Tras un longo historial de polémicas declaracións ou decisións políticas, Ángeles Vázquez chega a unha Consellería de Política Social que vén apostando polas axudas directas e a externalización de servizos
Ángeles Vázquez (Melide, 1972) é licenciada en Xeografía e Historia, pero traballaba como xornalista na radio municipal de Melide antes de entrar na política municipal e facerse coa alcaldía en 2004. Sería só o primeiro paso nunha traxectoria pública que a levaría en 2015 ao Goberno galego, onde desde aquela tivo competencias sucesivas tan dispares como as de medio rural, incendios, ordenación do territorio, vivenda ou medio ambiente, sendo mesmo vicepresidenta segunda da Xunta entre 2023 e 2024. Unha traxectoria na que foi protagonista de decisións políticas ou declaracións polémicas contra okupas ou lobos e en favor de cazadores, segundas residencias, máis encoros e mesmo da despois frustrada fábrica de Altri.
Agora Alfonso Rueda vén de facela conselleira de Política Social e Igualdade, dúas competencias que engadir ao seu longo historial coas que, ao tempo, se fai co terceiro departamento con maior orzamento da Xunta, preto de 1.600 millóns de euros para 2027, só por detrás das dúas grandes consellerías de Sanidade e Educación.
Vázquez entrou no Goberno galego en 2015, cando Alberto Núñez Feijóo a nomeou conselleira de Medio Rural, cargo no que estivo ata 2018. Nese momento pasou a ser conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e desde abril de 2024 era titular de Medio Ambiente e Cambio Climático. Ademais, entre xuño de 2023 e abril de 2024 foi tamén vicepresidenta segunda da Xunta, sendo o vicepresidente primeiro Diego Calvo e eliminando posteriormente Rueda as vicepresidencias.
Como conselleira de Medio Rural, Vázquez tiña as competencias de loita contra incendios e foi a responsable da área durante a vaga de outubro de 2017 que nuns poucos días queimou unhas 50.000 hectáreas. Pero ela mesma se encargaría de seguir vinculando os incendios con outra das súas sucesivas competencias tras deixar Medio Rural, como cando hai un ano relacionou os lumes forestais cos lobos lamentando que estes cazan outras especies que axudarían a manter os montes limpos.
Durante o seu paso por Medio Ambiente foron recorrentes as súas declaracións e políticas en favor da caza do lobo. A súa consellería esaxerou de xeito reiterado o censo oficial de lobos para presentalos como un problema para a gandaría e mesmo ofreceuse a capturalos e envialos a outras comunidades. Ao tempo, Vázquez priorizou as relacións do seu departamento cos cazadores, aos que financiou recorrentemente, salientándoo especialmente en período preelectoral.
Con Vázquez como conselleira foi tamén cando Medio Ambiente emitiu, en marzo de 2025, a súa autorización para a polémica fábrica de Altri en Palas de Rei, finalmente aparcada pola súa falta de conexión coa rede eléctrica. Igual que aparcada está desde hai década e media -a metade dese tempo con Vázquez como conselleira- a ampliación e mellora da xestión da Rede Natura 2000 en Galicia malia reiterados apercibimentos da Comisión Europea.
En Vivenda Vázquez admitiu que carecía de "datos reais" de ocupacións pero asegurou que percibía "sensación" de "impunidade", e en Medio Ambiente relacionou os incendios forestais cos lobos, de cuxa caza fixo bandeira política
A insistencia de Vázquez como conselleira de Medio Ambiente en que se permita cazar lobos só é comparable co esforzo que puxo como conselleira de Vivenda en perseguir a "okupación" malia que ese é un problema menor en Galicia en comparación coas dificultades da cidadanía para acceder a unha vivenda digna. Ela mesma chegou a admitir que carecía de "datos reais" sobre o problema das ocupacións en Galicia, pero asegurou que percibía unha “sensación” de “impunidade”.
Nesa campaña contra as ocupacións, Vázquez encargou informes ad hoc ou financiou un consultorio para asesoramento a persoas afectadas que apenas vén tendo uso. Porén, non foi ata os seus últimos meses como conselleira de Vivenda, coa chegada de fondos europeos a través do Goberno de España, que o seu departamento comezou a impulsar a construción de vivenda protexida. Unha actividade que se reducira ao mínimo durante a década anterior, o que non impediu a Vázquez ser ela quen entregase en persoa, mesmo en períodos preelectorais, chaves de vivendas a persoas con dereito a elas.
Vázquez mesmo chegou a presentar en persoa no Club Náutico de Sanxenxo axudas do seu departamento para reformar vivendas salientando que "tamén son para segundas residencias", poñendo o foco nun tipo de propiedade moi habitual nesa vila turística controlada polo PP.
Como conselleira de Medio Ambiente e Vivenda Vázquez puxo Ence como exemplo de aforro de auga, gabouse de repartir millóns en axudas sen máis criterio que a rapidez en pedilas ou augurou un "caos social e económico" se o Estado limita a ocupación da costa. Vázquez tamén foi a cara visible da crise dos pellets que comezaron a aparecer na costa galega tras a perda da carga dun barco. Naquel momento quedou claro que Rueda depositara nela toda a súa confianza. E agora volve evidencialo ao facela conselleira de Política Social, o departamento que manexa o terceiro orzamento máis alto da Xunta, só por detrás de Sanidade e Educación.
Política Social terá en 2027 un orzamento de preto de 1.600 millóns de euros, só por detrás de Sanidade e Educación
Vázquez chega agora a un departamento de Política Social que se vén caracterizando por apostar por axudas directas á cidadanía, como os bonos Concilia ou Coidado, ante a falta de recursos públicos ou a demora na tramitación da dependencia. Cartos en lugar doutro tipo de recursos públicos é un argumento que tamén vén esgrimindo Política Social para xustificar a privatización da xestión de residencias de maiores e de todo tipo de centros sociais, como as escolas infantís, nas que tamén se está a facilitar a gratuidade das privadas en lugar de ampliar a insuficiente rede pública autonómica.
Unha rede pública de centros sociais na que son recorrentes os conflitos cun persoal escaso, insuficiente para atender das necesidades da poboación. Como se evidencia nos reiterados problemas que ten a Xunta para atender das persoas que máis dependen dela, as tuteladas directamente pola administración, sexan adultas ou menores. Agora todos eses deixan de ser problemas de Fabiola García e pásano a ser de Ángeles Vázquez.