Pontón defende o "avance" da lei de liberdade sexual e censura o "carroñeirismo" do PP, que a chama "covarde" por apoiala

Alfonso Rueda e Ana Pontón, durante a sesión de control deste 23 de novembro de 2022 © Parlamento | CC BY-NC-SA BNG

"É unha indecencia e unha irresponsabilidade" que o PP "pretenda crear alarma social usando a dor das vítimas de violacións". Este é, a xuízo da portavoz nacional do BNG, a situación promovida polos populares nos últimos días aproveitando as revisións á baixa dalgunhas condenas xudiciais por abuso e agresión dende a entrada en vigor da nova lei estatal de liberdade sexual, a coñecida popularmente como lei do só si é si.

Nun pleno de tensión crecente neste ámbito entre o grupo que sustenta o Goberno galego e a primeira forza da oposición, a última sesión de control ao presidente da Xunta previa ao 25 de novembro, día contra a violencia machista, Ana Pontón apostou por defender abertamente a nova lei ante Alfonso Rueda. A norma, subliña a líder soberanista, foi un "avance". "Se contén fallos, que se corrixan, pero en ningún caso imos permitir unha volta atrás na protección das mulleres" porque iso, mantén, é "o que propón o PP".

Pontón reprocha a Rueda a "campaña" do PP contra a lei de liberdade sexual, durante a sesión de control deste 23 de novembro CC BY-NC-SA BNG

A tensión entre Pontón e o presidente da Xunta medrou aínda máis cando a portavoz nacional do Bloque acusou os conservadores de "calar ante a sentenza da Manada", en referencia ao primeiro pronunciamento xudicial contra os autores dunha violación grupal en Pamplona no ano 2016. Os conservadores, sostén, estiveron "en contra de modificar o Código Penal" nun contexto que os agresores puideron non ser acusados de violación, o cal non sería posible coa lei agora en vigor.

A líder do BNG acusa o PP de "calar ante a sentenza da Manada" nun tenso tirapuxa co presidente Rueda, que lle lembra a declaración institucional "de condena" sobre o caso aprobada daquela no Parlamento e acusa o Bloque de "fariseísmo" por manterse a prol da lei do 'só si é si'

A afirmación xerou especial malestar nas bancadas conservadoras, mesmo provocando que o presidente Rueda e o voceiro do PP, Pedro Puy, reclamasen calma aos seus compañeiros, que cualificaban de "mentirosa" a Pontón. "Hai unha declaración institucional, aprobada neste Parlamento por unanimidade, de condena contra todas as actuacións da Manada, que foron condenadas tamén por sentenza xudicial", subliñou Rueda, quen "lamenta" que Pontón "nin sequera prestou atención ao que se estaba aprobando" daquela, agregou.

Segundo o xefe do Goberno galego e líder do PPdeG, a portavoz nacional do BNG incorre nun exercicio de "fariseísmo" e tamén de "covardía" por "non ser capaz de condenar" a lei de liberdade sexual. "Non se dá vostede conta de que que está todo o país que cremos na loita contra a violencia machista escanalizado" porque "se está liberando" a "delincuentes sexuais por unha lei que vostedes apoiaron"?, cuestionou. Para Pontón, precisamente acusacións coma estas son mostras do "carroñeirismo político" do PP nesta cuestión.

Alén da controversia co presidente da Xunta, Pontón sinala que o impulso do BNG dende o Goberno e mesmo dende a oposición vén permitindo que Galicia estea na "vangarda" lexislativa na loita contra a violencia machista Non obstante, agrega, "queda moitísimo por facer" ata lograr "unha Galiza na que as mulleres non sexan insultadas, golpeadas, violadas, asasinadas polo mero feito de sren mulleres". "Non podemos dar nin un paso atrás", enfatiza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.