A saída de Fabiola García da Xunta para ir nas listas do PP ás eleccións xerais leva a Rueda a mudar dúas consellerías, desprazando a Ángeles Vázquez a Política Social e nomeando conselleiro de Medio Ambiente a Nicolás Vázquez, ata agora secretario xeral de Industria
Ángeles Vázquez, ata agora conselleira de Medio Ambiente, vén de ser nomeada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nova conselleira de Política Social, en substitución de Fabiola García, que deixa o cargo para ir nas listas do PP ás eleccións xerais do 29 de novembro. Á súa vez, a consellería de Medio Ambiente pasará a estar encabezada por Nicolás Vázquez, que desde 2023 era secretario xeral de Industria na Consellería de Economía e Industria.
Outra das mudanzas derivadas da candidatura do PP ao 29N será a do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, pero no seu caso o cargo non é incompatible con ser candidato e a remuda na presidencia da Cámara non se ten por que concretar ata despois dos comicios.
Fabiola García era conselleira de Política Social desde 2018 e agora deixa o cargo para ir na lista do PP ao Congreso pola provincia da Coruña como número 2, tras o secretario xeral dos populares, Miguel Tellado. No seu lugar, a nova conselleira de Política Social será Ángeles Vázquez (Melide, 1972), licenciada en Xeografía e Historia que entrou no Goberno galego en 2015 como conselleira de Medio Rural, en 2018 pasou a selo de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e desde abril de 2024 o era de Medio Ambiente e Cambio Climático. Previamente fora alcaldesa de Melide entre 2004 e 2007 e de novo entre 2011 e 2015.
Vázquez acumula un longo historial de declaracións ou decisións políticas polémicas contra okupas ou lobos ou en favor de cazadores, segundas residencias ou máis encoros.
Pola súa banda, Nicolás Vázquez (Lugo, 1974), licenciado en Ciencias Físicas e Enxeñería Industrial, desempeñou diversas funcións no Instituto Enerxético de Galicia (Inega) entre 2001 e 2015. Entre ese ano e 2020 foi vicesecretario xeral na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia. En setembro de 2020 foi nomeado secretario xeral técnico da Consellería de Medio Rural, en xuño de 2023 pasou a ser secretario xeral de Industria na Consellería de Economía e Industria e en maio de 2024 sumou tamén as competencias en Desenvolvemento Enerxético. Nese cargo viña negándose a que o Consello de Contas fiscalice a participación da Xunta en proxectos enerxéticos.
Os dous novos conselleiros tomarán posesión do cargo este martes, logo de que Fabiola García deixase a consellería o domingo, dous días de diferenza que o presidente Rueda atribuíu a unha "cuestión de loxística" que non considera que erosione a imaxe de "estabilidade" do Goberno galego.