Ana Pontón: "Para que haxa retorno, na emigración teñen que ter a expectativa vital de que lles pode ir ben en Galiza"

Ana Pontón, nun acto do BNG previo á campaña do 12X CC-BY-NC-SA BNG

O voto exterior terá moi pouco impacto no resultado das vindeiras eleccións galegas do 12 de xullo. Tan só se tramitaron 12.359 solicitudes de voto nun censo que xa supera as 460.000 persoas. Esta é a cifra máis baixa desde que se implementou o actual sistema de voto rogado.

"Se toda esa xente que tivo que marchar por cuestións económicas estivese no país, teriamos unha situación moi diferente"

Pero aínda que na noite electoral non haxa ningún escano que vaia depender das sacas que cheguen do estranxeiro, todos os partidos políticos inclúen nos seus programas electorais medidas dirixidas á diáspora galega.

Nunha entrevista co podcast Té con Gotas, a candidata do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, ligou a cuestión migratoria coa crise demográfica. “Estou convencida de que se toda esa xente que tivo que marchar por cuestións económicas estivese no país, teriamos unha situación moi diferente”, asegurou.

A dirixente nacionalista entende que para afrontar o reto do retorno, fan falla medidas que teñan “un carácter integral” e que recoñezan as distintas vías que existen para regresar a Galicia. O BNG aposta por “programas de retorno de talento no ámbito da investigación”, así como pór en marcha axudas “para persoas que queiran montar o seu negocio” ou “facilidades no acceso á vivenda”.

Pontón, cos seus pais en Chorente (Sarria), no comezo da campaña CC-BY-NC-SA BNG

A candidata do BNG aposta por "programas de retorno de talento no ámbito da investigación" e axudas en materia de emprendemento e vivenda

A pesar das medidas concretas para o retorno, a emigración é por riba de todo un fenómeno económico. Para Pontón fai falla “darlle un cambio á propia situación do país” e recoñece que para recuperar o talento galego que está vivindo noutras partes do mundo, fai falta que exista a “expectativa vital de que che vai ir ben en Galiza para poder retornar”.

O BNG foi unha das forzas políticas que apoiou a polémica reforma do voto rogado, que rematou coas sospeitas de fraude nas eleccións en Galicia pero tamén implicou unha caída drástica da participación. Ana Pontón recoñece os “problemas no desenvolvemento do voto rogado e as dificultades que se lle están poñendo ás persoas para exercer o seu dereito a sufraxio”, pero lembra que Galicia ten un censo migrante moi alto e que co sistema anterior non había garantías de que non existise fraude. Diante da pregunta de que medidas tomaría o BNG para facilitar o dereito a voto da emigración con garantías, Pontón apostou por estudar a viabilidade do voto telemático. 

A serie especial de podcasts do Té con Gotas sobre as eleccións galegas comezou cunha entrevista a Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común e continuará co presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.