Ana Pontón (Sarria, 1977) é, por segunda vez, candidata do BNG á presidencia da Xunta. Catro anos despois de encabezar o Bloque nun complexísimo escenario electoral no que as aspiracións da formación comezaban por dar retido os escanos suficientes para conservar grupo parlamentario propio, Pontón asegura que nesta campaña aspira a liderar o próximo goberno galego. "Se concentramos todo o voto de país e inconformista no BNG, o 12 de xullo imos facer historia", reitera nos actos dunha campaña na que di detectar "unha gran corrente de simpatía" cara a unha formación que recupera apoio cidadán porque, di, ten "valores sólidos" e "poñemos por diante a defensa de Galiza".
Dicía esta semana, nun mitin en Pontevedra, que ve o cambio de Goberno en Galicia “máis cerca ca nunca”. Por que?
Non hai que fiarse das enquisas, senón do que a xente quere e sente, maís nunha campaña con tanta volatilidade. Hai unha tendencia imparable de medre do BNG e, se concentramos todo o voto que quere cambio na papeleta do Bloque, poderemos facer historia poñendo por primeira vez unha muller do BNG na presidencia. Nesta campaña vexo unha ilusión desbordante en torno ao BNG: nas redes, nos actos, nas conversas… Todo iso fainos ser optimistas. O que vale é o que decidan os galegos e galegas, non unha campaña de enquisas para desmobilizar as persoas que están disconformes con como vai o país e cren que precisa un cambio.
"Hai unha tendencia imparable de medre do BNG e o que vale é o que decidan os galegos e galegas, non as enquisas para desmobilizar as persoas disconformes con como vai o país e que cren que cómpre un cambio"
Prognostica, daquela, unha noite de inquéritos rotos para o vindeiro domingo?
Vímolo nas eleccións estadounidenses, nas últimas andaluzas… Estamos nun contexto aberto, no que todo é posible. E o nerviosismo do PP só se explica porque eles senten o mesmo ca nós.
Unha das ideas forza desta campaña do BNG é sinalar ás claras que aspiran á presidencia. Non é arriscado situaren un listón tan concreto e tan alto?
Nós temos o mellor proxecto para este país e queremos liderar o próximo goberno. As decisións que tomemos o 12 de xullo van marcar a Galiza dos próximos anos: non podemos seguir indo a menos, con menos oportunidades, coa xente a seguir emigrando, estragando os servizos públicos. Hai que darlle un xiro ao país e dicimos con claridade aos galegos que temos un proxecto para sacalo adiante con ideas como poñer en marcha unha economía verde, apostar pola innovación, desenvolver o autogoberno, unha nova política lingüística, defensa da sanidade e a educación... Todo todo isto concrétase na idea ilusionante de deixar atrás un pasado gris e poñer en marcha unha Galiza que pode ser a envexa de Europa.
Refírese vostede á defensa da sanidade pública. Este servizo está aínda máis en primeiro plano por mor da crise do coronavirus. Supoñamos que ese cambio de Goberno se produce: or onde comezarían as mudanzas que inclúen no seu programa electoral? Supoñen cartos, pero tamén tempo.
Hai cuestión que son xa de curto prazo, como reforzar a Atención Primaria, a gran damnificada destes anos. recuperar as áreas sanitarias e devolver o pulso ao noso sistema sanitario. Hai que convocar todas as prazas vacantes no Sergas e dar músculo a unha sanidade que precisa máis profesionais e mellores condicións. Non podemos seguir coa sanidade en precario.
O PP asegura que eses recortes “non existen”. Reiterouno en diversas ocasións neste anos e tamén hai poucos días, nun debate con vostede e o resto de forzas da esquerda...
"Ninguén acredita en que non houbo recortes; entre outras cousas, porque se algo mobilizou á sociedade galega foi a defensa da sanidade pública. Temos o último exemplo en Verín"
Eu quedo estupefacta cando escoito o que xa non é postverdade, é postmentira. Ningún cidadán acredita en que non houbo recortes e privatización. Entre outras cousas, porque se algo mobilizou a sociedade galega nestes anos foi a defensa da sanidade pública. Temos o último exemplo en Verín, onde o PP quería pechar un paridoiro e eliminar as urxencias pediátricas. Ese é o seu modelo e tiveron que recuar pola mobilización masiva e porque había unhas eleccións. O que defende o PP xa o sabemos e o que agora nos están a dicir é que o futuro é a telesanidade, que en vez de ter ao médico imos ter que chamar po teléfono. Ese é o modelo do PP temos que paralo nas urnas o 12 de xullo.
Se dependese do BNG, que cambiaría na xestión desta crise do coronavirus?
Un dos grandes erros foi non pechar Madrid e que o presidente da Xunta non o pedise. Tamén a centralización de competencias, que se volveu ineficaz. O que me preocupa agora é que a Xunta estea caendo na improvisación que tanto criticou. Feijóo tivo moita présa por levantar o estado de alarma, pero non para elaborar un plan de rebrotes e estamos vendo as consecuencias de non telo, con medidas que sorprenden como un confinamento de cinco días. Non se pode xogar coa saúde e por iso insistimos en que habería que suspender o proceso electoral nas comarcas confinadas.
Tendo en conta que o proceso electoral segue adiante tamén na Mariña. Como cre que vai afectar o brote ao desenvolvemento da xornada electoral e ao resultado?
