A fiscal Pilar Fernández, a socióloga Iria Vázquez e as deputadas Paula Prado (PP), Olalla Rodil (BNG) e Noa Díaz (PSdeG) debullan o estado do sistema de protección ás mulleres vítimas de violencias machistas e as políticas que se están a desenvolver
No Día internacional da eliminación da violencia contra a muller preguntamos a unha fiscal especializada en casos de violencias machistas, a unha socióloga que traballou con vítimas destas violencias e ás portavoces en materia de igualdade dos tres grupos parlamentarios da Cámara galega sobre cales son as eivas que detectan desde os seus ámbitos de actuación nas políticas que definen a loita contra as violencias machistas tanto en Galicia como no Estado. ″É un problema estrutural″, lembran, non unha lacra.
O primeiro paso é saber o que está a pasar, ter cifras que analizar, mais os datos oficiais só recollen os casos incluídos na lei integral contra a violencia de xénero. Porén, a partir do 1 de xaneiro de 2022 os feminicidios a consecuencia de violencias machistas fóra do ámbito da parella ou por agresións sexuais entrarán nas estatísticas do Ministerio de Igualdad. A violencia sexual e o acoso son demasiado comúns entre as mulleres, como mostrou a Macroenquisa de Violencia contra a Muller de 2019.
Segundo os datos oficiais, 37 mulleres foron asasinadas polo feito de seren mulleres no Estado, unha delas en Galicia, no que vai de ano. Segundo o reconto de Feminicidio.net esta cifra ascende ás 69 asasinadas. ″Necesitamos datos para saber que políticas sociais temos que aplicar″, defende Iria Vázquez Silva, doutora en Socioloxía e experta en Estudos de Xénero. Neste 2021 tamén foron asasinados cinco menores a consecuencia das violencias machistas no Estado.
37 mulleres asasinadas no que vai de ano, unha delas en Galicia; e 1.118 feminicidios desde 2003 son os datos oficiais
Seguindo cos datos oficiais, 1.118 mulleres foron asasinadas desde que se comezaron a contabilizar os feminicidios por parte do Goberno do Estado no ano 2003 e 44 os menores asasinados por estas violencias desde 2013 ata hoxe. Nos últimos meses o Parlamento está a ampliar a Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero coa inclusión da violencia vicaria e a recente incorporación da violencia dixital mediante o consenso de todas as forzas. Non ocorre o mesmo en todos os parlamentos, onde incluso se chega a negar a existencia destas violencias. Con todo, as violencias machistas seguen aí e cómpre preguntarse por que.
″Penso que fallan o enfoque e o financiamento. Pero se teño que escoller, digo o enfoque porque vexo unha falta de vontade política en mellorar a atención ás mulleres. Falta formación especializada do persoal en toda a rede do sistema de protección ao que poden acudir as mulleres, pois non se lle está a dar nin o peso nin a relevancia que ten, e aquí tamén importa quen dá esas formacións. Isto é unha responsabilidade institucional e diría que tamén das universidades galegas, que deben incluír esta materia nos currículos das carreiras como Medicina ou Dereito″, destaca Iria Vázquez Silva.
"Falta formación especializada do persoal en toda a rede do sistema de protección ao que poden acudir as mulleres", critica Iria Vázquez Silva
″Ademais, vexo unha ausencia de enfoque interseccional –engade a socióloga–. As mulleres que sofren violencia no rural continúan estando dobremente discriminadas, as mulleres inmigrantes que non falan galego nin español seguen sen ter acceso a intérpretes con formación en violencia de xénero e as mulleres con diversidade funcional non están chegando aos centros de atención e tampouco estamos achegándolles información. Estamos na emerxencia todo o tempo, e iso tamén é unha falta de enfoque. Que pasa con estas mulleres na recuperación psicolóxica, laboral, de vivenda e coas súas crianzas a medio prazo?″.
″Se tivese que sinalar un punto negro serían os xulgados″, sinala Iria Vázquez, ″pola falta de intimidade e o problema de formación na avogacía e nos xuíces e xuízas″, entre outras eivas. Pilar Fernández Pérez, fiscal adscrita á fiscal de sala de violencia sobre a muller, tamén estima a formación especializada como unha das melloras necesarias, pero salienta que ″hai xente moi preparada e moi ben formada, o que pasa é que se o lexislador non establece instrumentos e procedementos claros para tramitar este tipo de delitos, que requiren dunha certa sensibilización e de unidades especializadas exclusivas, entón non se pode traballar″.
