Alexandra Fernández, ex-deputada de En Marea no Congreso dos Deputados e ex-militante de Anova, ocupa agora o número tres por Pontevedra na lista do BNG ás eleccións autonómicas. Logo do intento, no que participou e que considera fracasado, de colaboración entre a esquerda soberanista e estatal, a política viguesa di estar convencida da posibilidade de que Ana Pontón sexa a nova presidenta da Xunta.
"Vimos dun ciclo político moi duro, de once anos nos que non quedou un sector sen mobilizarse en Galicia, e iso tamén se nota agora na campaña"
Hai partido?
Haino. Baséome na resposta que sentimos na rúa, aló a onde imos sempre notamos unha mobilización importante de apoio ao cambio galego. Vimos dun ciclo político moi duro, de once anos nos que non quedou un sector sen mobilizarse en Galicia, e iso tamén se nota agora na campaña.
As enquisas non son moi favorables para o cambio aínda que indican unha suba do BNG...
As enquisas debemos tomalas con prudencia pero indican tendencias e hai dúas claras: aínda hai un número moi alto de indecisos, polo que o panorama está completamente aberto, e hai unha gran suba do BNG, o que podería provocar un novo goberno liderado polo soberanismo, algo que me parece fundamental para as grandes transformacións que precisa este país.
É unha campaña atípica e son unhas eleccións atípicas tamén pola incerteza na participación e nos efectos da pandemia. Nótao?
Pálpase a incerteza, claro, sobre todo con situacións como a da Mariña, que xera moitas dúbidas a moitos galegos e galegas sobre se temos un Goberno que pensa máis na saúde ou máis en clave electoral. Durante a crise pola pandemia, Feijóo daba día si e día tamén roldas de prensa en directo na televisión pública pero agora, ante un tema no que se requiren respostas que garantan a saúde pública, está completamente desaparecido e facendo coma se non pasase nada. Hai preocupación e incerteza, pero tamén confío en que temos un importante apoio e que vai haber unha gran mobilización polo cambio este domingo.
"É un momento de suma arredor do BNG: están os que sempre estiveron, xente que participamos en En Marea e mocidade que se incorpora"
Que a fai pensar iso?
O perfil de xente que se está a achegar ao Bloque é algo no que reparar. É un momento de suma arredor do soberanismo e iso tamén se visualiza na resposta da xente. Están todos aqueles que estiveron sempre defendendo o BNG como forza soberanista en solitario, sen alianzas, pero tamén é importante a incorporación desa xente que no anterior ciclo político participamos no espazo de En Marea pero comprobamos todas as limitacións á hora de resolver os problemas desde Galiza. Agora estamos sumando todos desde o soberanismo. Pero, ademais, hai outra corrente de xente nova que se incorpora, que aínda nunca participara en política, e que se atopa cun escenario moito máis clarificado no campo da esquerda. Esta xente nova é consciente de que para mudar as cousas, a esquerda que está máis na defensa da clase traballadora e na oposición a como se constitúe o poder no Estado español é a esquerda soberanista. A converxencia destas tres vertentes no BNG é clave nesta altura.
A que se refire con que a mocidade atopa un panorama máis claro na esquerda?
No ciclo político anterior, moita xente participamos a partir do 15M nunha resposta política na que entendíamos que podíamos colaborar o soberanismo e a esquerda estatal e que os piares dese acordo tiñan que ver coa soberanía, coa do Estado fronte a Europa e co das nacións sen Estado respecto do Estado central. Por iso se apostaba por un modelo confederal que recoñecese o dereito de Galiza a decidir o seu estatus político. A idea de recuperación de soberanía era fundamental nese acordo. No momento no que a esquerda estatal renunciou a eses dous principios, a xente nova tivo e ten moito máis claro que o espazo do soberanismo é o que segue a manter vivas esas demandas para resolver os problemas da clase traballadora, pero especialmente os da propia xente moza, que se enfronta a un horizonte de precariedade brutal.
