O BNG dispárase con Pontón á fronte ata a maior representación parlamentaria da súa historia

Ana Pontón valora os resultados obtidos polo BNG este 12X CC-BY-NC-SA BNG

Cando, en febreiro de 2016, Ana Pontón foi elixida como portavoz nacional do BNG, a formación nacionalista transitaba pola peor crise da súa historia. Tras a dolorosa ruptura na asemblea de Amio, o Bloque afrontaba un complexísimo escenario electoral, con inquéritos que mesmo deixaban as históricas siglas ao bordo da perda do grupo parlamentario e, nos peores prognósticos, mesmo raiando a desaparición do lexislativo galego.

Naqueles comicios de hai catro anos, os primeiros con Pontón como cabeza de cartel, o Bloque deu en falar do efecto Pontón, moi especialmente tras o debate da CRTVG no que lograra evidente impulso. Finalmente, a perda dun só escano, ata quedar con 6, fora lido en clave de resistencia. O peor pasara e tocaba remontar.

Menos de catro anos despois de resistir con grupo propio, o BNG consegue un ascenso sen precedentes e Pontón convértese en líder da oposición

Case catro anos despois na noite deste 12 de xullo, a propia Ana Pontón admitía ante a militancia do BNG que practicamente ninguén, nin ela mesma, podía pensar no agora afastado 2016 nuns resultados como os agora logrados. "Non foi fácil, houbo momentos moi complicados", resaltou a líder nacionalista tras analizar un escrutinio no que o Bloque non só practicamente iguala o seu mellor resultado electoral en termos porcentuais, senón que consegue un ascenso sen precedentes, máis que triplica os seus escanos ata chegar, con 19, á maior representación da súa historia.

Ana Pontón, votando en Santiago este 12X CC-BY-NC-SA BNG

Tras unha campaña na que o BNG fixou un obxectivo claro para Pontón, chegar á presidencia da Xunta, a nova líder da oposición "non oculta" que "queriamos máis". Porque do que se trataba era "de poñer en marcha un cambio" polo que, asegura, "empezamos a traballar" no que o Bloque le como o inicio dun novo ciclo político. 

Non en van, tras dúas lexislaturas consecutivas co espazo á esquerda do PSdeG en disputa coa coñecida como esquerda rupturista, o Bloque fica en solitario nese carril. Pero faino, ademais, superando amplamente a cota obtida por En Marea hai catro anos, quedando con practicamente toda a representación que obtivera aquela formación.

Pontón proponse "empezar a traballar" polo cambio non logrado neste 2020 mentres, nun ton institucional, aposta por lograr un "acordo pola reconstrución" tras a crise do coronavirus

Nesta liña, a propia Pontón resalta que este inédito ascenso é produto, en boa medida, que un amplo sector do electorado que elixiu a papeleta do BNG colleu esta papeleta por primeira vez. "Cada unha desas papeletas é unha razón máis para seguir loitando" e tamén, resaltou, para construír unha "alternativa sólida" ao PP e a Alberto Núñez Feijóo, a quen deu os parabéns publicamente pola súa vitoria.

Acordo pola reconstrución

Como en campaña, nesta noite do 12X Pontón combinou a aposta por un "cambio galego" que a convertese en presidenta e a crítica ás políticas do PP co ton institucional. Nese sentido, resaltou, proponse "seguir traballando" para lograr a mudanza non conseguida neste 2020, pero tamén, no nome "da única forza que sobe en votos", explica, avogará por lograr "un acordo pola reconstrución" tras a crise do coronavirus.

Nesta liña, sinala, os "acertos" do cuarto Goberno consecutivo do PP "serán os acertos nos que este país poida avanzar". "Sobre todo -coida- porque cunha pandemia que nos deixará unha crise socail, económica e sanitaria, o momento require altura de miras". "Viva o BNG, viva Galiza", concluíu Pontón na súa noite electoral máis doce.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.