A Xunta atribúe á vontade de "baixar tempos de tramitación e listas de espera" o traspaso de fondos do Servizo de Axuda no Fogar á "libranza para coidados na contorna familiar", a achega de apenas 400 euros mensuais que en vésperas das eleccións presentara como un novo "bono"
Entre finais de 2023 e comezos de 2024, en vésperas das eleccións do 18 de febreiro do pasado ano, a Xunta esforzouse en anunciar o que denominou Bono Coidado no Fogar para as persoas que atenden na casa a familiares en situación de dependencia. "Unha axuda de 5.000 euros anuais para todas as persoas con dependencia que son atendidas nas súas casas", sinalaba a Consellería de Política Social.
O Goberno de Alfonso Rueda envolvera publicitariamente como unha axuda "nova" e "universal" que "non existía". En realidade tratábase do resultado dunha suba decidida polo Goberno de España que, en combinación cun incremento do complemento galego, daba lugar a un total anual de 5.000 euros. É dicir unha prestación de 416,66 euros ao mes para a que, a efectos de xestión, seguía chamándose "axuda libranza na contorna familiar".

Nos Orzamentos de Política Social para este 2025 a partida para estas libranzas para coidados fornecidos por familiares comezou o ano dotada con 126,9 millóns de euros, 30 máis que nas contas iniciais de 2024. O pasado xullo o departamento que dirixe Fabiola García inxectou nesa partida 12 millóns adicionais e fíxoo restándoos doutra área de atención á dependencia, a que financia a axuda profesional no fogar, que principiou o exercicio con 140 millóns, 11 máis que un ano antes.
A Fegamp reitera a necesidade de incrementar as achegas da Xunta e do Estado ao SAF dende os 12 euros por hora ata os 20 ou 25 que custa o servizo
Para restar os 12 millóns de euros do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e sumalos aos pagamentos para familiares que coidan de dependentes na casa a Consellería tivo que tramitar o correspondente expediente de transferencia de crédito, un trámite que debe incluír unha breve descrición do obxectivo procurado. Coa operación, di Política Social, procura "ir baixando tanto nos tempos de tramitación como nas listas de espera nos expedientes de dependencia".
O traspaso de fondos chega mentres a Xunta ten en marcha o seu "plan de choque" para reducir as listas de espera da dependencia, un "plan de axilización e simplificación dos trámites" que, di, no primeiro semestre de 2024 permitiu que haxa "12.557 novas persoas atendidas" ata superar por primeira vez as 84.000 no conxunto do sistema. Pero tamén se produce mentres os concellos e os grupos da actual oposición reiteran a necesidade de incrementar os fondos para financiar o Servizo de Axuda no Fogar, que segundo datos da propia Consellería ten unhas 25.000 persoas usuarias.

Unhas das voces máis activas nesta reivindicación sobre o SAF é a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Este servizo, vén advertindo a Fegamp, "custa de media por riba dos 20 euros por hora, chegando en moitos casos aos 25 euros por hora", pero "entre a Xunta e o Ministerio só achegan 12 euros por hora". Isto implica, detallaba o pasado febreiro o seu presidente e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, que os concellos teñen que poñer o resto e se non poden facelo reciben sancións da Xunta.
O BNG inscribe a "navallada" ao orzamento da axuda no fogar nun plan para "desmantelar servizos" e remudalos por "axudas asistencialistas". A formación insiste en reclamar tamén a alza aos 20 euros/hora no SAF
Con este pano de fondo, Xunta e Fegamp iniciaron unha negociación ao respecto que aínda non está pechada. E, ao tempo, aplica unha mingua de fondos ao SAF que, dende o Parlamento, o BNG censura como unha "navallada" que vai na liña de "recortar servizos e substituílas por axudas pírricas que non garanten o dereito das persoas maiores e dependentes", afirma a súa vicevoceira, Olalla Rodil. Así, advirte, "usando a mesma franxa temporal" que o Goberno galego "usa para presumir de xestión", chama a tención que "o SAF perdese 1.026 persoas usuarias" no primeiro semestre do ano.
"Mentres se van baleirando e desmantelando servizos, as axudas asistencialistas incrementáronse en máis de 6.000" persoas que perciben uns 400 euros mensuais. É nesta lóxica, coida Rodil, na que se inscribe o transvasamento de 12 millóns do SAF para as libranzas de coidado no fogar, que "se suman a 5 millóns xa recortados no mes de maio". A transferencia produciuse ademais, engade, mentres na propia Cámara "o PP vota en contra da proposta do Bloque para incrementar o financiamento do SAF a 20 euros a hora" para así "poder blindalo" e "garantir atención digna" tanto "para as persoas usuarias como para as traballadoras".