Antón Gómez-Reino: "Precisamos un plan de retorno dos emigrantes ben dotado de fondos, non como até agora"

Antón Gómez Reino na presentación da candidatura de Galicia en Común CC-BY-SA Galicia en Común

Desde que o experimento da autoproclamada “unidade popular” botou a andar en Galicia en 2012, as candidaturas integradas por Esquerda Unida, Anova e, máis tarde, Podemos pescaron sempre grande parte do seu voto entre as xeracións máis novas, golpeadas pola crise de 2008 e as sucesivas secuelas. 

Ante a falta de oportunidades no país, moitos optaron por emigrar, principalmente a outras cidades do estado e de Europa, conformando a primeira grande onda de emigración galega deste século. No descontento dese exilio económico é onde Antón Gómez Reino, candidato á presidencia da Xunta desta nova coalición, agora chamada Galicia en Común, aspira a gañar apoios para fortalecer a súa presenza nas bancadas do Parlamento galego.

“Queremos que a xente regrese non como un sacrificio, senón como unha oportunidade de vida”, di para o Té con Gotas, na primeira dunha serie de catro podcasts con entrevistas aos candidatos á presidencia da Xunta e representantes dos principais partidos nas eleccións do 12X. Como facelo? Na súa opinión, retomando unha política industrial “que a Xunta abandonou”, que promova a innovación e evitando a fuxida de empresas asentadas en Galicia a territorios con custos de producción máis baixos coa aprobación dunha lei antideslocalizacións.

Gómez-Reino, no comezo da campaña de Galicia en Común para o 12X CC-BY-SA GeC

“Queremos que a xente regrese non como un sacrificio, senón como unha oportunidade de vida”

Pero se a falta de traballo e a precariedade adoitan ser un problema para os máis novos, tanto do interior como da diáspora, as dificultades para acceder á vivenda, ao seu modo de ver, só agravan a situación. “O noso compromiso é que no primeiro ano de lexislatura todos os menores de 30 anos que queiran facelo poidan emanciparse e ter acceso a unha vivenda en réxime de alugueiro”, asegura. Unha medida, que para o caso dos emigrantes retornados, sería reforzada con axudas para acceder á vivenda, xa sexa a través de “pisos de protección oficial, pisos tutelados ou axudas ao alugueiro”.

O programa de Galicia en Común inclúe a creación dun plan de regreso da emigración, unha política habitual nos últimos anos nas axendas electorais da maioría de partidos pero que en opinión de Gómez Reino precisa dunha dotación real de fondos. “Non como até agora”, di. Na súa proposta, ademais de aumentar os fondos para vivenda e innovación, o tamén se incluiría cambiar a actual Secretaría Xeral de Emigración por unha Secretaría Xeral de Cidadanía Migrante.

Gómez-Reino aposta por reformar o sistema de voto rogado para a emigración, pero sen regresar ao sistema previo ao 2011

Aínda que non conta con circunscrición propia, a comunidade galega no exterior representa o 17% do censo electoral de Galicia e historicamente foi clave á hora de condicionar os resultados electorais do país. O voto rogado, un sistema introducido en 2011 co fin de reducir a fraude electoral e evitar episodios como o dos mortos da Arxentina votando nas eleccións galegas, “non é a mellor ferramenta”, en opinión de Antón Gómez Reino, xa que cre que desincentiva a participación. 

Ao seu modo de ver, deberíase deseñar un sistema menos burocrático, que facilite a chegada das papeletas, con prazos máis longos e máis recursos humanos nas oficinas consulares que eviten fraudes derivadas, por exemplo, da lenta actualización dos censos.

A serie especial de podcasts do Té con Gotas sobre as eleccións galegas continuará coa entrevista á candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.