Ao Ministerio do Interior preocúpano os agresores machistas reincidentes. Tras dous días de análises a consecuencia da repunta de asasinatos detectado en decembro e xaneiro, o departamento de Fernando Grande-Marlaska chegou á conclusión de que un dos aspectos onde o sistema debe pór o acento é nos homes con antecedentes en materia de violencia de xénero. É o que deron en chamar "agresores persistentes" e en 2022 constituíron o 20% dos delincuentes machistas.
Ante a repunta de asasinatos, Interior pon o foco nos agresores reincidentes que tenden a presentar "un patrón de comportamento machista" e unha "resposta violenta persistente no tempo"
Trátase, segundo precisaron este mércores fontes do Ministerio, de suxeitos cun "patrón de comportamento machista" que ofrecen unha "resposta violenta persistente no tempo". Unha das medidas sobre a mesa, a falta de concretar o seu encaixe xurídico, é a de alertar as mulleres que presenten unha denuncia contra as súas parellas no caso de que o home conte con antecedentes en violencia de xénero. Esta información, sinalan as mesmas fontes, serviría para que a vítima poida contar cun "plan de autoprotección" máis rigoroso. En calquera caso, as voces consultadas subliñan que os agresores que entran no sistema teñen unha probabilidade de reincidir até 25 puntos menor que aqueles que quedan fóra e non son denunciados.
Ademais dos agresores persistentes, o departamento de Grande-Marlaska tamén pon a lupa sobre as "vítimas resistentes", é dicir, aquelas en situacións de vulnerabilidade, xa sexa por razóns económicas, por dificultades comunicativas ou por atoparse nunha situación de drogodependencia. Elementos que constitúen un contexto máis complexo en canto á ruptura coa violencia. Para elas, o Ministerio quere trazar plans personalizados que sirvan para blindar a súa protección.
Ministro e forzas de seguridade crean unha "mesa de avaliación e seguimento" dos feminicidios mentres valoran a posibilidade de alertar as mulleres que denuncian se os agresores son reincidentes
Estas medidas forman parte das conclusións alcanzadas polos responsables dos corpos e forzas de seguridade e as policías territoriais. A análise dos 49 feminicidios que deixou 2022 no conxunto do Estado e dos tres confirmados no que vai de xaneiro puxo sobre a mesa un mandato: cómpre mellorar o funcionamento do sistema. E para iso, abondaron as mesmas fontes, non se precisan máis medios materiais nin humanos, senón reforzar os mecanismos xa existentes para "mellorar a súa excelencia".
Unha mesa de avaliación dos asasinatos
Entre as conclusións confeccionadas polos axentes convocados polo ministro está tamén a creación dunha mesa de avaliación e seguimento dos feminicidios, un grupo de traballo que funcionará a partir de reunións ordinarias mensuais e doutras extraordinarias sempre que así se decida. Á mesa sentarán as forzas de seguridade e todos os axentes que compoñen o sistema VioGén.
Os expertos cren importante tamén garantir o cumprimento do protocolo de valoración policial de risco, a través de melloras encamiñadas a facelo máis fácil e intuitivo para os axentes e mediante a revisión dos criterios que conducen á inactivación dos casos.
O Ministerio de Grande-Marlaska cre fundamental incidir na contorna a través de actuacións e comunicacións coas persoas achegadas que, en ocasións, tenden a enmascarar situacións de risco
Doutra banda, o Ministerio de Grande-Marlaska cre fundamental incidir na contorna, a través de actuacións e comunicacións coas persoas achegadas que, en ocasións, tenden a enmascarar situacións de risco. Tamén coa intención de mellorar a detección temperá, os expertos reunidos estes dous días cren fundamental mellorar a formación dos policías no chamado protocolo cero, unha guía de actuación que serve aos axentes para establecer un primeiro contacto coa vítima, especialmente cando esta decide non interpor denuncia.
Nese sentido, as forzas de seguridade propuxéronse ser máis estritos e solicitar sempre ás autoridades xudiciais o control telemático nos casos "potencialmente letais". Mesmo coa oposición da vítima.