"Non debería pasar, pero pasa". É o lema baixo o que, dende o pasado outubro, a Xunta está a difundir en diversos soportes físicos e dixitais a súa campaña cara ao 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A campaña, en vídeo e imaxes estáticas, pretende sintetizar diversas situacións de violencia machista, tales como o control a través do teléfono móbil e as redes sociais, a exposición de imaxes íntimas sen consentimento, a submisión química ou o acoso na rúa. A intención, segundo indican algunhas das súas creatividades, é evidenciar que toda estas actitudes son violencia machista.
Pero, tras varias semanas en circulación, foi concretamente un deses deseños o que, en vésperas do propio 25N, vén de desatar a controversia. "Vístese coas mallas de deporte. Vai correr pola noite. Que sucede agora?", sinala a ilustración, para despois engadir o lema Non debería pasar, pero pasa, sen ningunha referencia adicional.
Esta, precisamente, foi unha das imaxes difundidas pola Xunta a través dos seus perfís oficiais nas redes sociais. Fíxoo, ademais, limitándose a reproducir o devandito texto sen engadir nada máis, o cal si fixera o pasado outubro a Secretaría Xeral de Igualdade, cando agregara que "algúns estereotipos lastran a visualización feminina no deporte". "A roupa, a forza, o poder... Non debería pasar, pero pasa", sinalaba para chamar a "rachar" con eses "estereotipos" xunto co lema #NONáViolenciadeXénero.
A difusión da campaña está a suscitar abondosa controversia e numerosas respostas críticas a través das redes sociais, entre elas de colectivos feministas e das forzas da oposición parlamentaria. "As mulleres non nos deixamos matar nin agredir porque non somos nós as responsables da violencia! Non se produce pola escolla no vestir nin o contexto no que se dea, responde ao exercicio do poder e a dominación patriarcal", advirte a Marcha Mundial das Mulleres, quen resalta que no 25N "saímos ás rúas tamén para combater isto" e sinala a campaña como "exemplo de discurso revictimizador que responsabiliza da violencia a quen a recibe". Nisto mesmo, agrega, incorre tamén a campaña do Concello do Carballiño.
O colectivo Xornalistas Galegas, pola súa banda, expresa "preocupación" polo feito de que "algo así pase os filtros da nosa Administración". "Aínda que a intención da campaña sexa falarlle ao agresor, focaliza na vítima, a vida que fai e como viste. En suma, transloce a idea de que o mellor é quedar na casa" nun ton "derrotista". "Favorece -agregan- unha reprodución estereotipada da vítima" nas súas diversas creatividades, así como "do agresor", o cal "escurece o carácter estrutural da violencia". Neste contexto, revelan, "remitimos unha queixa" á Secretaría Xeral de Igualdade "amosando a nosa fonda preocupación", toda vez que a Xunta "debe garantir que os fondos públicos se destinan a campañas con perspectiva de xénero". "Por iso -conclúen- solicitamos formalmente a retirada da campaña".
A Marcha Mundial das Mulleres observa a campaña como "exemplo de discurso revictimizador". "Non se nos pode lanzar a mensaxe de que as mulleres temos que andar con medo", "hai que ollar a quen exerce a violencia", advirte o BNG. O PSdeG ve "vergoñento" lanzar "a mensaxe de que para que non nos agridan temos que saír correr tapadas"
Dende os grupos da esquerda do Parlamento, o BNG lanzou unha primeira resposta á campaña cun coñecido lema feminista: "Non é a minisaia, non é o pantalón, na mente do machista está a provocación". A súa vicevoceira parlamentaria, Olalla Rodil, reclama a "inmediata retirada" por "culpabilizar e responsabilizar as mulleres mesmo usando os argumentos de quen pretende xustificar o machismo". "Non se nos pode lanzar a mensaxe de que as mulleres temos que andar con medo", senón que "hai que ollar a quen exerce a violencia", advirte
Dende o PSdeG, a súa secretaria de Igualdade, Silvia Fraga, considera "vergoñenta" a campaña por "lanzar ás mulleres a mensaxe de que para que non nos agridan temos que saír correr tapadas, igual con burka". "Intolerable que este lixo se pague con cartos públicos", considera. Nun sentido semellante, a presidenta socialista da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, esixe que a campaña sexa retirada e a Xunta "pida desculpas". "Está claro que non teñen coñecemento ningún, é intolerable que o goberno galego ampare e permita unha campaña na que, unha vez máis, se pon o foco nas vítimas e non nos maltratadores", afirma.
As reaccións tamén chegaron dende o Ministerio de Igualdade, cuxo logotipo se insire na devandita campaña, o cal implica que o Goberno galego dedicou a ela fondos recibidos do Estado para accións contra a violencia machista. A secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez, afirma que "viola o violador" e polo tanto, "ese é o único comportamento" que cómpre "sinalar e cambiar".
Rueda defende a campaña porque pretende "plasmar situacións cotiás nas que as mulleres poden sufrir consecuencias do machismo" e defende que está "practicamente rematada" tras un mes "en numerosos soportes publicitarios". Reitera, ao tempo, as súas críticas ao Ministerio de Igualdade pola lei de liberdade sexual
Tras varias horas de abondosas críticas, o presidente da Xunta foi cuestionado sobre a campaña. Alfonso Rueda deféndea porque pretende "plasmar situacións cotiás nas que as mulleres poden sufrir consecuencias do machismo". "Unha mullere non debería xamais pasar medo pola rúa ou nunha discoteca, pero en ocasión poden pasalo e non debemos asumir que iso é normal", sinala Rueda, quen asegura "respectar todas as opinións" a respecto dunha acción de comunicación que, defende, está "practicamente rematada". Neste sentido, asegura considerar "curioso" que a controversia xurda tras "un mes" coa campaña en "moitos soportes publicitarios". Liga, ademais, a polémica ao Ministerio de Igualdade ao que di, lle "interesa falar desta campaña" fronte ás críticas recibidas pola lei de liberdade sexual e por iso, afirma, a "maior controversia" procede desta área do Goberno de España.
Como informou o pasado outubro o medio especializado Briefing galego, a creatividade desta campaña foi deseñada pola axencia viguesa Canal Uno. Recibiu a adxudicación o pasado maio por 37.720 euros, segundo consta na plataforma de contratación do Goberno galego. A Secretaría Xeral de Medios da Xunta incluíu a difusión da campaña institucional polo 25N nun contrato de algo máis de 300.000 euros que inclúe tamén as súas accións de comunicación institucional para o Día internacional das persoas con discapacidade, que se conmemora en decembro. A acción relativa ao 25N, adxudicada o pasado 9 de novembro, foi outorgada por 196.000 euros á axencia Reclam.