Unha muller de 52 anos de idade foi asasinada, presuntamente pola súa parella, na noite deste 15 de setembro no barrio coruñés do Birloque.
A Policía detivo horas despois en Madrid ao presunto autor do asasinato, un home de 48 anos con antecedentes por violencia de xénero
Segundo os primeiros datos, o suceso aconteceu nas primeiras horas da madrugada e, aínda que unha ambulancia se desprazou ao lugar, os sanitarios non puideron salvar a vida da muller. A vítima, que rexentaba unha panadería do barrio, tiña dous fillos. Foi un deles o que pediu axuda e chamou á Policía ao atopar o corpo da súa nai con varias coiteladas.
Os primeiros datos da investigación policial apuntan a un novo episodio de crime machista e as forzas de seguridade buscan o presunto autor da morte, un home de 48 anos con antecedentes por dous casos anteriores de violencia de xénero, segundo confirma a Subdelegación do Goberno. Non constan, no entanto, denuncias da vítima.
As forzas de seguridade divulgaron o perfil dun home alto, calvo, delgado e con barbo que ten unha tatuaxe nun brazo. Horas despois, contra a noite, a Policía detíñao en Madrid.
De confirmarse a violencia de xénero, sería o primeiro asasinato deste tipo en Galicia en 2021, á espera de que se aclaren tamén as circunstancias da morte dunha muller no Barco hai tan só uns días.
En 2020, foron tres as mulleres asasinadas por parte da súa parella ou ex-parella en Galicia, o que elevaría a 65 a cifra total desde o ano 2003.
Ademais, nos primeiros tres meses deste 2021, 1.434 mulleres denunciaron ser vítimas de violencia de xénero en Galicia. Son un 3,4% máis que no mesmo trimestre do ano pasado, no que se rexistraron 1.387 mulleres, segundo os últimos datos publicados polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial.
O Concello da Coruña desenvolveu no mediodía do xoves unha concentración silenciosa de cinco minutos na praza de María Pita "en sinal de repulsa e dó ante o presunto asasinato machista dunha veciña da Coruña que tivo lugar esta madrugada".
Ademais, e supoñendo que "o feminicidio da Coruña será confirmado nas vindeiras horas", o movemento feminista galego xa avisou que, atendendo ao seu protocolo, convocará a cidadanía o sábado 18 para "dar unha resposta contundente" a un novo asasinato machista.