Primeiro, afecta a que hai máis de 100 persoas que non van poder votar e iso debe preocuparnos, porque están privadas dun dereito fundamental. Segundo haberá persoas con temor e non sei se afectará mesmo á constitución das mesas. Gustaríame que a xornada transcorra con normalidade, pero non sei que medidas extraordinarias vai arbitrar a Xunta.
Nesta campaña está a facer moito fincapé na aposta por unha economía verde para a Galicia dos vindeiros anos. É compatible ese cambio de modelo con pular por que as factorías que actualmente son de Alcoa continúen a operar, dado o seu impacto ambiental?
Temos que construír sobre unha economía verde, pero un país non pode permitirse que se destrúan sectores económicos básicos sen alternativa. Estamos vivindo a destrución da produción de aluminio e non podemos deixalo caer, porque é estratéxico para a comarca da Mariña e significa moito para o país. Non podemos, antes de ter un modelo construído, deixar que caia esa empresa.
Que diferenza diría que hai entre Alcoa e ENCE?
"Non se trata só de sacar ENCE da ría de Pontevedra; tamén a imos sacar do Consello da Xunta"
O que pasa é que Alcoa non está no medio dunha cidade e por iso ENCE ten que saír da ría. ENCE hipoteca o desenvolvemento de toda unha comarca e a responsabilidade de non ter unha ubicación alternativa é da empresa e da Xunta. Se hai un só posto de traballo en risco será pola irresponablidad dunha empresa e dun goberno que, sabendo que tiña que saír da ría, non o fixeron. Todas ae empresas contaminantes saíron de contornas urbanas e en Pontevedra tamén é posible. Non só se trata de sacar a ENCE da ría, tamén do Consello da Xunta. Non podemos seguir hipotecando o desenvolvemento do noso medio rural e do monte polos intereses dunha empres ado IBEX e5. Sacaremos ENCE da ría e do Consello da Xunta porque teremos un goberno cun novo modelo forestal, que limite as plantacións de eucalipto e aposte por un monte multifuncional que dará máis riqueza que o monocultivo do eucalipto.
Sen saír de Pontevedra, que podería trasladar o BNG do goberno de Pontevedra á Xunta?
Primeiro, pode achegar experiencia de bo goberno. Esa tamén é unha garantía tamén para moitos cidadáns. E ademais, unha unha das as grandes transformacións que temos que impulsar é unha axenda urbana e aí temos un referente internacional e un aval para facelo.
Galicia leva doce anos sen recibir novos traspasos de competencias. O programa electoral do BNG evidencia que o horizonte político segue sendo a autodeterminación pero, cales serían as prioridades inmediatas no eido do autogoberno?
"Pedro Sánchez non debe esquecer que, se é presidente, foi tamén grazas aos compromisos con Galiza que agora debe cumprir"
Temos a convicción de que os galegos e galegas, canto máis capacidade de decisión teñamos, mellor imos vivir. Como nación, temos que ter recoñecemento dos nosos dereitos; pero tamén é evidente que estamos nun marco no que o primeiro vai ser volver ter máis competencias: salvamento marítimo, tráfico, inspección de traballo, serán prioridades máis alá da AP-9, que espero que sexa primeira e que o Goberno central cumpra o que acordou, porque Pedro Sánchez non debe esquecer que, se foi presidente, foi tamén grazas aos compromiso con Galiza que agora lle toca cumprir.
O PP dilles que os acordos aos que chegaron co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez xa se están a incumprir…
Sorpréndeme que un acordo asinado en xaneiro, despois do que tivemos unha pandemia e estivemos todos confinados... O PP estea rabioso e dicindo que hai que cumprilo xa. Tiveron 8 anos de Goberno de Rajoy nos que o único que vimos é submisión. Están rabiosos porque fixemos máis nun mes por Galiza que o PP en 11 anos con Feijóo á cabeza.
Vinculado tamén co autogoberno está a petición de traspaso da xestión do ingreso mínimo vital. Faríano compatible coa Risga?
Hai que facer unha reformulación ambiciosa de toda a nosa política social. Imos reclamar esa transferencia, pero cremos que ir cara a unha renda básica.
Outro dos puntos que destaca no seu programa son as políticas en clave feminista. Por onde cre que tería que ir a Xunta da vindeira lexislatura? Veñen sinalando, por exemplo a lei da Red Madre como punto a cambiar
"Eliminaremos os concertos cos colexios que segregan por sexo e toda a lexislación sexista que puxo en marcha o PP"
Nós, o que faremos será priorizar a loita contra violencia machista, defender os dereitos das mulleres no sentido de que son precisos máis medios para poder conciliar, unha rede pública que faga que a conciliación non sexa unha carreira de obstáculos. Devolver, en síntese, o que nos deron nesta crise as profesións máis feminizadas nesta crise. A Xunta, por exemplo, pode facer que ningunha empresa que discrimine salarialmente acceda á contratación pública. E por suposto, tamén eliminar os concertos cos colexios que segregan por sexo e toda a lexislación sexista que puxo en marcha o PP.
Hai moitos gobernos que son lembrados polo simbolismo das súas primeiras medidas. Cal sería a primeira medida dun goberno presidido por vostede?
Entre elas ten que estar un gran acordo de país para a reactivación económica e social.
Que sería un fracaso para o BNG o domingo pola noite?
Non me poño nese escenario. Este 12 de xullo temos que ir votar con ilusión pola forza política que ten un proxecto modernizador para o país, con confianza no país, que acredita en que esta é unha nación que o ten todo para saír adiante. E se o facemos, imos ter motivos para sorrir e o 12 de xullo pode ser unha data que se lle atragante ao PP de Feijóo e e Casado.