lei se adecúe ao marco punitivo doutros países de Europa, non se pode negar a alarma social: estase a lanzar a mensaxe de que este tipo de delitos é menos grave e, desde logo, debe corrixirse. Desde o Observatorio consideramos que a proposición de lei que se coñeceu hai unhas semanas e que corrixe o efecto negativo da redución das condenas é correcta e ten que aplicarse.
Como valora estes cinco anos de Pacto de Estado contra a violencia de xénero?
Fago unha valoración de esperanza e positiva de todo o que se ten feito en España, en comparación con outros países que veñen aprender como estamos a xestionar a protección das vítimas de violencia de xénero. Estamos na vangarda en canto aos recursos asistenciais, policiais e xudiciais. O éxito está na formación de todos os operadores que traballan coas vítimas e na oficialidade das cifras: levamos desde o ano 2003, cando se creou o Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero facendo análises moi profundos e profesionais que teñen unha gran credibilidade porque proveñen dos propios órganos xudiciais. Desta maneira puidemos ir avanzando e propoñendo medidas para protexer as vítimas. Tratar este tema como algo transversal que nos afecta a todos e todas fai que toda a cidadanía se implique. España ten que estar orgullosa, agora ben, non podemos baixar a garda en ningún momento e temos que seguir traballando ata conseguir o noso obxectivo: que non haxa nin unha soa vítima –muller, nena ou neno– da violencia machista.