"O cambio que queremos é máis posible ca nunca porque o medre do BNG é imparable". O Bloque citouse o pasado luns na pontevedresa praza da Ferrería, un dos espazos urbanos da Boa Vila que a formación soberanista amosa como modelo da súa xestión na cidade. Dende o emblema pontevedrés, a candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, apelou ao electorado nacionalista e tamén a quen nunca votou polo Bloque pero quere un cambio a partir do 12X.
"O PP está nervioso porque a maioría social que hai apenas un mes quería cambio, pero era escéptica, agora está convencida de que ese cambio é posible", afirma a líder do BNG
"Rompamos coa rutina, nada está escrito", convidou Pontón en Pontevedra, onde asegurou que no seo da formación existe a convicción de que o seu crecemento electoral pode ser moito maior ao augurado polos inquéritos que xa non está permitido publicar ata que pechen as urnas. "Por iso o PP está nervioso, porque a maioría social que hai apenas un mes quería cambio, pero era escéptica, agora está convencida de que ese cambio é posible", resaltou a candidata.
No equipo de campaña do Bloque respírase ilusión, aseguran, e por iso redobran as chamadas á mobilización e a alargar a súa propia base electoral, ao xeito do logrado en Pontevedra. "Quero dirixirme aos galegos e galegas que, votasen o que votasen noutros momentos, hoxe miran con simpatía ao BNG; aos que ilusiona unha Galiza cunha muller presidente á fronte dun Goberno que mire polo noso, que faga valer os nosos intereses sen ataduras a ninguén", convidou Pontón na Ferrería.
Pontón diríxese tamén a quen "estean pensando en votar outras alternativas, pero sen convicción" para pedirlles que "voten co corazón no país" e aposten polo Bloque
No seu discurso, a cabeza de cartel do BNG dirixiuse tamén a quen "estean pensando en votar outras alternativas" pero que o fan "sen convicción, case por inercia". "Que non o fagan: é o momento de votar co corazón no país, de votar de novo con orgullo, con esperanza e con ilusión para empezar a poñer Galiza en marcha a partir do 12X", pediu antes de animar a converter o vindeiro domingo no "momento de votar diferente, de facer historia, de que Galiza abra un tempo novo, de votar BNG!", exclamou. Eses sufraxios, asegura, serán postos ao servizo "dun proxecto sólido, solvente, con principios e estratexia para a reconstrución do país". Como en anos anteriores, persoal de ENCE protestou na contorna do mitin polo apoio do Bloque á fin da permanencia da pasteira na ría.
Manifesto a prol do BNG de "persoas do galeguismo"
Pontón finalizaba en Pontevedra a recta final da campaña na xornada en que foi publicado o manifesto É agora, na que "persoas do galeguismo e do nacionalismo que non militan no BNG piden o voto para Ana Pontón". O texto agrupa a persoas reunidas baixo o nome Proxecto Galego que apelan "ao galeguismo político" do último século e consideran que o soberanismo galego cómpre "alargar a súa base social e política" porque "existe un amplo espazo político exterior ao BNG que está a ser artellar para garantir que o soberanismo sexa maioritario".
O manifesto 'É agora', asinado por "persoas do galeguismo e do nacionalismo que non militan no BNG", pide o voto para Pontón
Dende esta óptica, din as persoas asinantes, ven como "esixencia cívica" un "compromiso político inmediato" que pasa por "outorgarlle a nosa confianza á proposta soberanista galega do BNG e de Ana Pontón". Fano "dende a convicción de que despois do 12 de xullo cómpre alargar esa base social", pero que agora tamén é urxente a "blindaxe dos servizos públicos sociais, sanitarios e educativos" ou "reindustrializar o país", asuntos que, cren, o BNG pode impulsar dende a Xunta.
Entre as persoas que asinan este manifesto inclúense o ex-vicepresidente Anxo Quintana, o ex-alcalde de Lalín Rafael Cuíña, o escritor Xavier Alcalá ou a traballadora social María Jesús Lago, que fora secretaria xeral de Benestar no Goberno de coalición de PSdeG e BNG. O texto íntegro pódese consultar nesta ligazón.