A secretaria xeral de Igualdade da Xunta afirma que a campaña co lema "Non debería pasar, pero pasa" pasou "todos os controis habituais" e a preguntas do PSdeG no Parlamento replica que "é un insulto á intelixencia" sinalar "que ten outro obxectivo que non sexa a erradicación e prevención da violencia de xénero"
A secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, reitera o seu apoio á campaña difundida polo propio Goberno galego baixo o lema "Non debería pasar, pero pasa" ás portas do 25N, que tivo unha ampla resposta por parte do movemento feminista e dos partidos da oposición en Galicia, así como doutras formacións políticas no Estado. Para López Abella "é un insulto á intelixencia das galegas e galegos pensar que esta campaña institucional ten outro obxectivo que non sexa a erradicación e prevención da violencia de xénero".
Defendeu así, na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento, a preguntas da deputada do PSdeG Noa Díaz, que a interpelou sobre a intención da campaña, os filtros polos que pasou na Xunta e os fondos empregados para sufragala. López Abella argumentou que a campaña segue as directrices do Pacto de Estado a respecto das novas formas de violencia machista como o acoso nas rúas, a inseguridade nos espazos urbanos e outras temáticas como o control dixital, a difusión de imaxes íntimas ou a submisión química.
"Non conten con nós para traer ao Parlamento polémicas de Twitter", aduciu a secretaria xeral de Igualdade na súa intervención, na que sostivo que "a campaña era moito máis que un pantallazo dun tweet sacado de contexto" e que "en todo momento se especifica que todas estas prácticas son violencia de xénero".
"No grupo socialista estamos convencidas de que a intención do Goberno galego con esta campaña non era a de poñer novamente o foco nas mulleres, culpabilizándonos de seren potenciais vítimas de violencia machista por querer vivir, pero terán que recoñecer que ese si que foi o resultado. E, nesta altura, non podemos permitir isto", manifestou Noa Díaz.
López Abella argumenta que a campaña estivo presente en medios de comunicación catro semanas e critica que a reacción negativa xurdiu nas redes sociais, o que para a deputada socialista demostra "o impacto mínimo" das accións da Xunta en Igualdade
Susana López Abella esgrimiu que "en ningún caso estamos poñendo o foco sobre a vítima, o que di esta campaña é que as mulleres deberían ser libres par ir polas rúas de noite sen pasar medo, poder escoller a roupa que lles dea a gana para facer deporte e divertirse nunha discoteca sen temor a que ninguén as drogue sen consentimento. Iso é o que debería pasar, pero non sempre pasa".
Ademais, trasladou que esta non foi a campaña oficial para o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres da Xunta, pois segue "vixente" a do lema "Non á violencia de xénero", porén celebrou a súa difusión e os "12.000 impactos" que xerou tras catro semanas presente en "en 12 xornais galegos e tres de difusión nacional, en 21 medios locais, en 20 xornais dixitais galegos ou nacionais con audiencia no territorio, en once emisoras de radio –incluídas as de información xeral e radiofórmulas– e en 53 mupis ou carteis publicitarios nas principais cidades galegas".
É por isto que López Abella considerou que a campaña "superou o filtro máis esixente, o de todos os galegos e as galegas, que con toda seguridade viron a campaña e de xeito maioritario a interpretaron correctamente". A secretaria xeral de Igualdade criticou que a deputada socialista fixese referencia á reacción en redes sociais como Twitter á raíz da difusión da mesma no perfil oficial da Xunta nesta rede social e afirmou que "estar demasiado en Twitter" é "un grave problema que temos hoxe na política nacional e autonómica".
"O que máis nos preocupa é que non atinen porque non teñen claro como loitar contra a violencia machista porque aínda non vimos unha campaña centrada nos agresores", afirma Noa Díaz
Pola súa banda, Noa Díaz replicou que o feito de que a reacción maioritaria ante a campaña chegase tras un mes de exposición o que demostra é "o impacto mínimo" das accións que leva a cabo a Xunta en materia de Igualdade. Para a socialista a campaña "fixa estereotipos" como que "se es unha boa rapaza, non che vai pasar nada" e sitúa mal o foco: "O que máis nos preocupa é que non atinen porque non teñen claro como loitar contra a violencia machista porque aínda non vimos unha campaña centrada nos agresores, quen nos mata a nós –ás mulleres– son os homes. É aos agresores aos que hai que culpabilizar e non a nós por saír correr en mallas".
A campaña, que tivo un custo de algo máis de 200.000 euros, foi sufragada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero que reparte o Goberno de España entre as comunidades autónomas. Na súa intervención na comisión parlamentaria, Susana López Abella confirmou que "superou todos os procesos ordinarios de contratación e pasou todos os controis habituais, con maior esixencia se cabe sobre a creatividade pola obriga que supón cumprir cos obxectivos fixados tanto pola Xunta, pola Consellería de Igualdade como pola Secretaría Xeral de Igualdade, como os criterios que se seguen a través das medidas do Pacto de Estado".