A Xustiza rexeita que a Xunta indemnice con 19 millóns a promotores aos que parou vivendas ilegais en Barreiros

Urbanismo disperso na costa de Barreiros CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

O bipartito paralizou en 2007 o urbanismo do municipio e os construtores reclamaron compensacións, pero o TSXG tomba esa pretensión nunha serie de sentenzas que constatan as irregularidades do que pretendían construír

En febreiro de 2007 a Xunta, gobernada daquela polo bipartito de PSdeG e BNG, interveu o urbanismo de Barreiros, onde se estaba a construír en leiras sen accesos, auga, saneamento ou electricidade. Só durante o ano anterior o Concello outorgara licenzas sen que se cumprisen os requisitos para 2.966 vivendas nunha vila de só 3.200 habitantes, feitos polos que o alcalde e cinco concelleiros do PP e a arquitecta municipal están pendentes de xuízo por prevaricación urbanística. Tras a orde de parar ditada desde a Xunta, promotores inmobiliarios que se consideraron afectados reclamaron indemnizacións ao Goberno galego, pero nos últimos tres meses o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén rexeitándoas unha tras outra.

Entre o 18 de xaneiro e o 22 de marzo deste ano o TSXG emitiu nove sentenzas nas que desestima outras tantas peticións de indemnizacións contra a Xunta de promotores ou propietarios de terreos en Barreiros por un importe total que suma 19 millóns de euros. Pero iso é o que reclamaban agora na vía xudicial, porque por eses mesmos casos na vía administrativa previa pedían á Xunta máis de 40 millóns de euros. A xustiza non só establece que non teñen dereito a indemnización senón que lles impón o pagamento das costas e plasma nas sucesivas sentenzas o amplo abano de irregularidades en que incorrían esas promocións detidas polo bipartito.

Os promotores pedíranlle á Xunta pola vía administrativa por estes mesmos casos indemnizacións por 40 millóns de euros que rebaixaron a 19 millóns na vía xudicial sen obter tampouco aquí a razón

Os promotores sustentaban as súas denuncias contra a Xunta en que o decreto co que o bipartito paralizou o urbanismo de Barreiros en 2007 foi declarado nulo en 2014 polo Tribunal Supremo por un defecto de forma (non se expuxo ao público antes de ditarse). O TSXG retruca que os promotores deberan pedir as súas indemnizacións cando se pararon os seus proxectos, en 2007, e non, como fixeron, tras a sentenza de 2014 que anulou esa parálise. Pero engade que, en todo caso, ese decreto de 2007 que paralizou o urbanismo era temporal, polo que o dano polo que reclamaban unha compensación tampouco sería permanente. E máis alá desa consideración, o tribunal analiza en cada sentenza as características de cada caso para concluír en todos eles que as vivendas que non chegaron a construír e polas que reclamaban unha indemnización serían todas elas ilegais.

Nun caso non consta que o demandante chegase sequera a pedir licenza, outro non acredita a titularidade do terreo no que pretendía construír e outro que tiña licenza non iniciou a construción durante os máis de dous anos en que puido facelo

Hai casos de todo tipo. Nun caso non consta que o demandante chegase sequera a pedir licenza, outro non acredita a titularidade do terreo no que pretendía construír e outro que tiña licenza non iniciou a construción durante os máis de dous anos en que puido facelo antes de que se anulase o seu permiso. Pero en todos os casos hai un feito en común: ningún deles podería construír porque cada terreo en cuestión carecía dos servizos urbanos precisos, fose abastecemento, saneamento, electricidade ou accesos. Boa parte deses terreos eran leiras agrícolas que os promotores, como constatan varias sentenzas, mercaron a prezos ínfimos de entre 21 e 44 euros o metro cadrado para obter plusvalías que naquela época acadaron “ata o 20.000%”, segundo reflicte o plan de urbanismo municipal agora en elaboración.

“Nunca podía obter unha licenza directa para edificar nas parcelas nas que pretendía facelo, e polo tanto non concorre o presuposto necesario para facer posible unha indemnización”

As sentenzas tamén constatan excesos de altura, proxectos de apartamentos en zonas onde só se permitían vivendas individuais e inexistencia de avaliacións ambientais alí onde antes de construír sería necesario elaborar un proxecto previo de urbanización. Cada promotor denunciante, conclúen boa parte das sentenzas, “nunca podía obter unha licenza directa para edificar nas parcelas nas que pretendía facelo, e polo tanto non concorre o presuposto necesario para facer posible unha indemnización”.

Unha década despois da paralización do urbanismo de Barreiros, parte daquelas promocións nunca chegaron a iniciarse, outras quedaron a medio construír e outras rematáronse pero non se deron vendido. O municipio, que o seu rexedor aspiraba a converter no Sanxenxo do norte de Galicia, ten hoxe 3.500 segundas residencias que só se ocupan en verán e fins de semana ou que están baleiras. Malia esa situación, o Concello teima en prolongar ese modelo de crecemento urbanístico, nalgún caso mesmo con subvencións da Xunta.

Oferta de chalés en Barreiros con "auga e luz" como algo extraordinario, nunha imaxe dunha publicación da Xunta Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.