Un total de 1.469 mulleres denunciaron seren vítimas de violencia de xénero en Galicia no segundo trimestre do ano, un 10,4 % máis que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaran 1.493 denuncias.
As denuncias e as vítimas por violencia machista aumentan un 10 % no segundo trimestre do ano
Segundo os datos difundidos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a gran maioría das denuncias (1.384) que chegaron aos xulgados fixérono a través de atestados policiais con denuncia da vítima.
Ademais, incrementouse tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, pois entre o 1 de abril e o 30 de xuño de 2020 contabilizáronse 1.493, fronte ás 1.636 deste ano nas mesmas datas, o que supón un aumento do 9,6 %. Xa que logo, a taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) situouse en Galicia en 11,7, por baixo da media estatal, que foi de 16,6.
Os datos están influenciados polo impacto da COVID na Administración da Xustiza: de compararmos con hai dous anos, as cifras son moi similares
Tal e como destaca o TSXG, os datos están inflenciadas pola crise da COVID na Administración da Xustiza, malia que os xulgados de violencia sobre a muller foron declarados como actividade esencial e non chegaron a paralizarse nin a suspender prazos, incluso durante o confinamento do ano pasado. De feito, o tribunal destaca que de facermos a comparativa co segundo trimestre de 2019, as cifras sitúanse en niveis similares. O ano previo á pandemia, entre abril e xuño, presentáronse 1.607 denuncias, un 2,6 % menos que este ano, e contabilizáronse 1.545 vítimas, un 6 % menos.
Así, o número de sentenzas ditadas no segundo trimestre deste ano cuadriplicou ao do mesmo período de 2020. Os distintos órganos xudiciais (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron 606 sentenzas entre abril e xuño de 2021, un 286 % máis que no segundo trimestre de 2020, cando se ditaron 157. O 77,5 % do total dos ditames foron condenatorios.
Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia mantéñense os casos de vítimas que se acollen á dispensa para non declarar. No segundo trimestre de 2021 optaron por esta opción 108 mulleres, o 6,5 % das vítimas, practicamente as mesmas que en 2020, cando o fixeron 104.
Durante o segundo trimestre deste ano solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller e os xulgados de garda 633 ordes de protección
Ademais, durante o segundo trimestre deste ano solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller e os xulgados de garda 633 ordes de protección, case as mesmas que hai un ano, cando se demandaron 617. Delas, foron acordadas 434 (o 68,5 %), un 8 % máis que no mesmo trimestre de 2020. Desas 633 ordes de protección, 525 foron solicitadas ante os xulgados de violencia sobre a muller. No 41,8 % dos casos, a vítima mantiña unha ex-relación afectiva co agresor (o seu cónxuxe ou parella) no momento de solicitar a orde de protección.
Ademais, en entre abril e xuño de 2021 os xulgados de menores axuizaron unha persoa por delitos relacionados con violencia sobre a muller, mentres que o ano pasado no mesmo período foron xulgados tres menores.