"En Galiza hai unha maioría de esquerda, con diferenzas para afrontar temas claves; o soberanismo dá unha resposta partindo da desigualdade estrutural no Estado"
Semella que desta vez, as formacións da esquerda están visualizando máis que noutras campañas a necesidade dun cambio conxunto, de colaboración, sen tantos reproches entre partidos destinados a cooperar...
É evidente que o que debatemos é se hai catro anos máis de neoliberalismo do PP ou se abordamos un cambio. Ese é o escenario claro da campaña e a disputa. Logo, obviamente, as diferentes forzas poñemos enriba da mesa as alternativas e os proxectos e cadaquén ofrece o seu programa. Temos que pensar Galiza de aquí a 20 anos, por iso nos centramos nas grandes transformacións a nivel estrutural que necesita este país a medio e longo prazo. O certo é que en Galiza hai unha maioría de esquerdas cada vez máis consolidada.
Pero nas autonómicas non se manifesta así...
A esquerda gañou a dereita nas últimas xerais, o PP perde chan en moitos concellos e nas cidades máis poboadas... Hai unha sociedade maioritariamente de esquerdas, pero á hora de traducir isto electoralmente hai diferenzas á hora de afrontar os temas claves para o futuro deste país. De aí a importancia de falar das cuestións estruturais, do que precisa Galiza, e desde o soberanismo dáse unha resposta desde o punto de vista da desigualdade estrutural que hai no propio Estado.
Na esquerda adoita haber un transvasamento de votos dunhas a outras formacións nos diferentes comicios pero custa máis atraer o apoio da abstención ou mesmo do caladoiro do PP. Cal cre que é a clave para ampliar esa base da esquerda?
Sobre o que deben facer outras formacións políticas non teño resposta, pero desde o meu ámbito, creo que a gran vantaxe da esquerda soberanista é que ante unha situación de incerteza e inseguridade económica é a forza capaz de ofrecer un proxecto de futuro a medio prazo para este país. É a gran capacidade do BNG, que é capaz enunciar a Galicia do futuro.
"Temos que abordar as transformacións para decidir hoxe a Galiza de dentro de 20 anos; a única formación que pon enriba da mesa como facer iso é o BNG"
Como debe ser esa Galicia do futuro?
Temos por diante o reto de asentar a revolución dixital, a transición enerxética que van afrontar os modos de producion e de consumo. Necesitamos que este país colla o tren da historia e faga as transformacións dentro do seu modelo de produtivo, reforzando a produción local, innovando os sectores estratéxicos... Temos que abordar todas esas transformacións para decidir hoxe que Galiza imos ter dentro de 20 anos. E creo que a única formación política que está poñendo enriba da mesa como abordar estas cuestións é o BNG.
Falou antes da "desigualdade estrutural no Estado"...
Si, e é algo que percibín claramente na miña experienca no Congreso. Existe dentro do Estado español un desenvolvemento do marco xeopolítico que consiste na concentración do poder político, económico e mediático na gran metrópole, que é Madrid, cunha excepción de contrapeso que é o Mediterráneo. Para o proxecto de Estado actual, o resto está condenado a ser periferia. Por iso temos que decidir que papel queremos xogar dentro do contexto mundial, e o gran problema ao que nos enfrontamos é que o Estado é quen de facer esa distribución do poder político porque asume as competencias centrais que permiten facelo: o financiamento e a capacidade de decidir o modelo produtivo e as infraestruturas. Eses son os tres piares nos que se basean a distribución desigual e as desigualdades territoriais. Por iso cremos que Galiza precisa asumir competencias sobre estes tres aspectos claves. Non se pode basear a descentralización do Estado na xestión ou suposta xestión do Estado de Benestar, senón que temos que ser capaces de decidir sobre cuestións fundamentais que están a contribuír á desigualdade.