A esquerda uniuse nun novo debate para defender os servizos públicos, en especial a sanidade pública, e apostar por reverter os recortes que negou o representante do PP, o seu portavoz parlamentario, Pedro Puy. No encontro organizado pola Cadena SER en Galicia, os candidatos á presidencia polo PSdeG, Gonzalo Caballero; BNG, Ana Pontón; e Galicia en Común, Antón Gómez Reino, volveron amosar a súa sintonía e a visualizar unha alternativa fronte ás políticas de Feijóo, ao que coincidiron en criticar pola súa "falta de respecto", "covardía" ou "escapismo" ao recriminarlle a súa ausencia na cita.
A esquerda uniuse na aposta polos servizos públicos e a reversión dos recortes que negou Puy (PP): "Non é verdade que os houbese, non existen"
As principais formacións da esquerda, as tres destinadas a entenderse no caso de que Feijóo perdese a súa maioría absoluta, marcaron os seus matices no debate moderado pola xornalista Aida Pena, pero uníronse no intento de acurralar o representante do PP cuestionando os once anos de Feijóo á fronte da Xunta, sobre todo no que ten que ver cos "recortes e privatizacións" dos servizos públicos.
"Esta visión tan negativa non se corresponde coa realidade; non é verdade que houbese recortes nos servizos públicos, non existen", asegurou Pedro Puy en resposta aos datos lanzados polos candidatos de PSdeG, BNG e Galicia en Común sobre peches de camas, redución de investimento na Atención Primaria, precariedade laboral no Sergas ou ausencia de aposta clara polo I+D+i. O portavoz parlamentario do PP tirou tamén de datos aos que Caballero retrucou acusándoo de "adaptalos" a conveniencia.
"Vivimos en países diferentes", chegaron a coincidir os candidatos da esquerda á hora de responder á visión positiva de Puy, que negou a mala situación da sanidade mentres Ana Pontón lembraba os "200 millóns menos que hai dez anos" na Atención Primaria galega ou Gómez Reino recordaba o descenso no número de camas ou no orzamento do Sergas. "A xente deste país saben que existen eses recortes", engadiu a líder nacionalista mentres o tamén secretario xeral de Podemos-Galicia preguntábase, daquela, que era o que se reclamaba "en todas esas manifestacións pola sanidade pública", á que di querer "blindar".
Toda a esquerda recriminou ao PP os recortes e a "privatización" en sanidade e lembroulle a mobilización continua do persoal no sector
"Teñen a toda Galicia en contra dos recortes na sanidade", lembroulle tamén Caballero a Puy respecto das continuas mobilizacións contra a política do Sergas, onde, segundo dixo, a Xunta "deixou de investir 2.000 millóns" nos últimos anos. Ademais, o candidato socialista cargou tamén contra o "modelo privatizador" de Feijóo nas residencias, nunhas críticas ás que se uniu Pontón, que lementou que o PP "diga que non hai problemas" nelas e que lembrou a "falta dun plan para os rebrotes".
"O único que fixo a Xunta foi enviar recomendacións ás residencias", engadiu a portavoz nacional do BNG, que se comprometeu a "investigar" o que pasou nas residencias de maiores e que cualificou de "vergonza" que o Goberno galego "non pida perdón" polo ocurrido nuns espazos onde faleceron a maioría das persoas mortas por coronavirus en Galicia. "O que pasou nelas é moi grave e non queren dar explicacións", engadiu Caballero.
Ademais, Gómez Reino lembrou que o modelo privatizador das residencias xorde "da estafa das caixas" e prometeu, de chegar ao Goberno, "reverter" o devandito modelo. Tamén apostou por un "cambio no modelo produtivo", unha aposta na que coincidiron Pontón e Caballero, que avogaron por maior investimento en ciencia e innovación e unha transición xusta cara a unha economía verde.
Todo fronte a un Pedro Puy que asegurou que Galicia "está moito mellor preparada que en 2009", que acusou o Goberno central de provocar os anuncios de despedimentos en Alcoa ou Endesa e que atribuíu a "unha cuestión demográfica" a perda masiva de poboación activa en Galicia.
A esquerda coincidiu tamén en rexeitar o modelo forestal "que beneficia a Ence" e en denunciar as "portas xiratorias" do PP nesta empresa e noutras como "en Greenalia coa ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato".
En canto ao autogoberno, PSdeG, BNG e Galicia en Común coincidiron en criticar que en once anos Feijóo non conseguise "ningunha transferencia" e apostaron por asumir máis, mentres Pedro Puy criticaba o "perigoso" que, segundo dixo, supón que un partido "defende a autodeterminación, outro un Estado confederal e outro máis autonomía".
Nun debate no que a figura de Feijóo, ausente, foi protagonista entre críticas e recriminacións por non ter acudido. "Perdeu o debate da CRTVG e non se atreve a vir", coincidiron na esquerda, que criticou a súa "falta de respecto": "Queda democraticamente descualificado".