"Para obter unha axuda de calidade e inmediata, resulta importantísimo que existan xulgados exclusivos con equipos psicosociais ben preparados", salienta Pilar Fernández
Para Fernández, ″non só hai que botarlle a culpa a determinados profesionais por falta de formación″. ″Necesítanse máis investimentos e recursos, porque –sen deixar de lado a importancia da sensibilización e da formación– sen instrumentos ao teu alcance non se pode dar unha resposta axeitada″. Por outra banda, a fiscal valora que ″hai moito diñeiro para formación″, pero non se está a investir nos xulgados xa que faltan salas axeitadas, unidades especializadas e xulgados exclusivos. ″Temos que facer autocrítica e dar un salto de calidade″, apunta.
Nese sentido, Pilar Fernández lembra que nin Ourense, nin Lugo, nin Santiago contan cun xulgado específico para as violencias contra as mulleres. E indica que os que temos en Galicia están sobrepasados de carga de traballo. ″Nós chegamos para sancionar e para protexer, pero é certo que a nosa intervención é importante para que as mulleres rompan con ese círculo de violencia e obteñan axuda. Por iso, para obter unha axuda de calidade e inmediata, resulta importantísimo que existan xulgados exclusivos con equipos psicosociais ben preparados que non estean sobresaturados. Tamén se necesitan instalacións axeitadas para levar a cabo a atención sen revitimizar as mulleres e aos seus fillos e fillas. Isto require, penso, máis vontade política que financiamento″, argumenta a fiscal.
Galicia, pioneira contra as violencias machistas
A viceportavoz parlamentaria do PP na Cámara galega, Paula Prado, considera que ″hai que diferenciar porque na comunidade autónoma se están levando a cabo políticas pioneiras que van incluso por diante da lexislación e normativa estatal, e creo que o enfoque é o axeitado″. ″Incluso, estamos facendo cumprir un Pacto de Estado que está abandonado polo Goberno de España, porque nese acordo dise que hai que reformular a normativa sobre as agresións sexuais e a violencia dixital″, salienta.
"Necesitamos detectar os casos antes de que as mulleres dean o paso de denunciar, incluso acompañalas a través dos servizos sociais", di Olalla Rodil
Paula Prado, quen impulsou a inclusión da violencia dixital na lei galega de violencia aprobada esta mesma semana, lembra que ″na memoria da Fiscalía do ano 2020 observamos como hai un incremento dun 145% de ciberdelitos sexuais e un aumento do número de agresións sexuais a menores de 16 anos″. Por iso, ve ″prioritario" que o Estado poña estas cuestións na "axenda política″, xa que ″nós, en Galicia, si que as temos″.
Para Olalla Rodil, vicevoceira do BNG no Parlamento, os fallos son unha combinación de enfoque e financiamento. Por unha banda, observa unha falta de financiamento na ″ampliación de recursos″ como os Centros de Información á Muller (CIM), que contan con 83 centros en Galicia, ″pero nin de lonxe dan cobertura a todos os concellos″. ″Eu son de Lugo e en toda a parte oriental, de Ribadeo ao Barco de Valdeorras, non hai máis que o de Lugo, o de Vilalba e o de Sarria″, explica, para apuntar que tamén faltan recursos materiais e humanos ″para aproximar o máximo posible os servizos e a rede de protección ás mulleres que están sufrindo violencia machista″.
Rodil aposta por mudar o enfoque para que a Administración sexa ″máis proactiva″ na detección. ″Hoxe sabemos que o 80% dos casos de violencia machista non se denuncian, é o que nos din as estatísticas. Entón, aquí en Galiza, que dende o ano 2007 non é necesario presentar denuncia para activar toda a rede de servizos sociais e de protección, o que necesitamos é detectar os casos antes de que as mulleres dean o paso de denunciar, incluso acompañalas a través dos servizos sociais″, propón.
"Os nosos nenos e nenas teñen que ser educados no respecto pola igualdade, e recibir unha educación sexual afectiva", defende Noa Díaz
A deputada do PSdeG Noa Díaz tamén fai fincapé nos CIM e na necesidade de que cheguen a todo o territorio. Porén, razoa que ″unha muller no rural non se vai achegar a un CIM porque sabe perfectamente que a veciña do lado pode estar mirando. Temos que contar co medo que teñen as mulleres que están a sufrir maltrato. Esa intimidade que pode haber nas cidades non existe no rural, polo que hai que buscar fórmulas diferentes para protexer a estas mulleres″.
