Alerta para toda a sociedade tras unha decena de asasinatos machistas no Estado este mes

Victoria Rosell (en primeiro plano) xunto a Irene Montero e Ángela Rodríguez tras o comité de crise polos asasinatos machistas CC-BY Ministerio de Igualdade

A actual "repunta de feminicidios" provoca a primeira reunión dun comité de crise que busca "extremar a precaución" e protexer máis e mellor ás mulleres, especialmente ás que se atopan en situacións de vulnerabilidade

“Temos que estar en alerta”, afirmou a secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, Ángela Rodríguez, tras a xuntanza do comité de crise que reuniu por primeira vez a persoal dos ministerios de Igualdade, Interior e Xustiza, ademais de representantes das comunidades autónomas nas que se produciron os últimos asasinatos e á Fiscalía nunha sesión de urxencia polo elevado número de mulleres asasinadas este mes de decembro. Ao mediodía deste venres o Ministerio de Igualdade confirmaba once feminicidios este mes e hai outros dous casos que están aínda a ser investigados para determinar se tamén foron crimes machistas.

A alerta trasládase a todas as institucións do Estado e ao conxunto da sociedade. Rodríguez salientou que o obxectivo é tomar medidas diante da actual “repunta de feminicidios” – defínense así os períodos nos que nun breve lapso temporal se producen máis de cinco asasinatos machistas– con once casos confirmados a día 30. “Extremar a precaución significa que todos os actores que traballamos na loita contra a violencia machista debemos traballar sen descanso nos vindeiros días para tratar de adiantarnos a calquera nova situación”, explicou a secretaria de Estado, quen pediu á sociedade que non “menosprece” calquera indicio de violencia machista e chame ao 016 ou ao 112, pois é “a única maneira de chegar a tempo”.

Acción simbólica de lembranza ás vítimas dos asasinatos machistas, na mobilización da Coruña polo 25N de 2019 CC-BY-NC-SA MA

Un 75% dos asasinatos que se analizaron no comité de crise producíronse nas fins de semana de decembro ou en días festivos, segundo destaca Ángela Rodríguez

Un 75% dos asasinatos que se analizaron no comité de crise [oito casos, pois tres foron confirmados a posteriori] producíronse nas fins de semana de decembro ou en días festivos, segundo destacou Ángela Rodríguez, quen sinalou que o comité de crise emitirá un informe con “propostas de mellora” na liña de entender mellor o que precisan as vítimas, que se analizarán na Comisión sectorial de Igualdade. Rodriguez fixo fincapé na especial necesidade de formación de aqueles actores que participan na posibilidade da detección precoz da violencia de xénero, “todo o que se fai é correcto, pero precisamos máis esforzos se as cifras son estas”, apuntou.

A metade das oito vítimas cuxos casos estudaron na reunión de urxencia presentaran denuncias por violencia de xénero, algunhas pediran axuda en diferentes lugares e varios dos seus asasinos son agresores reincidentes. “Nos períodos vacacionais hai maior tempo de convivencia, maior intento dos homes de someter e controlar a vida das mulleres e no espazo doméstico, que é onde eles consideran que deben estar elas”, conta a Praza a psicóloga Concha Fernández, coordinadora da Comisión feminista do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), quen insiste en que isto acrecenta as ocasións para exercer violencia sobre as mulleres. 

Para a psicóloga Concha Fernández o Nadal é especialmente sensible porque "se festexa un patrón de familia tradicional onde os homes teñen unha posición de superioridade"

A delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell, debullou que en toda a serie histórica de datos oficiais de feminicidios, que se contabilizan desde 2003 e na que figuran 1.182 mulleres asasinadas polo feito de seren mulleres (49 no que vai de ano), “destacan os meses de xullo e agosto e a continuación decembro e xaneiro, e tamén xuño; e nesta repunta de maneira moi flagrante os días festivos”. Neste sentido, lembrou que desde este ano 2022 tamén están a contabilizar a efectos estatísticos os asasinatos cometidos fóra da parella sentimental. Segundo o reconto que leva Feminicidio.net son 99 as mulleres asasinadas en 2022. Para Concha Fernández as datas arredor do Nadal son tamén especialmente sensibles porque “se festexa un patrón de familia tradicional onde os homes teñen unha posición de superioridade e de control da vida familiar e doméstica”. 

