Ángeles Vázquez chegou a protagonizar ela mesma a entrega de chaves de oito pisos nas imaxes oficiais da Xunta
Desde que o 10 de febreiro o presidente Feijóo convocou as eleccións do 5 de abril están prohibidos os actos propagandísticos por parte das administracións públicas. Desde aquel día a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, xa realizou tres actos oficiais con beneficiarios de vivendas con algún tipo de protección pública. Vázquez chegou a protagonizar ela mesma a entrega de chaves de oito pisos nas imaxes oficiais difundidas pola propia Xunta.
Apenas unha semana despois de convocarse as eleccións, o 18 de febreiro, a conselleira desprazouse a Barreiros, onde “fixo entrega”, segundo a expresión da propia Xunta, dunha vivenda de promoción pública a unha familia que perdera a súa nun incendio en Foz. Foi un acto ao que non convocou ao goberno local pero no que si estivo presente o anterior alcalde, do PP, que no seu momento deu licenzas para milleiros de segundas residencias que non obrigaban aos promotores a ceder espazos de uso público.
A propia Xunta salientou que a conselleira "mostrouse satisfeita por comprobar que as medidas e as políticas postas en marcha polo actual Goberno acadan o obxectivo para o que foron deseñadas, como é facilitar un fogar ás persoas"
O 2 de marzo Vázquez foi a Ourense a entregar ela mesma as chaves de oito vivendas de alugueiro de prezo máximo controlado pola Xunta. Segundo a nota de prensa divulgada polo propio goberno galego, acompañada de imaxes de Vázquez entregando chaves, “a conselleira de Medio Ambiente mostrouse satisfeita por comprobar que as medidas e as políticas postas en marcha polo actual Goberno acadan o obxectivo para o que foron deseñadas, como é facilitar un fogar ás persoas, que neste caso son familias numerosas, familias cun só membro; familias formadas por avós e netos ou familias cun só fillo ou filla”.
Dous días máis tarde, o 4 de marzo, a conselleira desprazaríase a Cerdedo-Cotobade para visitar antigas vivendas de mestres rehabilitadas polo concello, gobernado polo PP, con axudas do Goberno galego. Tamén alí a propia conselleira salientou como as súas políticas benefician, entre outras, ás “familias que coñeceu hoxe e que agora accederán a unha vivenda en alugueiro de 80 metros cadrados e que se converte no fogar de dúas familias, unha deles con tres fillos menores de idade”.