Noa Díaz pon antes o enfoque que o financiamento ao considerar ″que antes de protexer hai que previr″. Mais cre que ambas patas van da man, pois aposta por investir cartos en Educación. ″Temos un gran problema coa mocidade, os nosos nenos e nenas teñen que ser educados no respecto pola igualdade, como xa está sucedendo, pero tamén teñen que recibir unha educación sexual afectiva″, detalla a socialista, que pide máis campañas de sensibilización ″e non só enfocadas na muller, a ver se empezamos a pensar que a quen temos que educar, sobre todo, é aos homes″.
"O feminismo non se debe converter nunha arma arreboladiza política, hai que exercelo con sentido común", sinala Paula Prado
Consenso dos partidos no Parlamento
″Creo que é fundamental mandar unha mensaxe á cidadanía sobre que en materia de igualdade, e de violencia de xénero, todos estamos unidos″, salienta Paula Prado sobre os consensos parlamentarios. ″Ésta é a forma, porque de nada vale que como grupo maioritario saquemos unha iniciativa se non é apoiada polos outros grupos″, incide, para a continuación considerar que ″o feminismo non se debe converter nunha arma arreboladiza política, hai que exercelo con sentido común, sendo coherentes coa realidade que vivimos. O que non se pode é sacar a bandeira do feminismo para todo, como fan determinadas formacións políticas″.
″Este é un exemplo de que Galiza é sitio distinto e é bo, tamén, poñer en valor iso. Pero non sempre foi así, aquí entrou o PP en 2009 e o primeiro que fixo foi recortar as axudas ás vítimas de violencia machista, que as restituímos en parte cun acordo unánime da Cámara que impulsou o BNG na anterior lexislatura″, lembra Olalla Rodil, quen relaciona os acordos entre os partidos ″co amplísimo consenso social que existe fóra do Parlamento sobre os dereitos das mulleres en xeral, a igualdade e a loita contra a violencia machista, considerados prioritarios grazas ao movemento feminista e á conciencia feminista da sociedade galega″.
A fiscal reclama ″un cambio estrutural″ no procedemento xudicial para os casos de violencias machistas, que ten que vir da política
Rodil pon o foco na aprobación da lei Ángeles Alvariño para procurar a igualdade entre homes e mulleres no ámbito da investigación científica, evitando a discriminación das mulleres que deciden ser nais. ″A discriminación laboral tamén é violencia″, asevera a nacionalista. Para a socialista Noa Díaz o consenso do Parlamento tamén ″é moi de agradecer″, aínda que matiza que ″en temas de igualdade en xeral non é tan así″. Ademais, Díaz avanza que no Goberno do Estado se está a traballar para reflectir nas normas estatais os pasos que se deron en Galicia coas violencias vicaria e dixital. ″O feminismo ten que ser transversal a toda acción política″, resume.
″Estamos normalizando uns niveis de violencia que me preocupan. Só hai que ver un informativo para asistir ao incremento dos delitos sexuais que estamos a vivir″, lamenta Noa Díaz. Como lembra Pilar Fernández, a violencia sexual non se trata como violencia de xénero no eido xudicial, a fiscal reclama ″un cambio estrutural″ no procedemento xudicial para os casos de violencias machistas. ″A maneira de facer ese cambio estrutural, evidentemente, é desde a política. Por iso os nosos representantes teñen que ter moi claro o que hai. A Fiscalía de Sala de Violencia de Xénero está informando constantemente de cal é a situación e penso que hai información suficiente para facer ese cambio, hai que ter vontade política e os consensos para facelo″, explica.
Os avances no enfoque das violencias machistas tamén chegan desde a lei de protección dos menores e se albiscan no borrador da lei de liberdade sexual
No entanto, hai avances no enfoque, Iria Vázquez Silva destaca que está por ver que entende por violencia sexual a futura lei estatal de liberdade sexual, coñecida como a lei do ″só si é si″; mentres que no que atinxe á violencia vicaria –que xa recoñece a lexislación galega– logrouse eliminar o réxime de visitas dun pai agresor aos seus fillos cando se dita unha orde de protección para a nai por violencia machista, ao estar incluído na nova lei de protección dos menores.
″Houbo avances nestas dúas décadas, pero si que precisamos facer unha análise sobre en que estamos fallando. Coller a caixa negra do avión e revisala, ver que temos un sistema de protección ás mulleres que está a fallar aquí, aquí e aquí. E ver que pasa nos xulgados e nas comisarías, que pasa co persoal que se dedica a atender ás mulleres e que pasa con toda a sensibilización da sociedade no seu conxunto″, conclúe a socióloga.