Tras mudar de equipo directivo a nova consellería fai pública agora a prórroga a OHL e Eulen asinada hai un ano e que estará en vigor outro ano máis por medio millón de euros cada exercicio para cada un dos cinco centros existentes
O 31 de decembro de 2024, ao límite dun prazo que xa fora prorrogado, entraron en servizo en Galicia cinco centros de crise para vítimas de violencia sexual, abertos 24 horas en centros sanitarios de Ferrol, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo. Impulsados polo Goberno de España con fondos europeos, a súa xestión quedou en mans das comunidades autónomas e a Xunta decidiu privatizala a OHL e Eulen. Fíxoo cun contrato ata o 31 de decembro de 2025 prorrogable por ata dous anos máis.
En novembro do pasado ano, cando ía rematar o prazo inicialmente previsto, o anterior equipo da Consellería de Política Social decidiu aplicar esas prórrogas, pero é agora, un ano despois, cando o novo equipo da consellería as fai públicas. Os cinco centros seguirán coa mesma xestión privada ata o 31 de decembro de 2027 por arredor de medio millón de euros ao ano cada un, isto é, uns 5 millóns de euros polo total da prórroga durante 2026 e 2027.
Política Social adxudicou a finais de 2024 a OHL a xestión dos centros de crise de Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo, e a Eulen o de Santiago. En outubro de 2025, dous meses antes de que rematase o prazo inicialmente previsto dos contratos, Política Social decidiu prorrogalos en lugar de convocar un novo concurso ou asumir a xestión con persoal propio. Esas prórrogas, desde o 1 de xaneiro de 2026 ata o 31 de decembro de 2027, asináronse a comezos de novembro do pasado ano, por parte da anterior secretaria xeral técnica de Política Social, María Francisca Gómez Santos.
Porén, é agora, con data deste pasado 18 de novembro, máis dun ano despois, cando Política Social fai públicas esas prórrogas na plataforma de contratación da Xunta. Desvélanse xa por parte do novo equipo da consellería, logo da remuda á súa fronte de Fabiola García por Ángeles Vázquez o 26 de outubro e de boa parte dos altos cargos nos días seguintes.
As prórrogas agora coñecidas establecen que as mesmas empresas seguirán prestando o servizo a razón de 523.000 euros ao ano en cada centro no caso de OHL e 500.000 ao ano no centro de Eulen.
No primeiro ano en funcionamento, o 57% das vítimas chegaron enviadas por outros recursos como centros de información á muller ou servizos sociais municipais e no 74% dos casos o contacto inicial foi telefónico
Logo de diversas reticencias a informar publicamente ou ao Parlamento, o pasado marzo o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, puxo cifras ao funcionamento dos centros durante o seu primeiro ano, en 2025. Segundo dixo, os cinco centros atenderon 381 vítimas, algo máis de unha ao día, o 57% delas derivadas doutros recursos como centros de información á muller ou servizos sociais e o 40% por iniciativa propia ou de familiares ou persoas achegadas.
O director xeral contextualizou esas cifras matizando que os centros atenden casos de violencia sexual de mulleres maiores de 15 anos "tanto recente como pasada", de xeito que en 2025 o 60% das agresións producíranse máis dun ano antes.
Así, un total de 730 persoas contactaron cos centros de crise no seu primeiro ano e foron atendidas as anteditas 381 vítimas e 113 persoas achegadas ás vítimas. O modo de contacto inicial foi no 74% dos casos telefónico, e posteriormente cada persoa recibiu distintos tipos de atencións, polo que o total de intervencións realizadas foi de 4.347. Vigo concentrou a maior parte tanto das vítimas, "un terzo de toda Galicia", como das a intervencións, "unha cuarta parte".
Mentres, a Xunta vén esquivando preguntas ou peticións sobre a exclusión das cidades da Coruña e Pontevedra desta rede de centros de crise co argumento de que Galicia conta xa cun máis dos que debera ao estaren previstos inicialmente só un por provincia.