Rosell avanzou que as propostas de mellora do comité pasan por abordar “medidas máis especializadas para as mulleres en situación de maior vulnerabilidade”, pois entre as últimas vítimas hai mulleres con discapacidade, cun historial de adiccións, de idade avanzada ou estranxeiras en situación administrativa irregular. A delegada do Goberno incidiu na necesidade de buscar maneiras de axudar a estas mulleres en todos os lugares do Estado, así como á infancia, que se converte tamén en vítima da violencia machista con cada vez máis frecuencia. Dous menores foron asasinados por violencia machista este ano segundo os datos de Igualdade, un total de 48 desde que se comezaron a contabilizar nas estatísticas oficiais no ano 2013. No que vai de ano, 38 nenos e nenas quedaron orfos por violencia machista, 377 desde 2013.

O ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, na reunión co seu equipo polo incremento de feminicidios © Ministerio de Interior

"As forzas de seguridade e o sistema xudicial deben nutrirse da coordinación interinstitucional para dar unha mellor derivación e unha información máis detallada ás vítimas", di Victoria Rosell

A violencia de xénero é un asunto público. Denunciala, detectala e informar dela é un deber cidadán, pero ademais é un deber cidadán que salva vidas”, aseverou Victoria Rosell, quen indicou que seguen traballando para que as diferentes institucións e organismos compartan máis información e así poder exercer a prevención da violencia machista cunha maior eficacia: “As forzas e corpos de seguridade e o sistema xudicial deben nutrirse desa coordinación interinstitucional para dar unha mellor derivación e unha información máis detallada e concreta –quizá máis territorializada– ás vítimas”.

Para a psicóloga Concha Fernández atopámonos ante unha dualidade na que é certo que os datos indican que un maior número de mulleres está a denunciar as violencias que sofre, “pero tamén hai máis homes que se senten amparados e alentados no seu machismo e na súa violencia porque cada vez hai máis grupos políticos e grupos de opinión e de presión manifestamente machistas, que negan a violencia de xénero”. Nesta liña, Fernández ve preocupante o efecto que isto está a producir na mocidade, en gran medida pola “amplificación mediática dos discursos negacionistas e que exaltan valores machistas”, cun “crecemento importante de valores e discursos machistas que validan a negación destas violencias”.

723 mulleres no Estado están en risco alto ou extremo por violencia machista

O ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, trasladou este xoves que un total de 723 mulleres no Estado están en risco alto ou extremo por violencia machista. En total, 31.161 mulleres están incluídas no Sistema de seguimento integral nos casos de Violencia de Xénero (VioGén), 17 en risco extremo e 706 en risco alto, con protección reforzada, segundo Grande-Marlaska, que trasladou a súa “profunda frustración” acrecentada estes días “ante a sucesión terrible” de crimes machistas. “Unha proliferación inusual e que non responde a ningún patrón temporal nin doutro tipo”, afirmou.

Grande-Marlaska confirmou que traballan na mellora do acceso á información do sistema VioGén que reclaman desde Igualdade e avanzou que preparan mecanismos para frear aos considerados “agresores persistentes”: “Traballamos nunha instrución para que non se poña só a vista na vítima, senón tamén no agresor, porque está acreditado que no caso do reincidente existe un risco maior para unha parella nova, porque o tempo de materialización de violencia acúrtase”. 

Tanto Ángela Rodríguez como Victoria Rosell transmitiron a mensaxe de que se hai asasinatos machistas, hai un fracaso das institucións. Segundo explicaron, o principal obxectivo do comité de crise reunido esta semana é facer “autocrítica” para encontrar formas de mellorar e poder exercer, de facto, un labor de prevención.

"Ante o máis mínimo indicio de que unha muller corre o máis mínimo perigo, todas e todos estamos obrigados a poñelo en coñecemento das forzas de seguridade", asevera o ministro de Interior

Acabar co terrorismo machista é un obxectivo de país, de Estado, que só poderemos acadar se a sociedade e as súas institucións democráticas o asumen –o asumimos– como compromiso prioritario e nos implicamos ao unísono, como estamos facendo, ata conseguir que ningunha muller máis perda a vida polo simple feito de ser muller”, asegurou Fernando Grande-Marlaska.

“Cada cidadá e cidadán debe comprometerse na loita contra a violencia de xénero, todos e cada un e unha de nós debemos converternos en responsables da seguridade das mulleres que comparten a nosa vida. Ante o máis mínimo indicio de que unha muller corre o máis mínimo perigo, todas e todos estamos obrigados a poñelo en coñecemento das forzas de seguridade, por calquera medio –dixo para lembrar que a aplicación para teléfonos móbiles AlertCops é un “instrumento áxil e eficiente” para activar a actuación policial nestes supostos”, engadiu o ministro. 

 

O Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero no teléfono 016 (e no enderezo 016-online@igualdad.gob.es), en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano. Se se trata dunha emerxencia hai que chamar ao 112.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.