0 Gardados para despois

Leiras de 3 euros o metro tornaban en solares de 600 durante a burbulla de Barreiros

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O Concello de Barreiros, no que a comezos da pasada década se viviu unha das maiores burbullas inmobiliarias de Galicia, acaba de volver iniciar a tramitación ambiental do seu postergado Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Xa comezara en 2013, cando malia contar só con 3.200 residentes e máis de 3.500 segundas residencias ou vivendas baleiras, insistía en seguir construíndo para máis de 25.000 habitantes. Agora, logo de que o Goberno galego obrigase o Concello a reformular o plan e de que este parase a súa tramitación ata que entrou en vigor a última reforma da Lei do Solo de Galicia, o novo documento, en exposición pública desde a semana pasada, admite a “opacidade” das operacións urbanísticas realizadas e relata como leiras de 3 euros o metro cadrado pasaban a venderse por 600 ao clasificarse como solo urbano.

A comezos deste século o goberno local de Barreiros, encabezado polo seu alcalde, o popular Alfonso Fuente Parga, outorgou ducias de licenzas para construír en leiras como se fosen terreos urbanos, malia que carecían dos servizos legalmente necesarios como auga, saneamento, electricidade ou accesos. O alcalde, para quen a Fiscalía pediu cárcere pola súa actuación,  argumentou que a normativa urbanística en vigor no municipio obrigáballe a facelo, sen que pola súa parte mudase esa normativa ou pedise á Xunta que lla cambiase. “Que tiña de malo querer ser o Sanxenxo do norte?”, chegou a dicir. En 2007, o bipartito mandou finalmente parar e interveu o urbanismo municipal, nunha decisión que hai dous anos o Supremo anulou por considerar mal tramitada, o que fixo que Fuente Parga se reafirmase no seu victimismo.

O novo plan xeral, a exposición pública ambiental desde a pasada semana, relata como unha leira pasaba de 3 a 600 euros o metro cadrado ao clasificarse como solo urbano

En 2013 o Concello iniciou a tramitación ambiental dun plan de urbanismo co que pretendía seguir levantando máis vivendas, pero a Xunta do PP criticoullo duramente por “contraditorio” e “confuso”, sinalando que era inxustificable “programar novos desenvolvementos residenciais” cando entre as casas que xa había construídas e outras a medio facer “poden cubrir unhas necesidades por riba dos 25.000 habitantes”. A tramitación do plan parouse, segundo di agora o seu equipo redactor, formado polas empresas Dvega e Proyestegal, porque “o Concello decidiu esperar á aprobación da nova lei do solo”, o que agora obriga á súa vez a reiniciar tamén aquela tramitación ambiental frustrada de 2013.

É na nova documentación ambiental sometida a exposición pública desde a pasada semana onde o equipo redactor do PXOM admite agora que non hai cabida en Barreiros para máis construcións que as que permitan mellorar o caótico urbanismo da vila e dotala dos espazos públicos que non executaron os promotores privados nos anos da burbulla. “Non se plantexa a necesidade de planificar novos crecementos, xa que conta cun parque de vivendas, esencialmente de segunda residencia, que excede con moito ao número de habitantes, e a poboación empadroada ten unha tendencia lixeiramente regresiva”, di o documento.

Nesta documentación ambiental do novo PXOM, os redactores fan unha análise de como funcionou a burbulla inmobiliaria no municipio. “Coas limitacións que supón a opacidade deste tipo de operacións de compravenda de solo, a información que se obtivo consultando a varios axentes inmobiliarios”, din, permítelles establecer que o monte tiña un prezo de 1 euro o metro cadrado e o solo de uso agropecuario de 3 euros, mentres que o solo urbanizable podía ascender xa a 100 euros e o urbano disparábase ata os 600 euros o metro cadrado, malia que en moitos casos este non cumpría cos criterios para ser clasificado como tal pola súa falta de servizos, pero conseguíao grazas a unhas “ordenanzas difusas pero cunha alta edificabilidade”.

A burbulla non creou postos de traballo estables nin incrementou o número de empadroados, din os redactores do novo plan de urbanismo

Posto que “o mercado dos apartamentos, durante os anos de actividade inmobiliaria intensa, chegou a absorber un valor de repercusión do solo por apartamento, (50 metros cadrados) de máis de 21.000 euros”, os redactores do novo PXOM chegan a dicir que “a plusvalía xerada exclusivamente pola clasificación como solo urbano de parcelas dedicadas a cultivos, foi ata do 20.000%”. Esa cifra textual incluida no documento semella un erro, xa que suporía elevar a 20.000 euros o prezo do metro cadrado construído, cantidade que non se corresponde co valor de venta dos apartamentos no municipio. Porén, o arquitecto que asina o documento non quixo atender a chamada deste diario para aclarar esa cuestión.

Con independencia dese posible erro no cálculo porcentual da plusvalía, “estes datos permiten entender a aceptación xeneralizada desta dinámica derivada de operacións de venda de solo, e as plusvalías xeradas pola demanda de vivenda de segunda residencia”, din os redactores, o que ao seu ver “contribúe a explicar o éxito do 'modelo urbanístico' xerado”. Malia esa aceptación popular da burbulla, os técnicos limitan os seus beneficiarios: “O impacto económico deste sector económico non ten unha incidencia estable, senón conxuntural, non crea postos de traballo estables nin incrementa o número de empadroados”, sentenzan.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.