A Xunta convoca aos medios pero non ao Concello á entrega dunha casa protexida en Barreiros, con centos de pisos baleiros

A conselleira Ángeles Vázquez, no centro, na entrega da vivenda co ex-alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, á esquerda CC-BY-SA Xunta de Galicia

O anterior alcalde, do PP, que si asistiu ao acto, deu licenzas para milleiros de segundas residencias que non obrigaban aos promotores a ceder espazos de uso público

Unha semana despois de que, co adianto electoral, entrase en vigor a prohibición de actos propagandísticos, a Xunta convocou este martes aos medios de comunicación para a entrega en Barreiros, por parte da propia conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ángeles Vázquez, das “chaves dunha vivenda de protección pública" a unha familia que perdeu a súa nun incendio en Foz a finais do pasado ano. Fíxoo nun concello de pouco máis de 3.000 habitantes no que hai máis de 600 pisos baleiros despois de que o anterior goberno local do PP dese licenzas ilegais para milleiros de segundas residencias que non obrigaban aos promotores a ceder espazos de uso público. 

O responsable daquel executivo local, o ex-rexedor Alfonso Fuente, asistiu tamén ao acto deste martes e a propia Xunta dedicoulle un lugar destacado nas fotos oficiais. Pola contra, o actual goberno local, encabezado polo BNG desde as municipais de maio do pasado ano, denunciou que non foi invitado, segundo denunciou posteriormente lembrando que na vila existen diversos problemas ambientais que o Concello vén reclamando negociar coa conselleira, "como a problemática das depuradoras de San Miguel e Reinante e os problemas ambientais que xeran na praia de Arealonga".

Urbanismo disperso na costa de Barreiros CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

Un problema, o da falta de depuradoras, que se agravou cando o anterior alcalde de Barreiros quería facer da vila o “Sanxenxo do norte” cunha estratexia que pasaba por facilitar a construción de segundas residencias. Aquel goberno local do PP outorgou licenza para milleiros de vivendas esparexidas por todo o termo municipal como se fosen levantadas en solo urbano, onde os promotores non teñen que realizar cesións de espazos para usos públicos, vivendas protexidas ou acometer obras de urbanización. 

A xustiza absolveu o anterior alcalde do PP de prevaricación pero estableceu que as licenzas que outorgara eran ilegais e aqueles terreos non eran solo urbano, onde non son necesarias as cesións

Porén, numerosas sentenzas veñen establecendo que aqueles espazos non eran solo urbano e que carecían de todo tipo de servizos como abastecemento, saneamento ou electricidade, polo que aquela licenzas eran ilegais. A xustiza estableceu que o rexedor non prevaricou ao conceder aquelas licenzas, pero ao tempo constatou a súa ilegalidade, o que fai que a Xunta non teña que indemnizar aos seus promotores por decidir, durante o bipartito, paralizarlles as obras. 

Malia aquela paralización e a evidencia de que o concello carecía de infraestruturas de servizos suficientes para acoller tanta nova construción, que neste tempo veñen sendo realizadas con cartos públicos en vez de acometidas polos promotores, unha década despois o alcalde aínda teimaba, en 2017, en aumentar o parque de vivendas noutras 2.000, segundo o recollido no plan de urbanismo que tramitaba daquela e que foi criticado pola Xunta. A mesma consellería que agora publicita a entrega de chaves dunha vivenda protexida reflectía que en Barreiros, con apenas 3.000 habitantes, existían xa 4.376 vivendas, das que 2.846 se correspondían con segundas residencias e 687 estaban oficialmente baleiras.

O anterior alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, coa delegada da Xunta nunhas obras de urbanización sufragadas con fondos públicos CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta vén publicitando subvencións públicas a novos establecementos turísticos en Barreiros malia considerar que xa hai alí demasiadas construcións

Non é a primeira vez que o Goberno galego publicita actos seus en Barreiros relacionados coa situación da vivenda nese concello. En marzo de 2018 salientou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), con fondos europeos destinados a “actividades non agrícolas en zonas rurais”, entregara 65.000 euros para a construción de cinco “bungalós turísticos para alugueiro” orzamentados en 166.000 euros, unhas novas construcións que se levantaban nun concello que ao tempo a propia Xunta consideraba xa saturado. E hai un mes o Goberno galego volvía publicitar outra subvención, de 200.000 euros, para un aloxamento turístico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.