Política Social ofrece aos concellos 16 euros por hora da axuda no fogar, que xa custa 22

Unha persoa en situación de dependencia, nunha rúa dunha cidade galega, en imaxe de arquivo CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A Xunta accede a subir dos actuais 12 euros a 14 o ano vindeiro, un máis en 2027 e 16 no remate da lexislatura. A Fegamp urxe a Consellería a asumir o 100% do servizo, cuxos contratos adxudicados en 2025 superan os 22 euros por hora de media

O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é unha prestación da Lei da Dependencia que executan os concellos, como norma xeral mediante contratos con empresas de diversa dimensión para cuxo financiamento dependen das achegas da Xunta. Os contratos dese servizo adxudicados este 2025 por concellos galegos teñen un custo medio de 22,72 euros por hora de servizo, segundo datos da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

A Fegamp está inmersa nunha negociación coa Consellería de Política Social na que procura que o Goberno galego incremente o financiamento do SAF dende os actuais 12 euros por hora. O seu obxectivo é que a Xunta chegue a cubrir o custo real dun servizo que teñen asignado máis de 20.000 persoas en toda Galicia, din as cifras do IMSERSO, e que advirten, está a virar en insostible para os concellos. Pero, cando menos de momento, a oferta do departamento que dirixe Fabiola García non pasa de 16 euros por hora de aquí a 2028.

Ambas partes coinciden nas cifras das peticións e contraofertas, pero difiren na interpretación do tirapuxa. A Comisión Executiva da Fegamp, que preside o alcalde socialista de Vilagarcía, Alberto Varela, tivo esta semana sobre a mesa a proposta de Política Social: pasar dos actuais 12 euros por hora a 14 en 2026, 15 en 2027 e 16 en 2028, ano final da lexislatura galega agás no caso de adianto electoral.

O departamento de Fabiola García "lamenta" que os concellos "rexeiten" a súa proposta e reitera que o Estado segue sen chegar ao 50% de financiamento da Lei da Dependencia

Ese é un plan, lamenta a Fegamp, que queda "moi lonxe de resolver o problema" e por iso este órgano executivo -formado por alcaldes e alcaldesas de PSdeG, PP e BNG- aprobou "sen votos en contra" responder a Política Social "coa necesidade urxente de subir a 17 euros/hora" aplicables xa dende o pasado xaneiro. E, ao tempo, "abrir unha negociación que resolva, antes de rematar o mandato dos concellos [a mediados de 2027], o financiamento do 100% do custo do SAF, seguindo o marcado pola Lei de Dependencia", que fixa que as prestacións da Lei de Dependencia deben estar financiadas pola Xunta, cando menos, con tanto importe como o que achegue o Goberno de España.

A que o Estado nunca chegase a financiar a metade do gasto galego en dependencia -o máis preto que estivo foi en 2023, co 40,69%, 16 puntos máis que no derradeiro ano co PP de Rajoy gobernando, e o pasado 2024 quedou no 34,89%- aférrase precisamente a Xunta para explicar o conflito. Non obstante, Política Social "lamenta" que a Fegamp "rexeite a proposta" de incremento ata 16 euros por hora de SAF en 2028 e insta a entidade municipal a "deixar fóra do debate o partidismo" porque esta é "unha cuestión transversal que afecta aos 313 concellos".

Orzamentos da Xunta para 2026 e proposta do BNG

Estas negociacións teñen como pano de fondo o trámite dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2026, que prevén 148 millóns de euros para o SAF. Son, en contas redondas, 8 millóns máis que nos Orzamentos definitivos de 2025 e deles, 95 son fondos propios da Xunta (+5) e 52, achegas do Goberno de España a Galicia (+3).

Os Orzamentos de 2026 prevén 148 millóns para o SAF, 8 máis que en 2025, ano durante o cal Política Social leva retirados 19 desta partida para pagar axudas a familiares que coidan persoas dependentes na casa. O Bloque emenda as contas para sumar 15 millóns adicionais

Tan certo é que os fondos orzamentados por Política Social para o SAF levan dende 2024 á alza -en 2022 e 2023 o Estado achegou máis que a Xunta a este servizo en Galicia- como que non todos eles acaban, ao longo do ano, financiando esta prestación. Así, por exemplo, ata mediados deste 2025 a Consellería levaba traspasados 17 millóns de euros do Servizo de Axuda no Fogar a outra prestación da Lei da Dependencia, a "libranza para coidados na contorna familiar", isto é, a achega de apenas 400 euros mensuais para familiares que coidan persoas dependentes na casa. 

No segundo semestre produciuse cando menos outra retirada co mesmo fin, de 2 millóns en xullo, ata un total de 19. A Xunta xustifica o transvasamento de fondos na súa vontade de "baixar tempos de tramitación e listas de espera" para as persoas en situación de dependencia. Mentres, dende a actual oposición o BNG vén advertindo que a consecuencia de operacións coma esta é "recortar servizos e substituílos por axudas pírricas que non garanten o dereito das persoas maiores e dependentes". 

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG; Fabiola García, conselleira de Política Social; e Alberto Varela, presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía CC-BY-SA BNG | Xunta | Fegamp

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, resalta que alén deses 19 millóns retirados da partida do SAF no que vai de 2025, "no exercicio anterior xa retiraran outros 18,5". Neste contexto, avanzou nos últimos días, a formación soberanista formula emendas aos Orzamentos de 2026 para "incrementar en 15 millóns a partida dedicada a financiar o SAF" co obxectivo de que "en dous anos, a Xunta abone polo menos 20 euros a hora para o seu financiamento". Fontes da Fegamp, pola súa banda, apuntan a que cumprirían, cando menos, uns 100 millóns máis ao ano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.