O BNG pon Lugo no albo para o 29N co "efecto Rodil"

Pontón e Rodil, no mitin do BNG en Lugo flanqueadas por Brenda González, candidata ao Senado; e Rubén Arroxo, voceiro local CC-BY-NC-SA BNG

Hai unha década, cando o BNG aínda arrastraba as consecuencias do momento máis crítico da súa historia, afrontou a carreira das eleccións galegas daquel 2016 con enquisas que o situaban ao bordo da desaparición do Parlamento. Ao fío do debate electoral que organizara a CRTVG naquela campaña a formación soberanista comezou a falar de efecto Pontón; o papel xogado no encontro televisivo pola daquela debutante candidata, explicaran, alimentara as súas sensacións de remonta nas urnas, nas que acabaran acadando uns meritorios 6 escanos que nos seguintes comicios, en 2020, triplicarían amplamente.

O Bloque asegura estar a ler na provincia lucense un escenario con posibilidades para lograren escano por primeira vez e impregna nesta atmosfera o seu mitin central na cidade da Muralla con Ana Pontón

Dez anos e todo un mundo político despois, o Bloque lidera a oposición no Parlamento galego con 25 representantes nun grupo liderado pola propia Ana Pontón entre cuxos membros máis activos e con maior proxección seguen a destacar quen tamén foran dúas daquelas seis deputadas de 2016, a lucense Olalla Rodil e a ourensá Noa Presas, agora tamén cabezas de cartel nas súas circunscricións para as xerais do 29N. Coas obvias diferenzas de contexto e eleccións, o BNG asegura estar a ler na provincia lucense un escenario con ecos daquel efecto, ao que agora engaden o apelido de Rodil para, afirman, vérense con posibilidades de lograr escano de Lugo no Congreso por primeira vez.

Mitin do BNG no auditorio Fuxan os Ventos de Lugo, este 18 de novembro CC-BY-NC-SA BNG

Con esta atmosfera chegou a formación soberanista ao seu mitin central de campaña en Lugo, este pasado mércores no auditorio Fuxan os Ventos da cidade da Muralla. Aínda coa resaca do, sosteñen, bo papel xogado por Rodil a noite previa no debate electoral organizado por laSexta, Pontón alentou a concorrencia -unhas 400 persoas- amosando o "convencemento" de que un "gran resultado" vai permitir que "Lugo teña con Olalla Rodil a voz forte e libre que merece" nas Cortes.

Rodil apela a electorado que "votou outras forzas políticas en anteriores eleccións" e "quere que Galiza e Lugo conten": "Non imos fallar"

Neste contexto, Rodil olla ao electorado tradicional do Bloque, pero pon tamén no albo a quen "votou outras forzas políticas en anteriores citas electorais" e acabou "defraudado". "A todas esas persoas pídovos que confiedes en nós e collades as papeleta do BNG, porque non imos fallar" a "quen quere que Galiza e Lugo conten", convidou. "Tedes o meu compromiso de que se o 29N teño a confianza dos lucenses, acabaremos con décadas de abandono e de discriminación do Goberno central con Lugo", prometeu.

Eses posibles transvases, defenden na sala de máquinas dos nacionalistas, poden permitir que o BNG entre na pugna polo terceiro escano dos catro que reparte a provincia. En 2023 tres foron para o PP e o cuarto, para o PSdeG. 

Rubén Arroxo, voceiro local do BNG e candidato á alcaldía intervén no mitin da formación no auditorio Fuxan os Ventos, CC-BY-NC-SA BNG

Agora os propios populares teñen serias dúbidas de poder repetir o 3-1. E para "conseguir algo" para Galicia, asegura Pontón, cómpre "que estamos alí, petando dende o Bloque" cunha "axenda galega" que, resalta, tamén inclúe "investimentos en servizos e infraestruturas coma o tren que Lugo merece". E o PP, asegura, "anda nervioso" mentres o BNG está inzado de "ilusión", tamén en Lugo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.