A Consellería de Medio Rural outorga 200.000 euros para abrir un hotel do que gaba que “contribuirá a potenciar a oferta turística” dunha vila que o seu anterior alcalde quixo converter no “Sanxenxo do norte” coa burbulla inmobiliaria
Cando o anterior alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, do PP, quería facer dese concello rural de apenas 3.000 habitantes o “Sanxenxo do norte” a súa estratexia pasaba por facilitar a construción de segundas residencias, tantas como veciños ten a vila, ás que hai que sumar varios centos de vivendas baleiras. O popular, tras ser absolto de prevaricación polas licenzas ilegais que outorgou, foi superado nas eleccións municipais do pasado maio polo BNG, pero tanto antes como agora en Barreiros sobran vivendas e, á marxe dos cámpings, faltan aloxamentos colectivos. Un eido que a Xunta, que consentiu durante anos o modelo urbanístico de Barreiros, vén agora intentando impulsar con subvencións a iniciativas privadas que non dubida en publicitar.
Tras consentir durante anos o modelo urbanístico de Barreiros, que acabou cualificando de "irracional", a Xunta eloxia agora que o hotel que subvenciona "incide no respecto polo medio ambiente"
Este martes o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou un hotel de tres estrelas e 15 habitacións que abrirá o próximo mes e do que asegurou que “contribuirá a potenciar a oferta turística do concello”. O establecemento obtivo unha subvención da Consellería do Medio Rural de 200.000 euros, “o 50% do investimento (algo máis de 400.000 euros)”, procedentes de fondos europeos, indica a propia Xunta. O Goberno galego mesmo salienta que “o proxecto incide no respecto polo medio ambiente en aspectos como o uso de envases de xel reutilizables, o emprego de enerxías renovables -como aerotermia para a climatización- ou a aplicación dun plan de xestión de residuos”.
Hai dous anos a Xunta subvencionou con 65.000 a construción en Barreiros de cinco "bungalós turísticos para alugueiro" cando no concello xa había 2.846 segundas residencias e 687 vivendas baleiras
Non é a primeira vez que a Xunta publicita unha subvención a unha iniciativa privada en Barreiros para a apertura dun establecemento turístico. Xa o fixo en marzo de 2018, cando o mesmo cargo, o delegado en Lugo, salientou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), tamén con fondos europeos destinados a “actividades non agrícolas en zonas rurais”, entregara 65.000 euros para a construción de cinco “bungalós turísticos para alugueiro” orzamentados en 166.000 euros.
Apenas un ano antes de impulsar esas novas construcións, outra consellería, a de Medio Ambiente, tombaba por "irracional" un novo intento do daquela aínda rexedor popular de planificar o levantamento doutras 2.000 novas vivendas. A consellería criticara que o goberno local pretendese dar “continuidade ao modelo de desenvolvemento expansivo baseado na vivenda de segunda residencia, algo non xustificable en termos de uso racional do solo e da sustentabilidade ambiental”. E cuantificaba en 2.846 as segundas residencias e 687 as vivendas baleiras nunha vila de 3.200 habitantes cuxos sistemas de saneamento, abastecemento, viario e de subministro eléctrico non son quen de cubrir a demanda. Servizos que debían correr por conta dos promotores inmobiliarios pero que veñen sendo mellorados con fondos públicos.
Naquel informe negativo a propia Consellería de Medio Ambiente salientaba que o "desenvolvemento do sector turístico estacional" potenciado polo daquela alcalde non convertera Barreiros, nin de lonxe, nun centro vacacional. "O municipio mantén o seu orixinario carácter rural, baseado fundamentalmente na produción agrogandeira e forestal" e segue a contar cunha "contorna natural privilexiada" malia ás agresións do ladrillo, dicía Medio Ambiente. Desde aquela é a Xunta a que, con subvencións de Medio Rural, está a intentar potenciar o turismo en Barreiros, e así o publicita.